Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 05 de xullo de 1995 Páx. 5.309

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 15 de xuño de 1995 pola que se completa a estructura normalizada do sistema de información sanitaria dos hospitais do Sergas.

A Orde do 2 de setembro de 1992, estableceu a estructura básica do sistema de información na área asistencial da atención especializada do Sergas. Con esta estructura víñase cumpri-lo mandato establecido no artigo 23 da Lei xeral de sanidade polo que as administracións sanitarias crearían rexistros e elaborarían as análises de información necesarias para o coñecemento das distintas situacións das que se poidan derivar accións de intervención da actividade sanitaria.

As funcións de planificación, aseguramento e compra dos servicios sanitarios, que de acordo coa nova configuración das relacións entre o Sergas e a consellería, corresponden a esta última, esixen o coñecemento exhaustivo da demanda sanitaria e a súa evolución temporal. Neste senso, o sistema de información da actividade asistencial dos hospitais do Sergas que se recolle na orde anteriormente citada, aínda que no seu apartado de listas de espera de hospitalización recolle os datos por servicio do número de persoas e demora máxima por períodos de tempo, non facilita unha valoración completa dos fluxos de entrada e saída, nin por tanto as correspondentes análises de demanda.

De acordo co sinalado cómpre, mantendo a estructura recollida na citada orde, establece-los medios precisos para completa-la información facilitada polo sistema.

En consecuencia, en uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O obxecto da presente orde é establecer un sistema de información e control da demanda de actividade programada en hospitalización e cirurxía, tanto para actividade propia como para a derivada a centros concertados.

Artigo 2º

Os hospitais remitirán mensualmente á Dirección Xeral de Organización Sanitaria, Subdirección Xeral de Información Sanitaria, xunto coa declaración mensual de actividade asistencial, as estatísticas definidas no anexo I, correspondentes ós períodos da primeira e segunda quincena do mes correspondente. Os datos deberán axustarse ás definicións e categorías normalizadas no anexo II.

Artigo 3º

A metodoloxía de depuración deberá ser homoxénea en toda a rede de hospitais do Sergas.

Artigo 4º

Tódolos usuarios do sistema deberán ser informados por escrito no momento da solicitude dun teléfono de contacto co centro e do funcionamento das colas de programación, incluíndo como mínimo o motivo da inclusión, as pautas de localización e os mecanismos de depuración.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

TIPOS DE LISTADOS

1. Listado de tempo de espera transcorrido.

Incluirá, para cada período de tempo establecido (0-15 días, 16-30 días, 31-60 días, 61-90 días, 91-120 días, 121-180 días, 181-360 días e > 360 días).

a) Número total de pacientes.

b) Número de pacientes que entraron no período.

c) Número de pacientes que saíron da cola no período.

d) Dos pacientes que saíron da cola:

d.1. Tempo medio de espera.

d.2. Diferencia media entre data de saída real e data de saída prevista.

e) Para os pacientes que non saíron e que estaba previsto que saíran (data prevista de saída < data actual en que se realiza o listado):

e.1. Número de pacientes.

e.1. Diferencia media entre data actual e data prevista de saída.

f) Tempo medio de espera desde a data de entrada ata a data actual, dos pacientes que están en cola.

g) Tempo medio de espera total, desde a data de entrada ata a data prevista de saída, dos pacientes que están en cola.

h) Demora máxima.

2. Listado de fluxos de saída de cola.

Este listado incluirá para cada tipo de saída e para cada período de tempo de espera establecido (<15 días, 15-30 días, etc.), datos sobre:

a) Número de pacientes que saíron.

b) Tempo medio de espera dos pacientes que saíron.

ANEXO II

DEFINICIÓNS E CATEGORÍAS NORMALIZADAS

a) Colas de programación.

Recolle toda a demanda tramitada polo hospital.

b) Pacientes en lista de espera.

Recollería os pacientes que esperan por razóns estructurais e non médicas. Estes pacientes son:

* Pacientes con prioridade 1 que levan esperando, no momento do estudio de colas de programación, máis de doce días (> 12 días).

* Pacientes con prioridade 2 que levan esperando, no momento do estudio de colas de programación, máis de un mes (> 30 días).

* Pacientes con prioridade 3 en que:

-Está previsto que esperen máis de dous meses desde a inclusión en cola de programación (> 60 días).

-Ou que, a pesar de estar previsto que esperen menos de dous meses, no momento do estudio de colas leven máis de dous meses esperando.

-Ou os que esperen por motivos médicos e que superen, no momento do estudio, a data prevista de resolución do problema.

O subsistema de colas de programación debe ser capaz de recolle-los fluxos de tódolos usuarios desde que solicitan un determinado servicio non urxente (exclúe urxencias vitais pero non exclúe prioridade I) ó hospital ata que se lles presta.

TIPOS DE COLAS DE PROGRAMACIÓN

1. Hospitalización cirúrxica.

Inclúe todos aqueles pacientes que demandan unha intervención cirúrxica para a que é necesario o ingreso no hospital.

2. Hospitalización médica.

Inclúe todos aqueles pacientes que demandan un procedemento diagnóstico e/ou terapéutico non cirúrxico para a que é necesario o ingreso no hospital.

3. Cirurxía ambulatoria en quirófano.

Inclúe todos aqueles pacientes que demandan unha intervención cirúrxica a realizar en quirófano, para o que non é necesario o ingreso no hospital.

4. Cirurxía ambulatoria en quirofaniño.

Inclúe todos aqueles pacientes que demandan unha intervención cirúrxica a realizar en quirofaniño, para a que non é necesario o ingreso no hospital.

