Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 04 de xullo de 1995 Páx.

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 1995 pola que se convoca un curso sobre Transporte de Mercadorías Perigosas dirixido ós mandos dos corpos de bombeiros de Galicia.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano

1995 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, a formación dos bombeiros é unha das tarefas encomendadas á devantida academia.

Con base no anterior anúnciase a celebración dun curso sobre Transporte de Mercadorías Perigosas, que deberá desenvolverse conforme ás seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-los participantes dunha formación tanto teórica coma práctica, que lles poida ser útil no seu posterior labor profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós mandos dos corpos de bombeiros de Galicia.

Prazas.

O número de prazas ofertadas é de 30.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 13 de setembro de 1995.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, s/n, Polígono das Fontiñas, 15703 Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso será eminentemente práctico e celebrarase en sesións de tarde do 25 ó 29 de setembro de 1995, tendo unha duración de 20 horas lectivas (dous dos días da devandita semana terán horario de mañá e tarde, co fin de trasladarse fóra das instalacións da AGS para desenvolve-las prácticas do curso), e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas:

a) Normativa vixente no transporte de mercadorías perigosas (TMP). Documentos no transporte. Responsabilidades xurídicas.

b) Definicións e clasificacións de materias perigosas. Estados da materia e reaccións químicas.

c) Fichas de seguridade de productos químicos no transporte de mercadorías perigosas.

c) Transporte das distintas mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril. Características e principais riscos. Medidas de seguridade. Etiquetado e sinalización.

d) GLP. Envasado. Transvasamento e Transporte. Caso práctico nunha empresa radicada en Galicia.

e) Envases e embalaxes de mercadorías perigosas. Tipos e homologación.

f) Accidentes maiores no sector químico. Medidas que cómpre adoptar. Plan de emerxencia.

Profesorado.

O curso será impartido por profesores especialistas da materia que se vai impartir.

Datas.

O curso celebrarase do 25 ó 29 de setembro de 1995.

O horario será de 16 a 20 horas durante tres días, e os dous días de prácticas será de mañá e tarde.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 19 de setembro de 1995 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

Na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na rúa Madrid s/n, Polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela.

Certificado de participación e aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, e a non superación das correspondentes probas de coñecementos, impedirá a expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 1995

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

95-4627