Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 30 de xuño de 1995 Páx. 5.194

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 179/1995, do 16 de xuño, polo que se acorda a imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela sita no porto de Celeiro, termo municipal de Viveiro (Lugo).

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura solicitou a adscrición dunha parcela no porto de Celeiro, termo municipal de Viveiro (Lugo), baseándose na necesidade desta co fin de construír un heliporto.

A titularidade do porto de Celeiro correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de portos (BOE nº 285, do 27 de novembro de 1982). Mediante Decreto 167/1982, do 1 de decembro, (DOG nº10, do 12 de febreiro de 1983), as competencias asumidas asignáronse á Conselleía de Ordenación do Territorio e Obras Públicas.

Na actualidade, despois dos distintos cambios na estructura orgánica da Xunta de Galicia, o porto de Celeiro atópase adscrito á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. A dita con

sellería, no trámite de audiencia establecido no artigo 31.2º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega (DOG nº 71, do 13 de abril), informou favorablemente a imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela da zona de servicio do porto de Celeiro, na medida que as instalacións proxectadas son beneficiosas para o desenvolvemento da actividade pesqueira.

Á vista do disposto nos artigos 12.4º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 31.1º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, as afectacións secundarias dos bens de dominio público requiren acordo do Consello da Xunta de Galicia baixo forma de decreto, logo da instrucción do correspondente expediente pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezaseis de xuño de de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acorda-la imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela de 4.600 m da zona de servicios do porto de Celeiro, termo municipal de Viveiro (Lugo), situada no lugar que se indica no plano incorporado ó correspondente expediente.

Artigo 2º

A finalidade da afectación secundaria é a construcción pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura dun heliporto co fin de colaborar nas operacións de salvamento e inspección pesqueira.

Artigo 3º

Correspóndelle á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura as facultades de xestión, administración e conservación do inmoble obxecto da afectación secundaria, sen prexuízo das facultades derivadas da adscrición orgánica que ostenta a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda como titular da afectación principal.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda