Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 12 de xullo de 1995 Páx. 5.586

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 24 de maio de 1995 pola que se fixa o prazo para a execución dos proxectos de aparellos elevadores presentados ó amparo do disposto na Orde do 12 de setembro de 1991.

A orde do 12 de setembro de 1991 (BOE 17-9-1991) pola que se modifica a instrucción técnica complementaria MIE AEM-1 do Regulamento de aparellos de elevación e manutención, dispón que a instrucción técnica complementaria MIE AEM1 do Regulamento de aparellos de elevación e manutención terá carácter voluntario ata o 26 de marzo de 1992, data a partir da que entrará en vigor con carácter obrigatorio para os aparellos de nova instalación, entendéndose por tales aqueles dos que os expedientes técnicos sexan presentados con posterioridade á dita data.

Ó amparo do indicado no parágrafo anterior presentáronse nalgunhas delegacións provinciais de Industria e Comercio un elevado número de proxectos, que na data de hoxe se atopen pendentes de execución.

Dado o tempo transcorrido desde a presentación dos proxectos (practicamente 3 anos) faise necesario establecer un prazo para a execución dos proxectos presentados ó amparo do disposto na Orde do 12 de setembro de 1991, de tal xeito que os que non se executen no dito prazo, deberán adaptarse en tódolos seus extremos á ITC MIE AEM 1 do Regulamento de aparellos de elevación e manutención, sen prexuízo do que establece o apartado 8º do apéndice da referida orde.

En consecuencia, de acordo coas competencias que en materia de industria outorga o Estatuto de autonomía de Galicia,

ORDENO:

Artigo 1º

Fíxase un prazo máximo de seis meses, contados a partir da data de entrade en vigor desta orde, para a execución dos proxectos presentados ó amparo do disposto no apéndice da Orde do 12 de setembro de 1991.

Artigo 2º

Poderán exceptuarse do indicado no apartado anterior, sempre que se notifique no prazo de 2 meses, a partir da data de entrada en vigor desta orde, á correspondente delegación provincial de Industria e Comercio, os proxectos referidos a aparellos elevadores que non se puidesen instalar, sempre que exista o edificio que foi causa do proxecto e se atope nalgún dos seguintes supostos:

-Obra de edificación paralizada por normas urbanísticas de calquera organismo competente.

-Obra paralizada por quebra do promotor ou contratista.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industria para dictar cantas disposicións sexan necesarias para aclarar, aplicar e desenvolve-la presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 1995.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

95-3748