Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 18 de xullo de 1995 Páx. 5.737

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 1995 pola que se fai público o acordo da Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos do 10 de maio de 1995 sobre criterios para a concesión de avais por parte do Igape.

A Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos na súa reunión do dez de maio de mil novecentos noventa e cinco, adoptou, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, o acordo que figura como anexo da presente resolución.

Coa finalidade de facilita-lo seu coñecemento e aplicación ordénase a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 1995.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ACORDO DA COMISIÓN DELEGADA DA XUNTA DE GALICIA PARA ASUNTOS ECONÓMICOS DO 10 DE MAIO DE 1995 SOBRE CRITERIOS PARA A CONCESIÓN DE AVALES POR PARTE DO IGAPE

Os avais que o Igape poida conceder dentro da autorización máxima que conteñan as leis de orzamentos de cada ano e de acordo co previsto no Decreto 284/1994 do 15 de setembro de regulación de avais polo Igape, modificado polo Decreto 132/1995, do 10 de maio, polo que se modifica o Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulación de avais do Igape, distribuiranse, segundo o seu obxectivo e finalidade, do modo seguinte:

a) Ata un 30% do total autorizado en cada exercicio para apoiar plans de viabilidade de empresas.

b) Ata un 30% total autorizado en cada exercicio para apoiar accións que sexan consecuencia de plans e programas sectoriais de competitividade, así como aquelas que, con igual finalidade, poñan en marcha empresas ou grupos empresariais de especial interese socioeconómico para Galicia.

c)Ata un 40% para o apoio e promoción de novas empresas ou ampliación das existentes.

Para a aprobación de expedientes dentro das porcentaxes anteriores tomaranse en conta en todo caso os seguintes criterios:

-Para os expedientes a que se refiren as letras a) e b) do punto anterior, como mínimo o 85 e o 70% dos seus límites respectivamente, destinaranse a atender aquelas que se refiran a sectores, empresas ou grupos empresariais sobre os que a Comisión Delegada para Asuntos Económicos teña adoptado acordo para apoiar a súa viabilidade ou competitividade, sempre que os avais acordados estean integrados dentro

dunha actuación ou programa conxunto no que, ademais dos compromisos empresariais e sociais precisos, se inclúen outras accións de apoio do sistema productivo de Galicia a levar a cabo polas administracións públicas.

-Para as actuacións a que se refire a letra c) do punto anterior, as solicitadas de proxectos a financiar polo INESGA serán prioritarias a calquera outra. Neste sentido procurarase deixar liña dispoñible suficiente por dar cobertura ás expectativas de proxectos que en cada momento poidan preverse.

-As porcentaxes anteriormente sinaladas poderán ser modificadas por resolución do presidente do Igape dentro do límite máximo autorizado para cada exercicio pola Lei de presupostos.

Cando de acordo cos expedientes en curso se poida prever que as porcentaxes de cada grupo están cubertas pola aplicación dos criterios anteriores, procederase a arquchivar sen máis trámite as demais solicitudes comunicando esta circunstancia ós interesados.

Nos avais que conceda o Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, a garantía que se preste non excederá do 70% do crédito que se afiance.

Non obstante e logo de xustificación no expediente, cando se trate de operacións a que se refire a letra a) do apartado anterior, poderanse alcanza-los límites previstos no Decreto 132/1995 do 10 de maio, polo que se modifica o Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulación de avais do Igape.

Cando o Igape e as entidades financeiras comportan garantías de igual rango, a cobertura que estas proporcionen aplicarase, en caso de ser precisa a súa execución, en proporción ós riscos asumidos por cada parte na operación de que se trate.

4992