Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 18 de xullo de 1995 Páx. 5.737

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 208/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no Censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia Muller e Xuventude, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Emprego, o exercicio das competencias e funcións de que dispón a Xunta de Galicia, entre outras materias, no relativo á formación ocupacional, como consecuencia do traspaso de funcións e servicios da xestión do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional, asumidos por esta Comunidade Autónoma polo Decreto 69/1993, do 10 de marzo.

Tanto a normativa estatal reguladora do antedito plan (R.D. 631/1993, do 3 de maio) coma o Decreto 52/1994, do 4 de marzo, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da antedita consellería en materia de formación, promoción de emprego e fomento da economía social, esixen, co fin de garantir un mínimo de calidade, que as entidades que vaian colaborar na impartición de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional estean inscritas nun Censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional, unha vez homologadas as correspondentes especialidades formativas.

Este censo estaba regulado, ata o de agora, por unha orde da Consellería de Traballo e Servicios Sociais do 25 de xaneiro de 1993, sendo precisa, neste momento, a súa substitución por unha nova norma con rango de decreto que aborde aspectos procedementais, ausentes naquela, que sexa coherente cos obxectivos marcados polo Plan de Emprego Xuvenil en materia de formación e orientación profesional.

Consecuentemente con todo o anterior, por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude, consultado o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais e o Consello Galego de Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto establece-lo procedemento que se deberá seguir para a homologación das especialidades que, en execución do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional e no ámbito da Comunidade Autónoma galega, poderán ser impartidas nos centros colaboradores da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 2º.-Requisitos.

1. Deberán solicita-la homologación de especialidades formativas de acordo co procedemento establecido no presente decreto, as persoas físicas, as entidades xurídicas e as institucións que, dispoñendo de centros de formación desexen colaborar na impartición dos cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional, sempre que os mesmos cumpran os requisitos establecidos nos parágrafos seguintes.

2. Os requisitos que deben reunirse para obte-la homologación de especialidades e a condición de centro colaborador de formación ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude serán os seguintes:

a) Os establecidos nos programas formativos dos cursos validados polo Consello Xeral de Formación Profesional, no seu defecto, seguiranse os criterios técnicos establecidos polos servicios competentes.

b) As condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade e de seguridade, esixidas pola lexislación vixente.

c) Unha aula por especialidade, que terá un mínimo de 30 m para grupos de quince alumnos. Non será necesario dispoñer dunha aula para cada especialidade no caso de especialidades afíns, sempre que poidan impartirse cos mesmos medios. Non obstante, non poderá programarse máis de unha ou dúas destas especialidades en cada programación, en función da posibilidade de impartición en horario de mañá e tarde.

d) Cando a natureza da especialidade formativa así o esixa, un taller que lles permita a tódolos alumnos realiza-las prácticas de xeito simultáneo.

e) Un espacio para despachos de dirección, sala de profesores e actividades de coordinación, así como unha secretaría, suficiente en relación co número de especialidades homologadas.

f) Servicios hixiénico-sanitarios en número adecuado á capacidade do centro.

g) O profesorado deberá ser experto na especialidade formativa de que se trate, debendo manterse unha relación máxima profesor alumno de 1/20.

h) Dispoñer dun equipo que permita a transmisión de datos informatizados á Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

3. Para a homologación de especialidades formativas, ademais dos requisitos sinalados no parágrafo anterior, teranse en conta as necesidades de formación detectadas na Comunidade Autónoma de Galicia a través do Observatorio Permanente das Ocupacións ou dos estudios que poida realiza-la Consellería de Familia, Muller e Xuventude, coa participación que regulamentariamente se establece do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais, así como o número de centros que teñan homologada esa especialidade na área xeográfica da entidade solicitante.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá establecer limitacións para a homologación naquelas especialidades formativas nas que, a través dos anteditos estudios, se comprobe a existencia de escasa demanda formativa.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obte-la homologación de especialidades e a condición de centro colaborador, deberán formaliza-la correspondente solicitude no modelo normalizado que se estableza pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado.

