Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 04 de xullo de 1995 Páx. 5.264

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 15 de xuño de 1994 pola que se declara de interese galego a Fundación Evangélica Ebenezer e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Con data do 19 de outubro de 1994 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 29 de setembro de 1994 pola que se clasifica como mixta a Fundación Evangélica Ebenezer, adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 2 de outubro de 1991 ante o notario desta cidade Miguel Jurjo Otero, co número mil seiscentos noventa e nove do seu protocolo, por Samuel Pérez Millos, en representación da Iglesia Evangélica de Hermanos Ebenezer, modificada por outra autorizada polo mesmo notario, o día 7 de xuño de 1994, co número 1.449 de protocolo, polo que se rectifican diversos erros e omisións padecidos naquela. Con data 24 de maio de 1995 outorgouse escritura pública dando nova redacción ós artigos 6, 7 e 8.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 6 dos seus estatutos ten por obxecto a execución de proxectos de interese humanitario e cristián, baixo a orientación propia da fe evanxélica, sen limitación ningunha, en beneficio da sociedade galega.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Evangélica Ebenezer ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Evangélica Ebenezer no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das Fundacións de Interese Galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

95-4705