Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 30 de xuño de 1995 Páx. 5.195

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 180/1995, do 16 de xuño, polo que se acepta a doazón dos terreos sitos na parroquia de Santa María de Loureda, termo municipal de Arteixo (A Coruña), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con data 21 de abril de 1995, Joaquín Chouza Martínez e María Lago Caamaño outorgaron perante o notario do ilustre Colexio da Coruña, José Miguel Sánchez-Andrade Fernández, escritura pública de doazón, de dúas parcelas sitas no monte denominado Regocheo, Balai e Canal das Cordas, parroquia de Santa María de Loureda, termo municipal de Arteixo (A Coruña). Conforme ós artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Asemade, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os

investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos establecidos por Joaquín Chouza Martínez e María Lago Caamaño, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acepta-la doazón feita por Joaquín Chouza Martínez e María Lago Caamaño, das parcelas sitas no monte Regocheo, Balai, e Canal das Cordas, na parroquia de Santa María de Loureda, termo municipal de Arteixo (A Coruña), que a continuación se describen:

A) Parcela de catro hectáreas, oitenta e seis áreas e dezaoito centiáreas, polo vento sur do monte Regocheo, e que linda, segundo o título de doazón, ó norte, con Herminia Iglesias; ó sur, monte chamado Casal do Carboeiro, de José Gómez Ríos e outros; ó leste, con monte dun tal Pedregueira e polo oeste, co antedito monte Casal do Carboeiro e a parcela de Herminia Iglesias. Os lindes actuais son: norte, monte de Luis Vázquez Caridad e dos veciños de Loureda; sur, monte Carboeiro, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia; leste, monte de Ramón Figueroa; e oeste, monte de Luis Vázquez Caridad.

B) Parcela dunha hectárea, vinteunha áreas e cincuenta e cinco centiáreas, polo vento norte do mesmo monte Regocheo, que linda, segundo o título de doazón, polo norte, máis dos veciños de Loureda; polo sur, máis de Herminia Iglesias; polo leste, monte

dun tal Pedregueira e polo oeste, Manuel Borrazás. Os lindes actuais son: norte, montes de Luis Vázquez Caridad e dos veciños de Loureda; sur, monte Carboeiro, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia; leste e oeste, Luis Vázquez Caridad.

Artigo 2º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no exercicio das súas competencias en materia forestal, encargarase da administración e xestión dos inmobles doados.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da aceptación da doazón no correspondente documento público e a realiza-los trámites para a súa inscrición no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda