Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 20 de xullo de 1995 Páx. 5.840

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE BUEU

ANUNCIO.

Dando cumprimento ó establecido polos artigos 70,2º da Lei de bases de réxime local, e 124, en relación co 131 da Lei sobre o réxime do solo e ordenación urbana, unha vez aprobado definitivamente, publícase o texto íntegro da modificación puntual da norma subsidiaria municipal (cuarteirón Massó), que é a seguinte:

3. Determinacións da modificación

3.1. Ámbito.

O ámbito da presente modificación é o que se establece na documentación gráfica que se acompaña e que constitúe o cuarteirón delimitado polas rúas:

-Montero Ríos.

-Eduardo Vincenti.

-Pazos Fontenla.

-Xoán Carballeira.

3.2. Vixencia.

Trala tramitación regulamentaria entrará en vigor a presente modificación coa publicación no BOP dos textos íntegros do acordo de aprobación definitiva pola Comisión Provincial de Urbanismo e da normativa urbanística.

Unha vez aprobada a modificación, esta terá vixencia indefinida igual cás normas subsidiarias de planemanento do Concello de Bueu.

3.3. Normas de ordenación.

3.3.1. O cuarteirón obxecto da modificación das normas subsidiarias pasa a ser regulado pola aplicación da ordenanza 12 correspondente a solo urbano de media-alta densidade, que será tanto de aplicación á edificación previstas para promoción privada, como ós edificios que se destinan a equipamentos e que se grafían no plano correspondente como A-2 e A-4

(equipamentos anteriormente fixados nas mesmas) e A-5, A-6 e AA-4 (equipamentos de nova creación).

3.3.2. Para efectos da súa aplicación ó cuarteirón ámbito da presente modificación, a ordenanza 12 terá o seguinte contido:

Ordenanza 12. Solo urbano de media-alta densidade.

Condicións xerais:

-Delimitación. A definida nos planos correspondentes de ordenación.

-Tipoloxía da edificación. Edificación entre medianeiras formando cuarteiróns.

Condicións de volume:

-Aliñacións. As definidas nos planos correspondentes de ordenación. O concello poderá axustar e/ou modifica-las aliñacións previstas mediante algunha das figuras de planeamento previstas para este fin.

-Liña de edificación exterior. Coincide coa aliñación.

-Fronte mínima de parcela. Será de 8 metros. Exceptúanse os soares que non poidan cumprir tal condición por se encontraren flanqueados por edificacións existentes, así como a renovación, adición ou reconstrucción de edificos que se encontren en iguais circunstancias.

Nos terreos que constitúen a antiga propiedade de Massó Hermanos, SA, cumprirase en tódolos casos a esixencia de fronte mínimo de 8 metros.

Non se permitirán segregacións que dean lugar a parcelas de fronte inferior ó establecido como mínimo.

-Fondo edificable. O fondo máximo edificable queda definido mediante as seguintes liñas:

a) A liña de edificación interior en planta de piso que non pode ser superada pola edificación agás pola prolongación da planta baixa. Esta liña trazarase paralela á aliñación e a unha distancia de 15 metros desta, agás as excepcións que se representen en planos, para as parcelas dos equipamentos comunitarios A-5 (ampliación do concello) e A-6 (museo Massó).

b) A liña de edificación interior en planta baixa que só pode ser alcanzada pola prolongación da planta baixa ou pola edificación de planta baixa ó interior da parcela que acolle a edificación principal. Esta liña trazarase paralela á aliñación e a unha distancia de 25 metros desta, agás as excepcións que se representen en plano.

-Altura da edificación. Exprésase no plano polo número de plantas: dúas ou baixo máis unha, tres ou baixo máis dúas, catro ou baixo máis tres, cinco ou baixo máis catro...; non poderá supera-las alturas máximas en metros que se sinalan a seguir:

Nº de plantasPlantasAltura máxima en metros

2Baixo + unha 6,50
3Baixo + dúas 9,70

4Baixo + tres12,60
5Baixo + catro15,40

A altura mínima será de dúas plantas sobre a rasante.

-Sotos e semisotos. Permítese un número máximo de 2 plantas baixo rasante.

-Saíntes. Os saíntes máximos autorizados serán de 1/12 ó largo da rúa cun máximo de 1 metro.

-Cafráns. Nas parcelas ou soares en esquina realizarase un chafrán na planta baixa ou, se é o caso, no cerramento, no punto de encontro entre as aliñacións, que será obrigatorio cando o ángulo de encontro sexa igual ou inferior a 120º; a súa lonxitude será como mínimo igual a 1/6 da suma dos largos das rúas confluíntes, con dimensións máxima e mínima de 6,00 e 2,50 m respectivamente, debendo ser perpendicular á bisectriz do ángulo de encontro.

