Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 21 de xullo de 1995 Páx. 5.866

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 13 de xullo de 1995 pola que se modifica a Orde do 27 de abril de 1995, pola que se convoca concurso para a adxudicación de lotes na zona de interese nacional da Terra Cha (Lugo).

De conformidade co establecido no Decreto 118/1973, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o texto da Lei de reforma e desenvolvemento agrario, sobre a adxudicación de explotacións agrarias, por Orde do 27 de abril de 1995 (DOG nº 115, do 16 de xuño) convocouse concurso para a adxudicación de lotes na zona de interese nacional da Terra Cha (Lugo).

No artigo 3 c) da dita orde establécese como mérito preferente para a adquisición da condición de adxudicatario o ter cultivado, persoal e ininterrompidamente, durante os dous últimos anos algunha das parcelas obxecto do presente concurso. O dito requisito podería parecer que premiaría ós posuidores actuais, discriminando a outros posibles licitadores que non tiveron ocasión de cultiva-las parcelas. En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único

Suprímese a letra c) do artigo 3 da Orde do 27 de abril de 1995, pola que se convoca concurso para a adxudicación de lotes na zona de interese nacional da Terra Cha (Lugo).

Disposición adicional

O prazo de presentación de solicitudes a que fai referencia o artigo 4 da orde citada comezará a computarse á entrada en vigor da presente orde.

Disposición final

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

95-3633