Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 06 de xullo de 1995 Páx. 5.349

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 198/1995, do 16 de marzo, polo que se crea o Rexistro de Contratos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O volume da contratación administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia aconsella a creación dun rexistro especializado no que se centralice a información sobre os contratos administrativos máis relevantes celebrados pola Administración autónomica e sobre os seus adxudicatarios.

Esta información debe servir para diferentes obxectivos. Por unha parte, debe facilita-la emisión de informes e a adopción de medidas tendentes a mellora-la xestión contractual desta Comunidade Autónoma. Por outra banda, coa finalidade de permiti-la constitución de fianzas globais por parte dos contratistas, debe servir para cuantifica-los importes de que debe responder cada un destes fronte á Comunidade Autónoma. E, así mesmo, a través da publicidade do rexistro, debe facilita-la transparencia da contratación administrativa.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de marzo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o Rexistro de Contratos da Comunidade Autónoma de Galicia, que quedará adscrito á Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda.

Este rexistro ten por obxecto a inscrición de tódolos contratos administrativos, así como a anotación das incidencias que orixine o seu cumprimento, celebrados pola Administración da Comunidade Autónoma, e polos organismos autónomos e sociedades públicas autonómicas a que se refiren os artigos 11 e 12 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 2º

Correspóndelle á Secretaría Xeral do Patrimonio, en relación co Rexistro de Contratos:

a) Elaborar unha memoria anual na que se analice a xestión contractual da Comunidade Autónoma nos seus aspectos administrativo, económico e técnico, propoñendo as medidas adecuadas para unha constante mellora do sistema de contratación.

b) Confeccionar relacións estatísticas dos contratos inscritos, segundo o seu obxecto, importe e adxudicatarios.

c) Informar ós organos de contratación, ó Rexistro de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia e ós particulares que acrediten un interese lexítimo, sobre os contratos, as incidencias que se produzan na súa execución, sistemas de adxudicación, adxudicatarios e cantos datos estean relacionados co rexistro.

Artigo 3º

Será obrigatorio inscribir e anotar no rexistro, respectivamente, a celebración e as incidencias que orixine a execución dos seguintes contratos administrativos:

a) Os de execución de obras.

b) Os de realización de subministracións.

c) Os de asistencia con empresas consultoras ou de servicios, así como os de traballos específicos e concretos non habituais.

d) Os de natureza administrativa especial previstos na lexislación estatal de contratos.

Artigo 4º

Non se tomará razón no Rexistro de Contratos, dos seguintes:

a) Os contratos de persoal, regulados pola lexislación laboral.

b) Os convenios con entidades de dereito público e con persoas físicas ou xurídicas de dereito privado.

c) Os contratos de xestión de servicios públicos previstos na lexislación estatal de contratos.

Artigo 5º

No prazo de un mes contado desde a data de formalización do correspondente contrato, o órgano de contratación remitiralle unha copia daquel ó Rexistro de Contratos.

Así mesmo, remitiralle, en duplicado exemplar, unha ficha resumo, segundo modelo que se aprobará por orde da Consellería de Economía e Facenda, que conteña a información sobre as características esenciais do contrato.

O Rexistro de Contratos devolverá ó organo de xestión un dos exemplares da dita ficha-resumo, o cal se deberá unir ó primeiro recoñecemento da obriga do correspondente contrato.

Artigo 6º

Os actos administrativos de modificación, prórroga, resolución, suspensión, prórroga, conclusión ou calquera outra incidencia que afecte ós contratos inscribibles comunicaranse ó Rexistro de Contratos polo órgano que os acordara. Esta comunicación consistirá no envío dunha copia do correspondente acto administrativo e terá lugar no prazo de un mes contado desde a súa adopción.

Artigo 7º

As sociedades públicas autonómicas a que se refire o artigo 12 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, están obrigadas

a subministra-la información que sobre a súa contratación lles sexa solicitada pola Secretaría Xeral e do Patrimonio.

Disposición transitoria

Primera.-En relación ós contratos celebrados antes do 1 de xaneiro de 1995, as obrigas contidas neste decreto só serán esixibles cando se produzan incidencias no cumprimento dos devanditos contratos.

Segundo.-Os contratos celebrados desde o 1 de xaneiro de 1995 deberán ser obxecto de inscrición e de anotación nos supostos previstos neste decreto.

Disposición derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de marzo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

4711