Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 12 de xullo de 1995 Páx. 5.605

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Viguesa de Transportes, S.A. (Vitrasa).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Viguesa de Transportes, S.A. (Vitrasa), situada na provincia de Pontevedra que tivo entrada nesta delegación provincial o día 25-5-1995, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social polo comité de empresa, en data 23-5-1995. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Vigo, vintenove de maio de mil novecentos noventa e cinco.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Pola dirección:

Aquilino Peña Sánchez

José Luis Carballo Alonso

Luis Silveiro Castro

José Luis Seijas González

Francisco Javier Pérez Bravo

Polo comité:

Santos Villadangos García

Jesús N. Romero González

Marcos Langarica Vázquez

Alfonso Pena Melón

Jaime Giráldez Alvarez

Julio Martínez Méndez

Matilde Souza Iglesias

Celedonio Villanueva Arias

José Antonio González Soliño

Secretarios:

José Antonio González Soliño

Franciso Javier Pérez Bravo

En Vigo sendo as 17 horas do día vintetrés de maio de mil novecentos noventa e cinco reúnense os membros da comisión negociadora do convenio colectivo de Viguesa de Transportes, S.A. (Vitrasa), os que tras un amplo debate chegan ó acordo da aprobación do convenio colectivo segundo o articulado aprobado en anteriores sesións e coas condicións económicas que se detallan a seguir:

-Vixencia: tres anos.

-Incrementos salariais: 1995 IPC real con efectos do 1 de xaneiro de 1995; 1996 IPC real máis 0,75 puntos; 1997 IPC real máis 1 punto.

Fíxanse os seguintes valores para o complemento de antigüidade:

Para 1995 e 1996 valor bienio 141 ptas. e valor quinquenio 282 ptas.; para 1997 valor bienio 144 ptas. e valor quinquenio 288 ptas., como referencia para a categoría de conductor-perceptor, achándose os das restantes categorías na mesma proporción.

-Absentismos: que non superará o 5,5% do cadro de persoal en cómputo anual.

Supresión do Art. 25 do actual convenio colectivo.

Non tendo máis asuntos que tratar, remata a reunión cos acordos antes citados no lugar, data e hora arriba indicados.

Texto do convenio

O convenio colectivo da empresa Viguesa de Transportes, S.A. (Vitrasa), concértase entre as representacións da dirección desta e o comité de empresa co seguinte articulado:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afectará a tódolos traballadores da empresa Viguesa de Transportes, S.A. (Vitrasa), así como aqueles que entren en servicio durante a súa vixencia.

Artigo 2º.-Duración, vixencia, prórrogas e denuncia.

A duración do presente convenio será de tres anos e terá duración ata o 31 de decembro de 1997.

O convenio entrará en vigor o día da súa publicación no BOP.

Os conceptos económicos terán efecto desde o día 1 de xaneiro de 1995 só para o persoal que estea prestando servicios á empresa na data da súa publicación no BOP.

O convenio entenderase tacitamente prorrogado por períodos iguais, en canto non sexa denunciado por calquera das partes, en forma escrita e cunha antelación mínima de tres meses ó seu respectivo vencemento, con traslado da denuncia á outra parte no indicado prazo.

Artigo 3º.-Comisión mixta.

Para a interpretación, vixilancia, e cumprimento deste convenio, así como para o desempeño de cantas funcións lle puidesen ser atribuídas pola lei ou por normas do presente texto, establécese unha comisión mixta, integrada polas seguintes persoas:

Presidente: será o designado, no seu momento, polos membros da propia comisión.

Vocais: en número de oito, catro por cada parte.

Secretario: o que designe, por maioría de votos, a propia comisión.

Asesores: os que as representacións da dirección e os traballadores coiden oportunos -a razón de dous asesores por parte- logo de solicitude á presidencia.

A comisión mixta reunirase, sempre que calquera das partes o considere oportuno, con previo aviso dunha antelación mínima de sete días.

Artigo 4º.-Integridade do convenio.

Para tódolos efectos o presente convenio constituirá unha unidade indivisible e as súas melloras serán consideradas globalmente.

Do mesmo xeito, queda ben entendido que tampouco será admisible ningunha reclamación por nin

gún concepto que non sexa dos abranguidos especificamente no presente convenio.

Artigo 5º.-Compensación.

As melloras económicas establecidas no presente convenio serán compensables, na súa totalidade, coas que anteriormente estivesen rexendo por imperativo legal, xurisprudencial, contencioso, pacto de calquera clase, contrato individual ou por calquera outra causa.

Artigo 6º.-Absorbilidade.

