Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Venres, 14 de xullo de 1995 Páx. 5.673

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 5 de xuño de 1995 pola que se crea o Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en réxime especial da Xunta de Galicia.

A Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, regula no seu título IV, capítulo II, o réxime especial de producción de enerxía eléctrica.

O Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, prevé no seu artigo 6 a creación dun rexistro de instalacións de producción en réxime especial na Dirección Xeral de Enerxía do Ministerio de Industria e Eneerxía, e a inscrición nel como condición necesaria para acceder a este réxime. Así mesmo prevese a creación de rexistros análogos nas comunidades autónomas.

Na Comunidade Autónoma de Galicia o órgano competente para autoriza-la inscrición no réxime especial é a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio, de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia, co Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, co Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e co Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación co decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctaricas.

A conveniencia da creación do rexistro vén dada pola mellora que supón no control deste tipo de instalacións dentro do futuro plan enerxético de Galicia, así como pola axilización na tramitación de expedientes en coordinación co rexistro da Dirección Xeral da Enerxía. Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único: créase o Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en réxime especial da Xunta de Galicia da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industria para dicta-las disposicións que sexan necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 1995.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

95-4985