Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 06 de xullo de 1995 Páx. 5.350

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 199/1995, do 10 de maio, polo que se crea o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.

Polo Decreto 352/1986, do 16 de outubro, creouse o Rexistro de Contratistas de Obras da Comunidade Autónoma, co obxecto de axiliza-la contratación de obras, evitando a multiplicidade de documentacións análogas que se deben presentar en cada licitación, así como facilitarlles ás diferentes mesas de contratación o labor de análise das documentacións presentadas.

A limitada eficacia que, non obstante, presenta este instrumento auxiliar da contratación administrativa, no momento actual, aconsella unha nova ordenación da normativa nesta materia que, dunha parte, estenda o ámbito das funcións propias do rexistro á totalidadde dos contratos administrativos, e doutra adapte os preceptos reguladores da súa actuación ós principios e normas contidos no novo marco lexislativo de referencia, particularmente a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á Consellería de Industria e Comercio, que ten por obxecto, como instrumento auxiliar da contratación administrativa, facilita-la concorrencia de licitadores e axiliza-la tramitación dos procedementos de contratación pública.

Artigo 2º

No rexistro poderán inscribirse todas aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que pretendan concorrer ás licitacións que convoque a Administración autonómica a través das súas consellerías, organismos, entidades e empresas, referidas a contratos de obra, xestión e servicios públicos, subministracións, consultoría e asistencia, servicios, traballos específicos e concretos non habituais e, en xeral, calquera outro de natureza administrativa de conformidade co establecido na lexislación de contratos.

Artigo 3º

A inscrición vixente no momento de presentación da oferta eximirá os licitadores, no ámbito sinalado no artigo anterior, de presentar nas licitacións a documentación que conste no rexistro.

Para tal efecto, e para cada licitación en concreto, o secretario da Mesa de Contratación, antes da constitución desta, solicitará ó rexistro certificación, na data en que remate o prazo de presentación de proposicións, relativa ás empresas concorrentes que manifesten encontrarse inscritas nel. A dita certificación producirá plenos efectos perante a mesa, sen que sexa esixible que o licitador a achegue; non obstante poderá xuntala á súa proposición.

Artigo 4º

A inscrición no rexistro é voluntaria, polo que non impedirá concorrer á licitación, achegando tódolos documentos esixidos nos pregos de cláusulas que rexan a contratación, ós contratistas non inscritos. Non obstante, a inscrición será obrigatoria para os contratistas que desexen acollerse ó réxime de fianzas globais, segundo se estableza regulamentariamente.

Artigo 5º

As solicitudes de inscrición no rexistro tramitaranse perante a Secretaría Xeral da Consellería de Industria e Comercio, e presentaranse, en modelo normalizado que se establecerá mediante orde da referida consellería, xunto coa seguinte documentación:

a) Acreditativa da personalidade:

1. Se a empresa fose persoa xurídica, escritura de constitución ou modificación debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda, de non ser sociedade mercantil.

Para os empresarios individuais será obrigatoria a presentación do documento nacional de identidade ou o que, se é o caso, o substitúa regulamentariamente.

2. Poder declarado bastante por letrado da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, e documento nacional de identidade do apoderado ou apoderados.

3. As empresas estranxeiras presentarán os seus documentos constitutivos traducidos de forma oficial ós idiomas galego ou castelán, así como un despacho expedido pola Embaixada de España no país respectivo onde se certifique que, conforme á súa lexislación, ten capacidade para contratar e obrigarse.

Ademais, as empresas de estados non membros da Unión Europea deberán acreditar, se é o caso, mediante informe da Embaixada de España respectiva, que o país da súa procedencia admita pola súa vez a participación de empresas españolas na contratación coa Administración en forma substancialmente análoga. Se se trata de contratos de obras, a empresa deberá facer declaración de ter aberta unha sucursal domiciliada en España e acredita-la súa inscrición e a dos apoderamentos outorgados no Rexistro Mercantil, así como achegar declaración solemne de sometemento á xurisdicción dos xulgados e tribunais españois para a resolución de calquera incidencia que puidese xurdir no contrato.

Os documentos referidos neste apartado poderán presentarse en orixinal ou mediante copias que teñan o carácter de auténticas, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

b) Acreditativa da súa capacidade para contratar:

1. Declaración responsable de que o licitador non está incurso en ningún dos supostos de prohibición para contratar previstos no normativa vixente en materia de contratación administrativa.