As melloras pactadas neste convenio serán absorbidas polos aumentos de retribución que poidan establecer futuras disposicións legais, polo que aqueles soamente terán eficacia práctica se, globalmente considerados en cómputo anual, superan o nivel total retributivo deste convenio.

Artigo 7º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó presente convenio, veña desfrutando de condicións máis beneficiosas cás que aquí se establecen, deberán conservalas.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 40 horas semanais, equivalente a 1.826 horas e 27 minutos anuais en cómputo de 28 días.

A empresa garantiralle ó persoal unha xornada mínima de seis horas diarias.

O servicio prestarase en réxime de xornada continuada e xornada partida.

A xornada partida distribuirase, como máximo, en dous períodos cun descanso mínimo de dúas horas abranguido entre as 12 e as 16 horas.

O persoal de movemento desfrutará de oito descansos cada trinta días, repartidos en grupos de ata catro días consecutivos como máximo, desfrutando como mínimo dous domingos ó mes. A distribución dos descansos efectuarase dunha forma equitativa entre todo o persoal de conducción, tomando como mínimo e máximo, 4 e 7 días entre descanso e descanso.

O cadro de descansos do persoal de movemento estará exposto con tres meses de antelación e o cadro de servicios estará exposto como mínimo con tres días de antelación, sen prexuízo das súas correccións posteriores, motivadas por causas imprevisibles.

Para o persoal de taller a xornada semanal será de 40 horas, realizándose esta de xeito continuado, en tres quendas, integradas polo persoal das distintas categorías necesario para a prestación racional e homoxénea do servicio. As quendas do persoal de taller serán as seguintes:

Mañá, de 7 a 15 horas; tarde, de 14 a 22 horas; noite de 22 a 6 horas. O persoal de taller das quendas de mañá e tarde desfrutará de descanso os sábados e domingos, se ben durante os ditos días, traballará, como ata a data, o persoal necesario para realiza-los servicios de urxencia.

O persoal que realice traballo nocturno desfrutará de dous días de descanso á semana, sen prexuízo dos pactos, que sobre tal extremo, conveña o dito persoal coa dirección da empresa, debendo coincidir dous descansos en domingo.

En administración a xornada semanal será de 40 horas, prestadas en xornada partida e cunha quenda rotativa entre todo o persoal para cubri-las mañás dos sábados, respectándose a título persoal o horario en xornada continuada que se realiza na actualidade e con descanso os sábados e domingos.

Se calquera traballador pertencente á empresa ten que traballar un día festivo, percibirá tódalas remuneracións dun día normal de traballo, e ademais as horas realizadas aboaránselle como extras.

No suposto de que ó traballador lle coincidise o festivo no seu día de descanso semanal, seralle aboado o día como de descanso e ademais cobrará seis horas extras, sempre e cando non se lle compense tal día con outro de descanso.

Entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte mediarán, como mínimo, doce horas.

Artigo 9º.-Vacacións.

As vacacións terán unha duración de 30 días naturais, a data do seu comezo non poderá coincidir con día festivo nin outro que corresponda a un día de descanso sinalado para o traballador. O seu importe fixarase en función do salario base convenio, a antigüidade que corresponda e un plus cunha contía que coincida co plus de convenio.

O calendario para o desfrute das vacacións será confeccionado na forma que determina o vixente Estatuto dos traballadores, e darase a coñecer con tres meses de anticipación ó comezo delas, procurándose establece-la oportuna rotación para evitar que o dito desfrute corresponda ós mesmos traballadores en iguais datas.

O persoal de administración e taller desfrutarán, preferentemente, as súas vacacións durante os meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro.

O persoal desfrutará dunha bolsa de vacacións na contía determinada na táboa anexa relativa ó dito extremo.

Artigo 10º.-Licencias retribuídas.

Sobre esta materia observarase o disposto no vixente Estatuto dos traballadores coas seguintes salvidades:

a) Os días de licencia serán retribuídos a razón do salario base do convenio, a antigüidade que corresponda e un plus cunha contía que coincida coa do plus de convenio.

b) No caso de casamento, o traballador terá dereito ó desfrute de quince días polo dito concepto.

c) Para atender asuntos propios que non admitan demora, o traballador terá dereito -durante un ano- a licencia de un a seis días, poderase esixi-la oportuna xustificación das causas alegadas.

d) No caso de falecemento do cónxuxe, descendentes, ascendentes, irmáns e tíos consanguíneos, o traballador desfrutará de licencias de dous a sete días que se determinarán segundo a distancia e circunstancias que concorran no caso.

e) No suposto de falecemento de ascendentes, irmáns e tíos afíns, o traballador desfrutará de licencias de dous a catro días, a súa duración tamén se determinará en consideración á distancia e circunstancias concorrentes.

f) No caso de parto da esposa, enfermidade grave do cónxuxe, ascendentes ou descendentes e consanguíneos, a licencia será de tres a sete días, tamén fixadas en atención á distancia e circunstancias concorrentes.

