Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 04 de xullo de 1995 Páx. 5.298

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CAMBRE

PLENO extraordinario e urxente do 26 de maio de 1995 polo que se aprobaron as bases para a convocatoria de oposición libre para prover en propiedade tres prazas de garda da policía local, vacante no cadro de persoal deste concello, e incluída na oferta de emprego público de 1995.

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

É obxecto da presente convocatoria prover en propiedade, polo sistema de oposición libre, tres prazas de garda da policía local, pertencentes á escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase policía local, dotadas co soldo do grupo D, de conformidade co establecido na Lei 30/1984, do 2 de agosto, Lei 7/1985, do 2 de abril, texto refundido aprobado por Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, Real decreto 896/1991, do 7 de xuño e, no non previsto nelas, o Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia do 20 de marzo de 1991, Decreto 121/1995, do 20 de abril e supletoriamente o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración do Estado.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

Para participar nas probas selectivas cómpre:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos dezaoito e non exceder de trinta anos de idade, de conformidade co establecido na disposición transitoria cuarta do texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril.

c) Te-lo título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

d) Ter unha estatura mínima de 1,70 m os homes e 1,65 m as mulleres.

e) Te-lo permiso de conducir da clase B-2.

f) Non ter enfermidade ou eiva física que impida o desempeño das correspondentes funcións, acreditada mediante a presentación dun certificado médico, no que se faga constar expresamente que o aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias necesarias e suficientes para a realización dos exercicios físicos que figuran especificados na correspondente proba da oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicte no certificado médico.

g) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio en calquera Administración pública do Estado, Comunidade Autónoma ou entidade local, non atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

h) Compromiso de portar armas e, se é o caso, chegar a utilizalas, que se prestará mediante declaración xurada e por escrito.

Os anteriores requisitos deberanse reunir con referencia ó último día de prazo de presentación das solicitudes.

Terceira.-Solicitudes.

As persoas que desexen participar na presente convocatoria presentarán instancia dirixida ó alcalde-presidente do Concello de Cambre, na que farán constar que reúnen tódolos requisitos sinalados na base segunda anterior e xuntándolle o certificado sinalado na alínea f), presentaranse no rexistro xeral do concello no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

As instancias poderán remitirse tamén na forma determinada no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

Os dereitos de exame, por unha contía de mil cincocentas pesetas (1.500 ptas.), serán satisfeitos directamente ou por xiro postal; á instancia xuntará recibo que acredite o ingreso na tesourería do concello ou, se é o caso, copia do resgardo do xiro postal.

Cuarta.-Admisión de aspirantes.

Rematado o prazo de presentación de instancias, o presidente da corporación dictará resolución pola que se aprobará a lista provisional de admitidos/as e excluídos/as que se publicará no BOP e no taboleiro de edictos da Casa do Concello, concedendo un prazo de dez días para reclamacións.

As citadas reclamacións, se as houber, resolveraas o mesmo órgano que aprobou a lista provisional, que aprobará, así mesmo, a lista definitiva, que se publicará de novo na forma sinalada. Nesta resolución incluirase a composición do tribunal, lugar, data e hora do comezo dos exercicios.

Quinta.-Tribunal cualificador.

De conformidade co artigo 4 do Real decreto 896/1991, do 7 de xuño, o tribunal terá a seguinte composición:

-Presidente: o da corporación ou membro dela en quen delegue.

-Secretaria: a da corporación ou funcionario dela en quen delegue.

-Vocais:

O concelleiro delegado de facenda e persoal.

Un representante da Comunidade Autónoma.

O xefe da unidade xurídica de urbanismo e persoal.

Un representante da Xefatura Provincial de Tráfico.

Un representante dos sindicatos máis representativos da corporación.

Os vocais deberán ter titulación ou especialización igual ou superior á esixida para o acceso ás prazas convocadas.

Sexta.-Comezo e desenvolvemento dos exercicios.