-Soportais. Na fronte da zona verde de cuarteirón, delimitada pola alameda e as rúas Eduardo Vicenti, Pazos Fontela e r/ Nueva Apertura, as novas edificacións disporán dunha planta baixa, dunha zonas de soportais, con altura a da planta baixa e unha profundidade de 3 metros, que serán de uso público. No plano 5.5 sinálase a fronte aporticada.

-Normalización de parcelas. Cando entre dous lindes laterais dun soar e a aliñación se forman ángulos inferiores ó 65%, o concello denegará as licencias correspondentes e os propietarios estremeiros deberán proceder á regularización dos seus soares, mediante a compensación de superficies e establecemento dunha liña divisoria perpendicular á aliñación da rúa. Non se establecerán máis excepcións cás establecidas para a fronte mínima de edificación e as condicións alí previstas. Tódalas segregacións de parcelas que se realicen deberán dar cumprimento á condición de que o linde divisorio sexa perpendicular á aliñación da rúa.

Condicións de uso:

Permitiranse os usos seguintes:

* Vivenda: en tódalas súas formas. As vivendas terán que ser exteriores

* Industria: autorizaranse as instalacións industriais nas seguintes características e situacións:

Categoría 1ª. Situacións Aa, Ab e Ba.

Categoría 2ª. Situacións Ba e C.

Categoría 3ª. Situacións C e D

Exclúense expresamente os talleres de chapistería e pintura de calquera superficie e os de reparación de vehículos de máis de 75 m.

* Garaxe-aparcamento e servicio do automóbil:

En categoría 2ªa, 2ªb e 2ªc.

En categoría 5ª cando non exceda de 150 m. Considerase a posibilidade de que a categoría 5ª se integre como uso principal da categoría 2ª, sendo compatible

o uso principal de garaxe-aparcamento de uso colectivo co uso complementario de mantemento e limpeza de automóbiles sempre que queden resoltas convenientemente as posibles interferencias funcionais.

* Comercial. En categorías 1ª, 2ª e 3ª.

Na categoría 1ª, a partir dos 500 m da edificación dedicados a este uso disporase dunha praza de aparcamento cada 100 m. Na categoría 3ª cando a superficie do edificio dedicado a este uso supere os 500 m disporase dunha praza de aparcamento cada 100 m ou unha praza de aparcamento por cada local comercial posible se esta cifra é superior á anterior. En calquera caso estas prazas de aparcamento poden estar en superficie ou dentro de edificación, admitíndose a súa localización en garaxes-aparcamentos fóra da propia edificación, sempre que aqueles se sitúen dentro do cuarteirón ámbito da modificación e se acredite convenientemente a adscrición das prazas á edificación solicitada.

* Oficinas: en tódalas súas formas, mesmo en edificio exclusivo. Crearanse necesariamente as prazas de aparcamento dentro do propio cuarteirón, en razón de unha praza cada 100 m dedicados a este uso en edificios non exclusivos ou unha praza cada 50 m en edificios exclusivos de oficinas. En calquera caso estas prazas de aparcamento poden estar en superficie ou dentro de edificación, admitíndose o seu emprazamento en garaxes aparcamentos fóra da propia edificación, sempre que aqueles se sitúen dentro do cuarteirón ámbito da modificación e se acredite convenientemente a adscrición das prazas á edificación solicitada.

* Hoteleiro: en calquera das súas formas. En categoría 1ª, se é edificio exclusivo, deberá resolve-las necesidades de aparcamento en razón de unha praza cada 100 m construídos ou unha praza cada dúas camas; se non é edificio exclusivo estas prazas deberán situarse independentemente das prazas correspondentes ós usos restantes da edificación salvo que se xustifique adecuadamente a conveniencia de localizalas nun espacio común. En calquera caso, estas prazas de aparcamento poden estar en superficie ou dentro de edificación, admitíndose a súa localización en garaxes-aparcamentos fóra da propia edificación, sempre que aqueles se sitúen dentro do cuarteirón ámbito da modificación e se acredite convenientemente a adscrición das prazas á edificación solicitada.

* Salas de reunión.

Ademais, autorizaranse as construccións dedicadas ós seguintes usos:

-Sanitario: no caso de que impliquen aloxamento de enfermos permitirase só en edificio exclusivo.

-Asistencial: no caso de que implique aloxamento permitirase en edificio exclusivo ou se comparte o edificio con outros usos será necesario que posúa acceso e comunicacións interiores diferenciais dos do resto de usos.

-Educativo e docente.