2. As solicitudes de homologación poderán presentarse durante todo o ano agás mentres estea vixente o prazo establecido nas respectivas ordes anuais de convocatoria para a solicitude de cursos.

3. O cumprimento dos anteditos requisitos acreditarase mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Memoria e planos dos inmobles e instalacións correspondentes a cada especialidade.

b) Xustificante da propiedade, arrendamento ou título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes.

c) Programa de prácticas detallado e coñecementos profesionais estructurados por módulos, xuntando así mesmo a tipoloxía das probas de avaliación que se vaian efectuar.

d) Relación de maquinaria, utensilios e material de consumo que se utilizará en cada curso, que deberá ser suficiente e adecuado para que os alumnos poidan realiza-las prácticas simultaneamente.

e) Textos e outros medios didácticos axustados ó contido de cada especialidade formativa.

f) Relación do profesorado correspondente a cada especialidade, que deberá ser experto na área ocupacional de que se trate, acreditando documentalmente a súa formación ou, no seu defecto, perfil curricular que deben reunir. Neste último suposto corresponderalles ás delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude a autorización do profesorado concreto que vaia imparti-los cursos, así como a súa substitución.

g) Actividade do centro.

h) Licencia municipal de apertura como centro de formación.

i) Código de identificación fiscal e estatutos ou normas debidamente legalizadas polas que se rexa a entidade.

j) Descrición do equipo informático de que dispón para a transmisión dos datos á Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

4. A documentación acreditativa dos elementos comúns presentarase por centros, non sendo necesario presentala por especialidades.

Artigo 4º.-Tramitación.

1. Os Servicios de Formación e Emprego das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude examinarán as solicitudes e comprobarán que a documentación achegada é correcta e suficiente.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados ou a documentación aportada contivera erros ou fora insuficiente, requiriráselle ó solicitante que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite, ó abeiro do disposto no Art. 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

3. Realizados os trámites de instrucción sinalados nos dous parágrafos anteriores, os técnicos de formación ocupacional das delegacións provinciais da consellería visitarán as instalacións da entidade solicitante e comprobarán o cumprimento dos requisitos esixidos para a homologación das especialidades e a coincidencia dos datos alegados na documentación

coa situación real delas e emitirán o correspondente informe co visto e prace do delegado provincial.

4. No caso de que na visita se apreciaran deficiencias e estas foran, a xuízo do técnico, de doada e inmediata reparación efectuarase, se así o solicita lo interesado, nova visita transcorridos dez días desde a anterior, e procederase á emisión do oportuno informe complementario coas mesmas formalidades que as sinaladas para o inicial.

Artigo 5º.-Resolución.

1. Unha vez completada a fase provincial de instrucción do expediente, remitirase ó Servicio Técnico de Formación Ocupacional, para a súa revisión e posterior elevación ó director xeral de Formación e Emprego como órgano competente para a súa resolución.

De conformidade co disposto no Art. 71.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o antedito servicio poderá reclamar dos solicitantes a modificación ou mellora voluntaria dos termos da solicitude, para a mellor resolución do expediente.

2. A terminación do expediente de homologación de especialidades, logo de efectua-lo trámite de audiencia, corresponderalle ó director xeral de Formación e Emprego mediante resolución motivada que lles deberá ser notificada ós interesados.

3. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de tres meses contado desde o día seguinte ó da recepción da solicitude nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude. Transcorrido o antedito prazo sen que se dictara resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da homologación.

4. Contra as resolucións do director xeral de Formación e Emprego que poñan fin ó procedemento de homologación poderá interporse recurso ordinario perante a conselleira de Familia, Muller e Xuventude, no prazo de un mes contado desde o día seguinte ó da recepción da notificación da resolución que se pretenda impugnar.

Artigo 6º.-Censo de Centros Colaboradores.

1. A homologación de especialidades formativas implicará a inclusión da entidade nun Censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, constituído para o efecto na Dirección Xeral de Formación e Emprego.