Os exercicios non poderán comezar ata transcorridos dous meses desde a data na que apareza publicada a presente convocatoria no BOP, anunciándose, como mínimo, quince días antes de comeza-lo primeiro exercicio, no mesmo medio oficial, o día, hora e local en que terá lugar.

Os aspirantes convocaranse para cada exercicio en chamamento único, e serán excluídos da oposición os que non comparezan, salvo nos casos debidamente xustificados e apreciados discrecionalmente polo tribunal.

A orde de actuación dos aspirantes será segundo o establecido pola Resolución do 9 de marzo de 1995 da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Os aspirantes deberán acredita-la súa personalidade coa exhibición do documento nacional de identidade.

O tribunal publicará os sucesivos anuncios de celebración do segundo e restantes exercicios no taboleiro de edictos do concello.

Antes de comeza-los exercicios medirase ós aspirantes e os que non acaden a altura mínima esixida estarán eliminados.

Os exercicios da oposición serán os seguintes:

Primeiro exercicio.

De carácter obrigatorio, consistirá en realiza-las seguintes probas físicas:

a) Salto de altura, deben supera-lo listón colocado a unha altura de 1,35 metros os homes e 1,20 metros as mulleres.

b) Salto de lonxitude cos pés xuntos (sen carreira), deben acadar un mínimo de 2,25 metros os homes e 1,95 as mulleres.

Tomarase a medida, desde a liña de inicio ata o sinal máis atrasado do salto.

c) Carreira de 50 metros lisos (velocidade) con saída en pé nun tempo máximo de 7 segundos para os homes e 8 segundos para as mulleres.

d) Carreira de resistencia de 1.000 metros con saída en pé nun tempo máximo de 3,40 minutos para os homes e 4,20 minutos as mulleres.

e) Flexións de brazos e barra horizontal.

As palmas das máns á fronte, cunha separación entre elas similar ó longo dos ombros. Partindo desde a posición de brazos estirados, superando o queixo á barra.

Para os homes 9 flexións e 6 para as mulleres.

Para realiza-las citadas probas, que se realizarán pola orde que dispoña o tribunal, os aspirantes disporán de dous intentos, a excepción da sinalada na alínea d), para a que se permitirá un único intento.

Cada unha das probas realizarase sucesivamente por cada un dos aspirantes. Unicamente pasarán a realiza-la proba seguinte aqueles aspirantes que acaden

a marca mínima sinalada para cada proba, e os restantes quedan eliminados.

Segundo exercicio.

De carácter obrigatorio, proba psicotécnica dirixida a determina-la actitude psicolóxica e adecuación á función policial que se vai desempeñar.

Terceiro exercicio.

De carácter obrigatorio e escrito, constará das seguintes probas que se realizarán nun único acto e no tempo total máximo de hora e media:

a) Exercicio de redacción sobre un tema relativo ás materias contidas no programa desta convocatoria específica sen referirse a ningún epígrafe concreto; valoraranse os coñecementos, o nivel de formación xeral e a facultade de redacción.

b) Redactar un parte de servicio respecto á un suposto que constitúa función específica da policía local.

O tribunal determinará o contido das dúas partes do exercicio inmediatamente antes da súa celebración.

Cuarto exercicio.

De carácter obrigatorio, consistirá en contestar oralmente, nun tempo máximo de trinta minutos, dous temas extraídos ó chou, un da parte xeral e outro da parte especial de entre os que figuran no programa desta convocatoria.

A realización deste exercicio é pública e valoraranse os coñecementos dos temas expostos. Rematada a exposición, o tribunal poderá dialogar co opositor co fin de determina-los seus coñecementos sobre o contido dos temas desenvolvidos.

Quinto exercicio.

De carácter voluntario, consistirá en traducir, sen diccionario, dous temas que facilitará o tribunal, un de galego para castelán e outro de castelán para galego, nun tempo máximo de media hora.

Sétima.-Cualificación dos exercicios.

