De conformidade co establecido no Decreto 118/1973, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o texto da Lei de reforma e desenvolvemento agrario, sobre a adxudicación de explotacións agrarias, por Orde do 27 de abril de 1995 (DOG nº 114, do 15 de xuño) convocouse concurso para a adxudicación de lotes na zona de interese nacional da lagoa de Antela (Ourense).
No artigo 3.c da dita orde establécese como mérito preferente para a adquisición da condición de adxudicatario ter cultivado, persoal e ininterrompidamente, durante os dous últimos anos algunha das parcelas obxecto do presente concurso. O dito requisito podería parecer que premiaría ós posuidores actuais, discriminando a outros posibles licitadores que non tiveron ocasión de cultiva-las parcelas. En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,
DISPOÑO:
Artigo único.
Suprímese a letra c) do artigo 3 da Orde do 27 de abril de 1995, pola que se convoca concurso para a adxudicación de lotes na zona de interese nacional da lagoa de Antela (Ourense).
Disposición adicional.
O prazo de presentación de solicitudes a que fai referencia o artigo 4 da orde citada comezará a computarse á entrada en vigor da presente orde.
Disposición derradeira.
A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 1995.
Tomás Pérez Vidal
Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes
5106