2. Declaración complementaria da anterior, se o empresario é persoa física, ou certificación expedida polo órgano de administración, se se trata de persoas xurídicas, de non estar incursos nos supostos de incompatibilidade previstos na normativa vixente en materia de incompatibilidades de altos cargos, persoal ó servicio das administracións públicas e Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

3. Se é o caso, cando se trate de persoal suxeito á normativa vixente sobre incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas deberá acreditarse a concesión da correspondente compatibilidade.

c) Acreditativa do cumprimento das obrigas tributarias e de Seguridade Social:

1. Declaración expresa responsable onde se especifique que o empresario está dado de alta e ó día no pagamento do imposto de actividades económicas, con expresión dos seus epígrafes, que presentou declaracións e, se é o caso, efectou o ingreso do imposto sobre a renda das persoas físicas, do imposto sobre sociedades, dos pagamentos a conta ou fraccionados ou das retencións a conta de ámbolos dous e do imposto sobre o valor engadido, do imposto xeral indirecto

canario, ou do imposto xeral sobre o tráfico de empresas en Ceuta e Melilla; así como ter presentado a declaración ou relación anual a que se refire o Real decreto 2529/1986, do 5 de decembro.

2. Declaración de igual carácter relativa a que a empresa se mantén inscrita na Seguridade Social ou, se é o caso, se se trata dun empresario individual, afiliado e en alta no réxime da Seguridade Social que corresponda, por razón da actividade, así como de ter afiliado, se é o caso, e ter dado de alta ós traballadores que teña ó seu servicio e estar ó día no pagamento das cotas ou doutras débedas coa Seguridade Social.

As anteriores declaracións non eximirán ó contratista que resulte adxudicatario de acreditar perante o órgano de contratación, mediante a presentación da documentación correspondente, o cumprimento das circunstancias a que se refire este apartado.

d) Acreditativa da solvencia financeira e económica e técnica:

1. Se é o caso, certificación da inscrición no rexistro oficial correspondente da Aministración xeral do Estado, expresiva da clasificación do contratista, xunto coa declaración da súa vixencia.

Se no prego de cláusulas que rexan a licitación se esixise a acreditación doutros datos ou documentos distintos, o licitador debará achegalos segundo os termos que nel se establezan.

Artigo 6º

A Secretaría Xeral da Consellería de Industria e Comercio, unha vez recibida a solicitude, coa documentación requirida en cada caso polo artigo anterior, e logo de cualificación desta pola Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, adoptará a resolución que corresponda para a inscrición solicitada.

2. En calquera momento, previo ou posterior á práctica da inscrición, poderá requirírselle ó contratista a achega de calquera documento complementario ou aclaratorio que se coide necesario para a comprobación da exactitude e certeza dos datos achegados.

3. Acordada a inscrición no rexistro asignaráselle ó contratista o número rexistral correspondente, con notificación ó interesado.

Artigo 7º

1. Os contratistas inscritos estarán obrigados a poñer inmediatamente en coñecemento do rexistro calquera alteración que se produza respecto dos documentos e datos rexistrados, e en particular:

a) Toda alteración de carácter substancial, especialmente as que se refiren ó obxecto social ou á personalidade xurídica do empresario e que afecte ó réxime da contratación.

b) As modificacións que afecten á representación conferida ou á personalidade do contratista.

c) A inclusión en calquera causa de prohibición para contratar coa Administración establecidas pola lexislación vixente.

d) As modificacións que se produzan en relación coa clasificación da empresa.

2. Independentemente do anterior, estarán obrigados a formular, anualmente, declaración expresa responsable relativa á vixencia, sen contradicción, das circunstancias referidas. A omisión desta obriga implicará a suspensión automática dos efectos da inscrición, en canto non sexa reparada.

Artigo 8º

Os datos do rexistro serán públicos nos termos establecidos na lei e poderán ser consultados polos órganos de contratación da Comunidade Autónoma, así como polas unidades administrativas ou os particulares que acrediten un interese lexítimo e directo para o efecto.

Artigo 9º

A Secretaría Xeral da Consellería de Industria e Comercio, logo de formación de expediente administrativo, con trámite de audiencia do interesado, poderá acorda-la suspensión temporal ou, se é o caso, a anulación definitiva da inscrición de contratistas dos que consten datos ou documentos rexistrais incursos en falsidade, inexactitudes relevantes ou que non realizase as comunicacións ou declaracións a que está obrigado de conformidade co establecido nesta disposición, sen prexuízo do efecto automático da suspensión a que se refire o artigo 7º 2.

Todo isto sen prexuízo da súa posible inhabilitación para contratar coa Administración, cando proceda legalmente, así como das responsabilidades en que puidese incorrer fronte á Administración polos danos e perdas causados por tal motivo.

Disposición adicional

As corporacións locais do ámbito territorial da Comunidade Autónoma poderán utiliza-los datos do Rexistro de Contratistas, nos termos que establezan os convenio que, para tal efecto, se subscriban.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 352/1986, do 16 de outubro, polo que se crea o Rexistro de Contratistas de Obras da Comunidade Autónoma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Industria e Comercio para dictar tódalas disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ós tres meses da súa publicación.

Santiago de Compostela, dez de maio de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

95-04323