A cualificación do primeiro exercicio será de apto e non apto; cómpre superar todas e cada unha das probas físicas. A cualificación como non apto en calquera das probas físicas elimina ó opositor para continuar nos exercicios sucesivos da oposición.

A cualificación do segundo exercicio será de apto e non apto. A cualificación de non apto elimina ó opositor para continuar nos exercicios sucesivos da oposición.

O terceiro e cuarto exercicio son eliminatorios e cualificados ata un máximo de dez puntos; os opositores que non acaden un mínimo de cinco puntos en cada un dos exercicios serán eliminados.

O número de puntos que outorgará cada membro do tribunal, en cada un dos exercicios, será de 0 a 10 puntos. As cualificacións adoptaranse sumando as puntuacións outorgadas polos distintos membros do tribunal e dividindo o total polo número de asistentes daquel, sendo o cociente a cualificación definitiva.

O exercicio voluntario, que non terá carácter eliminatorio, cualificarase cun máximo de dous puntos. O número de puntos que pode outorgar cada membro do tribunal está comprendido entre cero e dous.

Unicamente terá acceso ó exercicio voluntario o aspirante que estea incluído na relación definitiva de aprobados, de conformidade co establecido na base seguinte. A puntuación final será a suma das puntuacións obtidas nas catro probas.

Oitava.-Relación de aprobados.

Rematada a cualificación dos aspirantes, o tribunal publicará a relación de aprobados por orde de puntuación. Dado que en ningún caso o número de aspirantes aprobados pode supera-lo número de prazas convocadas, a relación definitiva de aprobados confeccionarase cos aspirantes que, superados tódolos exercicios obrigatorios, obteñan a maior puntuación na suma de todos eles.

O tribunal presentará a citada relación á presidencia da corporación, á cal lle compete o nomeamento correspondente.

Novena.-Presentación de documentos, nomeamento e toma de posesión.

No prazo de vinte días naturais, contados desde o día seguinte ó da publicación das listas de aspirantes aprobados, estes deberán presentar no rexistro xeral do concello os documentos que seguidamente se relacionan:

a) Fotocopia do seu documento nacional de identidade, que se deberá presentar co orixinal para compulsar.

b) Copia autenticada ou fotocopia (que deberá presentar co orixinal para compulsar) do título académico esixido para participar no proceso selectivo ou xustificante de aboa-los dereitos para a súa expedición. Se estes documentos se expedisen despois da data na que rematou o prazo para presenta-las instancias, deberá de xustifica-lo momento en que remataron os correspondentes estudios.

c) Fotocopia do permiso de conducir B-2, xunto co orixinal para compulsar.

d) Declaración xurada de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública, nin se encontrar inhabilitado para exerce-las funcións públicas.

e) Declaración xurada de non estar incurso en causa de incapacidade ou incompatibilidade, de conformidade coa lexislación vixente.

Quen tivese a condición de funcionario público de carreira non terá que xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa acreditados para obte-lo seu anterior nomeamento; unicamente deberá presentar certificación da Administración pública da que depende que acredite tal condición e demais circunstancias que consten no seu expediente persoal ou folla de servicios.

Os que dentro do prazo sinalado, e salvo casos de forza maior, non presenten a súa documentación ou non reúnan os requisitos esixidos non poderán ser nomeados, quedando anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade na que puidesen incorrer por falsidade na súa instancia solicitando participar no proceso selectivo.

Os aspirantes propostos que presenten a documentación preceptiva nomearanse funcionarios en prácticas e deberán superar un curso de formación teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade, de conformidade co artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de maio, de coordinacións das policías locais e Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade.

Os aspirantes que non superen o curso de formación teórico-práctico poderán repetilo, por unha soa vez, se o concello o considera oportuno; deberán, neste caso, incorporarse ó curso seguinte.

Superado o curso de formación, o presidente da corporación nomeará os aspirantes como funcionarios de carreira, os cales deberán tomar posesión no prazo de trinta días contados desde o día seguinte a aquel en que se lles notifique o citado nomeamento; quedarán en situación de cesantes cando, sen causa xustificada, non o fixesen dentro do prazo sinalado.