-Sociocultural.

-Relixioso.

-Deportivo.

-Recreativo.

-Espectáculos: cunha capacidade máxima de 200 espectadores en edificios non exclusivos. En edificios exclusivos ou onde o uso espectáculo sexa predominante, sen limitación de prazas. Non obstante, o concello poderá esixir que se resolvan de forma satisfactoria os problemas de acceso e aparcamento cando o número de espectadores previstos sexa superior a 250.

-Servicios públicos e administrativos: tódolos asimilables ós usos de oficina ou comercio. Quedarán prohibidos, xa que logo, matadoiro, mercado de gando, depuradoras de residuais, vertedoiros, etc.

Aqueles usos compatibles co principal residencial, existentes na actualidade asimilables ó uso de equipamento urbano (cines, teatros, etc.) poderán manterse independentemente de que polas súas condicións de volume, capacidade, etc. quedaran fóra de ordenación xenérica.

Condicións estéticas:

Como criterio xeral buscarase que as novas edificacións se integren co conxunto das edificacións adxacentes para o que se empregarán texturas e cores nos materiais que non desentoen co conxunto xeral da contorna. Coidaranse especialmente os materiais de cuberta e o deseño dos volumes permitidos por encima da altura máxima (caixa de ascensores, chamineas de ventilación, antenas colectivas, etc.) que haberá de preocuparse de que no posible queden baixo a cuberta e ocultas por esta de forma que a cuberta ofreza panos o máis limpos posible. Os materiais desta (de cubrición, remates, petos, calexas, baixantes, etc.) haberán de ter textura e cor semellante ós tradicionalmente utilizados, evitando o emprego daqueles facilmente deriorables na súa integridade ou aspecto (oxidación ou calquera outra alteración en elementos metálicos, materiais plásticos, etc.).

Na fronte do cuarteirón á rúa Montero Ríos teranse ademais en conta as seguintes determinacións:

a) As adicións que se realicen sobre o edificio actual do museo realizaranse harmonizando coa fachada existente, tanto en materiais como en composición, tendo en conta o carácter singular do edificio.

b) Nas novas edificacións e adicións, a composición e ritmo de ocos adaptarase ó carácter de bordo marítimo en que se sitúan e en relación harmónica coa súa contorna.

c) Os cerramentos dos vans situaranse no plano da fachada xa sexa na cara interna ou externa. Non se admitirán tipoloxías estrañas ó conxunto de ocos dominantes. Cando se proxecten saíntes, estes non se permitirán corridos ó longo de toda a fachada, e deberanse dividir estes, adoptando solucións de galerías, miradoiros ou balcóns de tipo tradicional.

d) Os voos serán de tipo lixeiro, usando materiais non pesados que se distingan da fachada.

e) Os materiais, o seu tratamento, disposición, textura, cor, etc. serán os predominantes no conxunto da rúa, prohibíndose aqueles que sendo ou non tradicionais non se correspondan coa contorna.

f) Na fachada utilizarase pedra natural, soa ou combinada con outros materiais non cerámicos, en tonalidades integradas na contorna. En todo caso, a superficie de fachada tratada con pedra natural, será como mínimo todo o plano da aliñación da fachada.

g) Coidarase o tratamento das plantas baixas con destinos comerciais que deberán estar integradas na composición xeral da fachada, evitando que os rótulos, luminosos, etc. interfiran na dita composición.

h) A cuberta adecuarase na súa pendente, culminación e materiais ás existentes na contorna e terán faldóns rectos, sen cambios de pendente. Non sobresairán da cuberta das casetas de ascensores nin depósitos ou volumes de calquera tipo.

i) As cubertas dos edificios situados nesta fronte marítima serán de tella curva cerámica de cor tradicional.

j) Conservaranse e integraranse na composición das fachadas das novas edificacións que substitúan os edificios nº 115 e 121 da rúa Montero Ríos, os elementos de cantería, como lousas de voos, recercados de ocos, dinteis e cornixas, así como os balcóns e miradoiros existentes.

Estas edificacións novas poderanse completar en altura cunha segunda planta de igual composición cá primeira e unha terceira de galería. Nas plantas baixas respectarase o ritmo de ocos actuais.

No conxunto da fronte do cuarteirón deberá distinguirse, individualizándoos, os edificios que se tratan de conservar, co obxecto de mante-la trama urbana existente.

3.3.3. Retíranse do catálogo de edificios e conxuntos de protección non integral os edificios que forman a fronte do cuarteirón á rúa Montero Ríos e que están sinalados cos números 105 a 111 e 115 a 123, quedando regulada a edificación nesta fronte á rúa Montero Ríos polas normas contidas nos puntos anteriores.