2. A cada entidade asignaráselle un número de censo e ás que dispoñan de máis de un centro na mesma ou distinta localidade, asignaráselles un número distinto para cada un deles.

3. A obtención da condición de centro colaborador de formación ocupacional comportará a posibilidade de optar á impartición de cursos dentro das respectivas programacións anuais do Plan Nacional de Formación

e Inserción Profesional e, se é o caso, á percepción das correspondentes subvencións.

Artigo 7º.-Cambio de titularidade.

O cambio da titularidade dun centro colaborador non implicará a perda desa condición, sempre que o mantemento dela, sexa autorizado pola Dirección Xeral de Formación e Emprego e se manteñan as instalacións, medios humanos e materiais que deron lugar á homologación, e así se solicite expresamente a antedita dirección xeral. Esta solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Subrogación de dereitos e obrigas do novo titular.

b) Acreditación da venda, alugueiro ou dereito de uso do antigo titular a favor do novo.

c) Copia compulsada do documento que xustifique a alta no IAE.

Artigo 8º.-Proxectos formativos.

1. Poderán homologárselles especialidades formativas ás empresas que presenten un proxecto formativo, específico para elas, cun compromiso de contratación de polo menos o 60 % dos alumnos por un período mínimo de seis meses, previo informe favorable dos técnicos de formación ocupacional co visto e prace do delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

2. A estas entidades asignaráselles un número provisional do Censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional en tanto dure a impartición do proxecto formativo, e non adquirirán dereito ningún unha vez rematada esta.

Artigo 9º.-Especialidades formativas.

1. Poderanse homologar aquelas especialidades que estean incluídas no Ficheiro de Especialidades Formativas do Instituto Nacional de Emprego.

2. A Dirección Xeral de Formación e Emprego, excepcionalmente, poderá autoriza-la homologación de especialidades formativas que non estean recollidas no ficheiro sinalado no parágrafo anterior, como proxectos experimentais ou innovadores, sempre que as entidades que os promovan acompañen a solicitude da seguinte documentación:

a) Informe motivado das necesidades de formación nesa especialidade en relación co mercado de traballo.

b) Descrición do programa formativo segundo a estructura dun curso normalizado de formación profesional ocupacional.

c) Valoración estimada do custo de formación para quince alumnos.

3. Toda especialidade formativa homologada comprenderá as especificacións técnico-docentes e o contido formativo axeitado, e ademais será obxecto de clasificación acorde co seu nivel formativo e grao de dificultade, co obxecto de determina-las subvencións ós centros colaboradores orixinadas pola súa impartición.

Artigo 10º.-Homologación de novas especialidades.

No caso de que algún centro considere necesario homologar unha especialidade formativa que non estea recollida no Ficheiro de Especialidades do Instituto Nacional de Emprego, será necesario presentar ante a Dirección Xeral de Formación e Emprego un informe motivado das necesidades de formación na especialidade formativa en relación co mercado de traballo, a descrición do programa segundo a estructura dun curso normalizado de formación profesional ocupacional, así como unha valoración estimada do custo de formación para 15 alumnos, quen a estudiará e trasladará, se é o caso, ante o Instituto Nacional de Emprego.

Artigo 11.-Obrigas dos centros colaboradores.

As entidades que obteñan a condición de centro colaborador de formación ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, virán obrigadas a:

1. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan realiza-los técnicos de formación ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, quedando obrigados a facilitar canta información se lles solicite.

2. Mante-las instalacións e estructura de medios con base nas que se produciu a inscrición como centro colaborador, e adaptalas ós requisitos mínimos que en cada momento se esixan para cada especialidade homologada.

3. Non percibir cantidade ningunha dos alumnos incluídos na programación correspondente do Plan F.I.P.

4. Facer constar na súa publicidade a condición de centro colaborador de formación ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude naquelas accións incluídas na programación do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional aprobadas pola antedita consellería.