Quirofaniño: sala suxeita a programación destinada á intervención ou asistencia cirúrxica do enfermo, que non reúne algunha das condicións do quirófano.

5. Probas diagnósticas.

Inclúe todos aqueles pacientes que demandan a realización dun procedemento diagnóstico para o que non é necesario o ingreso no hospital.

Debe poder identificarse ós pacientes que se inclúen na cola de programación cunha data determinada para a asistencia daqueles que non a teñan.

Pola complexidade e variabilidade dos tipos de procedementos diagnósticos que se demandan, o Sergas fará unha priorización daqueles que se consideren máis importantes para establece-lo control.

CRITERIOS DE BAIXA DAS COLAS DE PROGRAMACIÓN

Só se utilizará un único motivo de saída en cada paciente.

01. Demanda satisfeita programada no hospital.

Satisfácese a demanda no propio centro hospitalario de xeito programado. Debe, para controlar posibles circuitos anómalos na cola de programación, comprobarse toda a actividade realizada en quirófanos, cruzando os datos dos pacientes atendidos cos datos de cola de programación, para comprobar se a algún paciente se lle realizou a mesma intervención pola que estaba en cola de programación.

02. Demanda satisfeita urxente no hospital.

Satisfácese a demanda no propio centro hospitalario de xeito urxente. Paciente que acode a urxencias e é atendido polo mesmo problema polo que estaba incluído nunha cola de programación. Esta situación debe ser controlada por admisión de urxencias para proceder a dar a correspondente baixa na cola de programación.

03. Excluído por orde facultativo.

Informe médico onde se establece a contraindicación ou non necesidade do tratamento que motivou a inclusión na cola de programación.

04. Renuncia voluntaria.

Pacientes cos que se establece contacto que indican que, a pesar de non resolve-lo problema e non ter indicación médica en contra, non están interesados en someterse ó proceso que demandaban, de acordo coa nota informativa entregada ó paciente.

05. Éxitus.

Pacientes que faleceron estando en cola de programación.

06. Posponse por votande do paciente.

Paciente localizado que manifesta a imposibilidade de acudir ó centro. Neste caso considéranse dúas situacións:

1. Se a imposibilidade de acudir ten xustificación médica e/ou social, o paciente permanecerá na cola de programación e será reprogramado en data posterior.

2. Se se considera que a causa non é xustificativa procederase a dar de baixa da cola de programación ó paciente e coa mesma data dalo de alta, de xeito que o paciente segue na cola de programación pero con data de solicitude actualizada.

07. Paciente ilocalizable.

Paciente non localizado aplicando o protocolo de localización. O protocolo de localización de pacientes en cola de programación incluirá:

1. Dúas chamadas telefónicas en 48 horas.

2. Carta certificada con xustificante de recepción na que se establece un prazo de 7 días para que o paciente se poña en contacto co centro.

3. Se non se produce o contacto o paciente é dado de baixa na cola de programación.

08. Satisfacción da demanda por outros medios.

Pacientes que resolveron o seu problema por iniciativa propia noutros centros.

09. Non acode á cita.

Pacientes cos que se establece contacto e se programou a actuación para unha determinada data e que non acoden. Dáse un prazo de 7 días, nese prazo pode ocorrer:

1. Que non se poña en contacto co centro. Neste caso dáse de baixa.

2. Que se poña en contacto co centro:

* Se a causa pola que non acudiu é xustificada, continúa na mesma situación en cola de programación.

* Se a causa non é xustificada procederase a dar de baixa de cola de programación ó paciente e coa mesma data dalo de alta, de xeito que o paciente segue en cola de programación pero con data de solicitude actualizada.

10. Traslado a centro concertado.

Pacientes cos que se establece contacto e se programa a actuación correspondente en centro concertado. Debe acudir ó centro concertado co documento de baixa en cola de programación, que será facilitado polo centro do Sergas, debe recolle-la seguinte información:

-Datos de filiación do paciente.

-Datos do centro do Sergas en que estaba en cola de programación (incluído teléfono de contacto).

-Motivo de inclusión en cola de programación.

-Data de inclusión.

-Data de baixa na cola de programación.

-Motivo da baixa (servicio prestado en centro concertado).

No caso de que o centro concertado rexeite ó paciente, recuperarase en cola de programación nas mesmas condicións previas.

11. Rexeitamento do traslado a centro concertado.

Pacientes cos que se establece contacto e se programa a actuación correspondente no centro concertado e rexeita que o servicio que demanda sexa realizado no centro concertado. Neste caso procederase a dar de baixa da cola de programación ó paciente

e coa mesma data dalo de alta, de xeito que o paciente segue en cola de programación pero con data de solicitude actualizada.

12. Traslado a outro centro do Sergas

Pacientes cos que se establece contacto e se programa a actuación correspondente noutro centro hospitalario do Sergas. Debe acudir a dito centro co certificado de baixa na cola de programación.

No caso de que o centro rexeite o paciente, poderase volver a incluír en cola de programación nas mesmas condicións previas.

13. Rechazo do traslado a outro centro do Sergas.

Pacientes cos que se establece contacto e se programa a actuación correspondente noutro centro hospitalario do Sergas e rexeita que o servicio que demanda sexa realizado en dito centro. Neste caso procederase a dar de baixa de cola de programación ó paciente e coa mesma data da-lo de alta, de xeito que o paciente segue en cola de programación pero con data de solicitude actualizada.

14. Baixa por cambio de cola.

Pacientes que cambian de tipo de cola de programación ou pacientes que cambian de servicio.

O paciente incluirase no novo tipo de cola ou na cola de programación doutro servicio nas mesmas condicións previas (coa mesma data de solicitude).

15. Treaslado a outros centros.

16. Cargado por erro.

9504644