Artigo 11º.-Retribucións.

Para o ano 1995, as retribucións do persoal afectado por este convenio serán as que constan nas táboas anexas incrementadas co IPC real que houbo no citado ano; para o ano 1996 serán as obtidas coa indicada fórmula para 1995 incrementadas co IPC real de 1996 máis 0,75 puntos e para o ano 1997 procederase do mesmo xeito incrementándose co IPC real máis 1 punto. Desde o 1 de xaneiro de cada ano de vixencia deste convenio as táboas salariais consolidadas do ano anterior sufrirán un incremento a conta da revisión definitiva igual ó IPC previsto para ese ano.

Artigo 12º.-Plus de convenio.

Mantense o plus de convenio, o cal seguirase percibindo por día traballado e considerado como complemento salarial, non computable para efectos de antigüidade, pagas extraordinarias, participación en beneficios, horas extraordinarias, nin calquera outro concepto.

Artigo 13º.-Antigüidade.

A partir da entrada en vigor do presente convenio, os aumentos periódicos por antigüidade consistirán en dous bienios e cinco quinquenios.

O valor de cada bienio e de cada quinquenio das distintas categorías profesionais é ó que se consigna nas táboas anexas.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias estructurais.

Serán consideradas horas extraordinarias estructurais as que excedan da xornada laboral establecida, serán aboadas conforme o establecido nas táboas adxuntas e en consideración á especial actividade da empresa -concesionaria dun servicio público, a forma de prestación da cal correspóndelle determinar á entidade competente -terán carácter de horas estructurais para os efectos do previsto no Real decreto 92/1983 e a orde ministerial do 1/3/1983 do Ministerio de Traballo e Seguridade Social sobre cotización adicional de horas extraordinarias estructurais.

En calquera suposto, o persoal queda obrigado á realización das horas que marque o servicio asignado.

Artigo 15º.-Horas de presencia.

Consideraranse como tal as realizadas por razóns de espera, expectativas, servicios de garda, viaxes sen

servicio, avarías, comidas en ruta e outras similares nas que o traballador, aínda que non preste traballo, estea a dispor da empresa, así como calquera outra da mesma natureza que aconsellan a práctica do servicio e especificadas de común acordo entre a dirección e o comité de empresa.

Artigo 16º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal da empresa terá dereito ás gratificacións extrordinarias de xullo, Nadal e participación de beneficios na contía que para cada unha delas se fixa no anexo que se xunta ó presente convenio. As ditas gratificacións faranse efectivas os días dezaoito do mes ó que corresponda o devengo.

Artigo 17º.-Plus de transporte.

Corresponderalle a cada productor da empresa un plus de transporte que se percibirá por día efectivo de traballo e cun importe para o ano 1995 que se fixa en 975 ptas. día.

Artigo 18º.-Quebranto e desgaste de ferramenta.

O persoal de movemento e administración percibirá, por quebranto de moeda, as cantidades que por cada categoría profesional e por día de traballo se expresan nas táboas adxuntas.

O persoal de taller percibirá, por desgaste de ferramentas, as cantidades que, polo dito concepto e día de traballo, se sinala no anexo correspondente ás táboas salariais.

Artigo 19º.-Plus de toxicidade.

O traballador que efectúe traballos que requiran emprego de substancias tóxicas, percibirá por este concepto un plus do 15% sobre o salario base que o convenio asigne á súa categoría.

Artigo 20º.-Uniforme e roupa de traballo.

A roupa de uniforme ou de traballo da que será dotado o persoal da empresa será as que, para cada grupo profesional, se indican a seguir:

Inspectores: anualmente serán dotados dun uniforme composto por unha chaqueta e dous pantalóns, dúas camisas de manga longa e unha de manga curta. Cada catro anos será dotado de roupa de inverno (gabardina ou similar).

Conductores: no mes de maio dotarase ó persoal dun uniforme de verán composto por dous pantalóns, dúas camisas de manga curta e unha chaqueta de la ou similar. No mes de outubro serán dotados de dúas camisas de manga longa e un xersei. Cada catro anos daráselles unha peza de abrigo.

Taller: será dotado tódolos anos de catro fundas e dous pares de botas.

Para o ano 1996, no mes de maio daránselle dúas camisas de manga curta e unha chaqueta de la. No mes de outubro dáraselle co uniforme de inverno dous pantalóns, dúas camisas de manga longa, un xersei e unha chaqueta.