5. Non facer constar na publicidade dos seus cursos privados a súa condición de centro colaborador de formación ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

6. Levar contabilidade separada de tódolos gastos que realicen para imparti-los cursos incluídos na programación do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional.

7. Solicitar autorización expresa para continuar como centro colaborador cando se produza un cambio na titularidade do propietario ou responsable xurídico.

Artigo 12º.-Revogación da condición de centro colaborador.

A Dirección Xeral de Formación e Emprego, mediante resolución motivada e logo de audiencia do titular do centro, poderalles revoga-la autorización como centro colaborador a aquelas entidades que:

a) Incumprisen calquera dos preceptos contidos no presente decreto.

b) Subcontratasen cun terceiro a execución dos cursos dos que teñan concedida a súa realización.

c) Aplicasen as subvencións a un fin distinto daquel para o que foron concedidas.

d) Non sexan incluídas na programación de cursos durante dous anos consecutivos.

Artigo 13º.-Revogación de especialidades homologadas.

1. A Dirección Xeral de Formación e Emprego, logo de aviso cunha antelación mínima de tres meses, poderá revoga-la homologación de especialidades formativas cando concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Non conservación das esixencias técnico-pedagóxicas, materiais e de persoal tidas en conta para a homologación da especialidade.

b) Non adecuación da especialidade ás necesidades que demanda o sistema productivo.

c) Non programación pola consellería, durante dous anos consecutivos, de ningún curso correspondente á especialidade homologada.

d) Non superación dos mínimos da calidade da formación e dos resultados de inserción profesional dos alumnos, determinados pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

2. Contra as resolucións de revogación previstas neste e no anterior artigo, poderase interpor recurso ordinario perante a conselleira de Familia, Muller e Xuventude, no prazo de un mes contado desde o día seguinte ó da recepción da notificación da resolución que se pretenda impugnar.

Disposicións adicionais

Primeira.-As entidades que á entrada en vigor da presente disposición estiveran inscritas no censo regulado pola Orde de 25 de xaneiro de 1993, de homologación de especialidades para a súa impartición nos centros colaboradores de formación ocupacional na Comunidade Autónoma de Galicia, conservarán a súa condición coa salvidade sinalada na disposición transitoria primeira.

Segunda.-Os centros concertados da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria consideraranse como centros colaboradores para as especialidades das familias profesionais correspondentes ás ramas que actualmente teñan autorizadas como ensinanzas regradas, sempre que así o soliciten expresamente e cumpran os trámites sinalados no parágrafo anterior.

Terceira.-En relación co requisito establecido no Art. 2.2º g) relativo á formación do profesorado, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude dictará as disposicións que sexan necesarias co fin de que tódolos docentes que impartan cursos de formación profesional ocupacional realicen un curso de metodoloxía didáctica, requisito que, no prazo que estableza aquela, será imprescindible para poder imparti-los anteditos cursos.

Cuarta.-Por orde motivada da conselleira de Familia, Muller e Xuventude poderá ser ampliado o prazo de dous anos sinalado nos artigos 12 d) e 13.1º c) da presente disposición.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os centros que á entrada en vigor do presente decreto conten con algunha especialidade homologada con carácter provisional, disporán dun prazo de dous meses, contados desde a mesma, para adaptaren as súas instalacións ós requisitos esixidos nesta disposición. Transcorrido o devandito prazo, perderán a homologación provisional das especialidades de que se trate.

Segunda.-Os centros que á entrada en vigor do presente decreto estiveran inscritos no censo regulado na Orde do 25 de xaneiro de 1993 e aqueles que presentaran a súa solicitude antes da mesma, disporán de prazo para o cumprimento do requisito sinalado no artigo 2.2º h) ata a publicación da convocatoria de cursos para o ano 1996.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto e, en concreto, a Orde do 25 de xaneiro de 1993, da entón Consellería de Traballo e Servicios Sociais, de homologación de especialidades para a súa impartición nos centros colaboradores de formación ocupacional na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia, Muller e Xuventude para que dicte, no ámbito das súas competencias, as normas necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

95-04419