3.3.4. En todo o non expresamente regulado por este documento será de aplicación a normativa contida nas normas subsidiarias de planeamento do Concello de Bueu actualmente vixentes.

3.4. Cesións.

Unha vez aprobada a modificación puntual, será obrigatoria a cesión gratuíta, nas condicións que se sinalarán, dos espacios de uso público que se conteñen na proposta de ordenación e que a seguir se relacionan:

3.4.1. Parcela de Massó Hermanos

Serán de cesión gratuíta as seguintes parcelas:

a) 3.015 m, destinados á ampliación da alameda e creación dunha gran zona verde central.

b) 516 m, destinados á ampliación do edificio actualmente ocupado polo concello.

c) 450 m, destinados á construcción dun edificio de uso asistencial que albergue un centro de terceira idade e aqueloutros usos que o concello acorde.

d) 2.883 m, destinados á creación de novos viais, espacios peonís e aparcamento.

e) 803 m, destinados ó alargamento da r/ Xoán Carballeira e á regularización da aliñación da r/ Montero Ríos.

A cesión gratuíta deste total de 7.667 m inclúe o subsolo do terreo, agás unha zona de 480 m baixo a rúa de tráfico rodado e que se delimita no plano 5.7, de cesións, que Massó Hermanos, SA poderá aproveitar para establecer comunicación entre os sotos dos bloques de edificación e sobre a cal o concello concede a súa utilización.

3.4.2. Resto das parcelas.

f) 58 m, destinados á ampliación da alameda e creación dunha gran zona verde central, por regularización da aliñación da parcela actualmente interior, ó prolonga-la liña da fachada prevista para o edificio asistencial AA-4.

3.5. Execución da urbanización.

A urbanización dos terreos desenvolverase simultaneamente coa construcción dos novos edificios e a súa realización será por conta dos titulares das parcelas de cesión.

Para a execución das obras antes citadas, unha vez aprobada a presente modificación puntual, será realizado por conta de Massó Hermanos, SA, en coordinación coa corporación de Bueu, o correspondente proxecto de urbanización do interior do cuarteirón. Unha vez aprobado o proxecto de urbanización, poderanse solicita-las licencias de edificación daquelas parcelas afectadas polas obras de urbanización contidas no citado proxecto.

Na licencia estableceranse as condicións de urbanización que debe ser realizada simultaneamente coa edificación, así como o prazo e as garantías que o promotor debe establecer para garanti-las súas obrigas de cesión e de urbanización, de acordo coa lexislación vixente.

En todo caso, non poderá concederse a licencia de primeira ocupación ás edificacións que non teñan realizadas previamente as cesións e as obras de urbanización que lle correspondan de acordo co contido da licencia de edificación.

3.6. Etapas

Con independencia das obrigas de cesión e urbanización sinaladas no apartado anterior, establécese un plan de etapas para as cesións que se recollen no plano 5.7, de etapas de cesións, e que se establece de acordo co convenio, de acordo coas previsións de

desmantelamento das instalacións de Massó Hermanos e dos elementos estructurais que as configuran espacialmente. As etapas son:

3.6.1. Cesións da parcela Massó.

Etapa 1ª. Parcela -A- Destinada á edificación do equipamento AA-4 e terreos estremeiros que garanten a súa viabilidade constructiva e accesos.

Prazo: cederáselle ó concello, nos dous (2) meses seguintes da entrada en vigor da aprobación definitiva da presente modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento.

Etapa 2ª. Parcela -B- Destinada á ampliación da alameda e a edificación do equipamento A-5.

Prazo: cederáselle ó concello, nos doce (12) meses seguintes da entrada en vigor da aprobación definitiva da presente modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento.

Etapa 3ª. Parcela -C-. Destinada á ampliación da alameda.

Prazo: cederáselle ó concello, nos dezaotio (18) meses seguintes da entrada en vigor da aprobación definitiva da presente modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento.

Etapa 4ª. Parcelas -D-, -E-, -F-, -G-, -H-, e -I-. Destinada á creación de novos viais, aparcamento público e alargamento de viais.

Prazo: cederáselle ó concello, no momento en que se proceda á urbanización delas, sen que en ningún caso poida superarse a súa entrega nos oitos (8) anos seguintes da entrada en vigor da aprobación definitiva da presente modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento.

3.6.2. Cesión resto parcelas

Etapa 5ª. Parcela -J-. Destinada á ampliación da alameda.

Prazo: cederáselle ó concello, nos doce (12) meses seguintes da entrada en vigor da aprobación definitiva da presente modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento.

4005