Décima.

O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e adopta-los acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo en todo o non previsto nestas bases.

Décimo primeira.

Os interesados poderan impugna-las presente convocatoria e as súas bases, así como tódolos actos administrativos que se derivan dela nos casos e na forma establecidos na Lei de procedemento administrativo.

Programa

Parte xeral.

Tema 1. A Constitución española de 1978. Características. Principios xerais da nosa constitución.

Tema 2. Dereitos e deberes fundamentais dos españois. Garantías dos dereitos e suspensión dos mesmos.

Tema 3. A Coroa. O poder lexislativo. O Goberno e a Administración do Estado. O poder xudicial. Relacións entre os distintos poderes.

Tema 4. Organización territorial do Estado. As comunidades autónomas. O Estatuto de autonomía de Galicia.

Tema 5. Réxime local español. Principios constitucionais e regulación xurídica. O municipio. Organización municipal. Competencias do municipio.

Tema 6. O regulamento: concepto e clases. Límites da potestade regulamentaria. Especial consideración da potestade regulamentaria municipal: ordenanzas, regulamentos e bandos.

Tema 7. A función pública local. Clases de funcionarios. Dereitos e deberes dos funcionarios públicos locais. Incompatibilidades e réxime disciplinario.

Tema 8. Organización e funcións das forzas e corpos de seguridade en España. Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade do Estado. Especial referencia ás policías locais.

Tema 9. Competencias da policía local en canto policía xudicial, administrativa e de seguridade. Referencia á lexislación vixente (Constitución, Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade, Lei orgánica do poder xudicial, Lei de axuizamento criminal, leis sobre réxime local, Código Penal).

Tema 10. O Estatuto de autonomía. Contido e valor normativo. O sistema institucional das comunidades autónomas.

Tema 11. A intervención administrativa local na actividade privada. Especial referencia á licencia. Protección da legalidade urbanística.

Parte especial.

Tema 12. O tráfico: a súa ordenación legal. A Lei sobre tráfico, circulación de vehículos con motor e seguridade vial. Organismos oficiais que interveñen en materia de circulación e as súas competencias.

Tema 13. Normas xerais de circulación. Sentido de circulación. Parada, posta en marcha e marcha atrás. Preferencia de paso. Vías en reparación. Detención e estacionamento. Carga e descarga.

Tema 14. Permisos de conducir. Concepto e clases. Facultades que confiren. Requisitos para a súa obtención. Revisións. Suspensión. Licencias de conducción.

Tema 15. Circulación urbana. Normas xerais. Circulación de peóns. Bicicletas e ciclomotores. Circulación de animais e vehículo de tracción animal.

Tema 16. Circulación do automóbil. Clasificación. Requisitos administrativos e técnicos. Medidas precautorias no Código de Circulación en relación con vehículos mal estacionados. Circulación de tractores agrícolas.

Tema 17. Alcoholemia. Estudio especial dos preceptos contidos na normativa de seguridade vial.

Tema 18. Iluminación e sinalización óptica de vehículos. Clasificación e utilización. Vías públicas. Clases de sinalización.

Tema 19. Sinais de circulación. Concepto e características. Clases. Prelación dos sinais de circulación.

Tema 20. Accidentes de tráfico. Concepto e clases. Actuación inmediata e actividades administrativas. Confección de atestados. Danos en sinais e instalacións.

Tema 21. Denuncias por infracción en materia de circulación. A infracción e as súas clases. Procedemento sancionador. Iniciación, desenvolvemento e terminación. Retirada de vehículos da vía pública. Multas municipais.

Tema 22. Lei orgánica 1/1992, do 21 de febreiro, sobre protección de seguridade cidadá. Ideas xerais.

Cambre, 30 de maio de 1995.

O alcalde

Rubricado

9504799