Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Luns, 17 de xullo de 1995 Páx. 5.714

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 27 de xuño de 1995, pola que se fixa a aportación do Igape ós fondos de provisións técnicas das sociedades de garantía recíproca con domicilio social en Galicia.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, define este ente como instrumento básico para impulsa-lo desenvolvemento económico de Galicia, especialmente de cara ás pequenas e medianas empresas (Pemes), que constitúen a base do texido empresarial galego.

Dentro do actual sistema promocional do Igape, e como medida de axuda ás Pemes, complementaria doutras xa postas en funcionamento, acórdase modifica-lo sistema de cuantificación da cantidade que en concepto de aportación ós fondos de previsións técnicas das sociedades de garantía recíproca (S.G.R.) galegas viña prestando o Igape, co obxecto de reforza-la solvencia destas sociedades e a asunción de riscos maiores en operacións dos seus asociados, especialmente as referentes a proxectos de innovación e ós promovidos por xoves empresarios.

Por todo o exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Poderán ser beneficiarios do apoio establecido na presente orde, as Sociedades de Garantía Recíproca que teñan o seu domicilio social en Galicia e conten como socio protector á Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-A finalidade desta aportación será potencia-la prestación de garantías polas ditas sociedades, fomenta-lo seu desenvolvemento e mellora-la súa solvencia e aceptación entre as entidades de crédito que outorgan préstamos ás empresas que operan en Galicia, posibilitando deste xeito unha maior asunción de risco a favor dos seus socios, especialmente para proxectos innovadores ou promovidos por xoves empresarios.

Artigo 3º.-As axudas a que se refire a orde consistirán en:

a)Unha aportación reintegrable variable, que en ningún caso excederá do 25% da contía dos fallidos que a S.G.R. acredite terse producido no exercicio e que se refiran, exclusivamente, a operacións de aval en garantía de proxectos que conten coa previa aprobación da Dirección do Igape de acordo co convenio sobre operativa de xestión, que para tal efecto se asine entre as partes.

b)Unha aportación anual, a tanto alzado, que se fixa para 1995 en 15 millóns de pesetas a cada S.G.R. domiciliada en Galicia.

Artigo 4º.-As ditas cantidades aboaranse con cargo ós créditos que en cada exercicio figuren no orzamento de gastos do Instituto Galego de Promoción Económica e deberán ser destinadas a engrosa-lo Fondo de Provisións Técnicas da Sociedade de Garantía Recíproca concesionaria, quén deberá contabilizalas de forma facilmente identificable e separada.

Artigo 5º.-As Sociedades de Garantía Recíproca materializarán a dotación referida na letra b) do Art. 3º nos seguintes títulos e por esta orde:

a)Títulos de renda fixa emitidos porla Comunidade Autónoma galega.

b)Títulos de renda fixa emitidos polas corporacións locais galegas.

c)Valores de renda fixa emitidos por sociedades de desenvolvemento industrial domiciliados en Galicia.

d)Outros títulos de renda fixa.

Os rendementos que se obteñan pola dita materialización destinaranse igualmente ó Fondo de Previsións Técnicas.

Artigo 6º.-Con respecto ás operacións a que se refire o Art.3º.a) desta orde, en caso que a Sociedade de Garantía Recíproca se reintegrase da totalidade ou parte do importe efectivamente pagado na súa calidade de avalista, o Igape participará da cantidade recobrada no mesmo porcentaxe da súa aportación á S.G.R. por causa do fallido, segundo o previsto no convenio de xestión operativa que para tal efecto se formalice entre o Igape e as SS.GG.RR.

O dereito de reintegro do Igape nacerá simultaneamente ó dito recobro e será feito efectivo mediante compensación do seu importe na liquidación de fallidos realizada ó final do exercicio.

Artigo 7º.-As Sociedades de Garantía Recíproca comunicarán trimestralmente ó Igape, con respecto ás operacións do Art.3º.a) da presente orde, a relación de avales ou fianzas prestados en cada período, os falidos producidos e as cantidades recobradas.

Igualmente e con carácter xeral, deberán comunicar trimestralmente ó Igape a situación do Fondo de Previsións Técnicas respecto á aplicación de operacións formalizadas.

Artigo 8º.-Para o desenvolvemento e aplicación da presente orde, o Igape formalizará o pertinente convenio coas S.G.R domiciliadas en Galicia.

Disposición final

Esta orde entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 1995.

José Antonio Orza Fernández

Presidente do Instituto Galego

de Promoción Económica

95-04908