Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 20 de xullo de 1995 Páx. 5.823

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia da revisión salarial do convenio colectivo da empresa Televés.

Visto o expediente de revisión salarial do convenio colectivo da empresa Televés que tivo entrada nesta delegación provincial o día 1 de xuño de 1995, subscrito en representación da parte económica polo representante da empresa, e da parte social, polo representante dos traballadores, o día 16 de maio de 1995, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa publicación no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 6 de xuño de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña.

COMISIÓN DELIBERADORA

ACTA CONSOLIDACIÓN DE SINATURA REVISIÓN TÁBOAS SALARIAIS

En Santiago de Compostela, ás 14.15 horas do día 16 de maio de 1995, reúnese a comisión deliberadora para a revisión de táboas salariais do segundo ano de vixencia do convenio colectivo de Televés, S.A. (1995-1996) na sala de xuntas da empresa.

Representación dos traballadores: José Luis Villar López, Jesús Viqueira Río, Luis Martonell Caldas, Ángel Ramón Colón Béis, Jesús Conde Míguez, Javier Pazos Losada, Raúl Fernández Blanco, José Lameiro Suárez, Juan Feás Albor, Antonio García González, Jaime López Seoane e Manuel Pombo Aradas, Sergio Ramos Veiga (delegado sindical) asiste como oínte.

Representación da dirección da empresa: José Gabriel Barreiro Pérez, Jorge Lorenzo Souto e Jesús Casal Liñares.

Iniciada a sesión, o secretario le a acta da reunión anterior na que se recolle o acordo acadado entre ámbalas dúas representacións. Esta é aprobada e asinada.

Ámbalas dúas partes adoptan por unanimidade:

1.-Manifesta-la súa plena conformidade coas táboas salariais que se anexan e que conteñen os acordos aprobados e asinados por tódolos comparecentes.

2.-Remiti-lo acordado e as táboas salariais adxuntas á Consellería de Traballo, co fin de solicitar se procede o seu rexistro, de conformidade coa lexislación vixente.

E ás 14.30 horas, levántase a presente acta, da cal, como secretario, dou fe.

O secretario

Rubricado

95-4996