Para o ano 1997 dotaráselles do mesmo uniforme ca no ano 1995.

Artigo 21º.-Retirada do carné de conducir.

No caso de que se produza a retirada temporal do carné de conducir a un traballador da empresa, que o necesite para o desempeño da actividade que teña asignada -sempre que a dita retirada non sexa por causa de embriaguez ou inxestión de droga-, o traballador será destinado a outro posto de traballo, percibindo a retribución da súa categoría coa excepción do quebranto de moeda, ata que lle sexa reintegrado o dito carné.

Artigo 22º.-Seguro colectivo.

Dentro da vixencia deste convenio establécese un seguro colectivo, que inclúe a tódolos traballadores da empresa.

As contías que este seguro colectivo recolle son:

Por morte natural: 2.000.000 de ptas.

Por invalidez profesional: 2.000.000 de ptas.

Por morte en accidente: 4.000.000 de ptas.

Por morte en accidente de circulación: 6.000.000 de ptas.

A prima resultante do citado seguro será pagada, nas súas tres cuartas partes pola empresa, satisfacendo os traballadores a cuarta parte restante por mes e traballador, sendo estas cantidades revisadas anualmente.

A cota correspondente a cada traballador descontaráselle mensualmente da súa nómina.

Artigo 23º.-Enfermidade e accidentes.

No caso de enfermidade común ou accidente laboral con hospitalización do traballador, a empresa complementará ó traballador a diferencia ata o 100% da base reguladora respectiva, ata un máximo de seis meses.

Artigo 24º.-Período de proba.

Establécese para os contratos de traballo un período de proba de seis meses para os técnicos titulados e de tres meses para os demais traballadores.

Artigo 25º.-Comité de empresa.

O comité de empresa terá tódalas atribucións que lle confire a lexislación vixente na materia, para o desempeño destas facúltaselle para reunirse tres veces ó mes, nas datas que libremente acorden, procurando que con tal motivo se produza a menor perturbación do servicio e logo de aviso de corenta e oito horas, polo menos, de antelación.

Para os efectos previstos no artigo 71.1º do Estatuto dos traballadores, establécese un colexio electoral integrado polo persoal de taller, o cal formará o censo de electores e elixibles correspondentes a este terceiro colexio para a elección de comité de empresa.

Os días de reunión do comité de empresa, se coincide con descanso dalgún dos seus membros, seralles aboado este día como traballado.

Artigo 26º.-Presentación de liquidacións.

Os conductores-perceptores, como tamén os cobradores ou calquera outra persoa que realice esta ou similar recadación, están obrigados a entregar diariamente a liquidación da recadación realizada, durante o mesmo día ó remate do servicio, tolerándose que esta quede depositada no departamente correspondente antes das oito horas do día seguinte.

As recadacións serán entregadas conxuntamente coa folla de liquidación totalmente cuberta.

O incumprimento destas obrigas considerarase como falta grave.

Artigo 27º.-Contraprestacións.

Como contraprestacións ás melloras pactadas neste convenio, os traballadores da empresa quedan obrigados a observa-las súas instrucción para a prestación do servicio, cumprimento de horarios, coidado do material, puntualidade, prevención de accidentes, entrega da recadación diaria da forma disposta, trato correcto ós usuarios, etc.

Así mesmo comprométense a colaborar coa empresa para a reducción do absentismo e a eliminación do intrusismo no transporte urbano.

Artigo 28º.-Anticipos.

Calquera traballador poderá solicitar anticipos coa contía, forma e prazo para o reintegro, serán convidos entre o interesado e a dirección.

Non se poderá solicitar un novo anticipo existindo calquera saldo pendente do último anticipo recibido.

Artigo 29º.-Aplicación preferente do convenio.

Tendo en conta que as retribucións pactadas neste convenio, integradas polo salario base, mailos restantes complementos e conceptos con repercusión económica, son de superior contía -en cómputo anual- ás establecidas polas disposicións laborais vixentes, o convenio prevalecerá, para tódolos efectos e en materia retributiva, sobre as indicadas retribucións.

Artigo 30º.-Réxime de traballo.

En canto ó réxime de traballo respecto da xornada, horario, festividades, vacacións e prestacións extraordinarias, observarase o disposto nas normas legais que regulan as atencións de tales servicios públicos, coa plena responsabilidade de todo o persoal da empresa, e coa dedicación e entrega que os servicios públicos esixen.

Artigo 31º.-Absentismo.

O comité de empresa comprométese a poñer tódolos medios necesarios para consegui-la diminución do absentismo para un maior aproveitamento do persoal, fixándose para a duración deste convenio un índice non superior ó 5,5% do cadro de persoal en cómputo anual.

4031