Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 23 de xuño de 1995 Páx. 4.961

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 1995 pola que se convoca concurso público para a provisión das prazas de corpos docentes universitarios (prazas números 1304 a 1307/1995 ámbalas dúas inclusive).

De acordo co establecido no artigo 38.2º da Lei 11/1983, do 5 de agosto, e o artigo 2.4º do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro (BOE do 26 de outubro), polo que se regulan os concursos para a provisión de prazas de corpos docentes universitarios, este rectorado resolveu convocar concurso para a provisión das prazas que se relacionan no anexo I da presente resolución, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Os ditos concursos rexeranse polo disposto na Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro); Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro (BOE do 26 de outubro), corrixido parcialmente polo Real decreto 1427/1986, do 13 de xuño; Orde do 28 de decembro de 1984 (BOE do 16 de xaneiro de 1985), e, no non previsto, pola lexislación xeral de funcionarios civís do Estado, e tramitaranse independentemente para cada unha das prazas convocadas.

Segunda.-Para ser admitido ós ditos concursos cómpren os seguintes requisitos xerais:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos dezaoito anos e non ter cumpridos os sesenta e cinco.

c) Non ter sido separado, por expediente disciplinario, do servico da Administración do Estado ou da Administración Autónoma, institucional ou local, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

d) Non padecer enfermidade nin defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento das funcións correspondentes a profesor de universidade.

Terceira.-Deberán reunir, ademais, as condicións específicas que se sinalan no artigo 4.1º ou 2º, do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, segundo a categoría das prazas e a clase do concurso.

Cando, estando en posesión do título de doutor, se concorra a prazas de catedrático de universidade, de acordo co previsto no artigo 4.1º c) do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, e non se pertenza a ningún dos corpos que nel se sinalan, os interesados deberán acredita-lo feito de seren eximidos de tales requisitos.

Non poderá concursar ás prazas de profesor titular de universidade quen estivese contratado durante máis de dous anos como axudante desta universidade, coas excepcións previstas no artigo 37.4º da Lei 11/1983, do 25 de agosto (Boletín Oficial del Estado do 1 de setembro), de reforma universitaria.

Cuarta.-Os que desexen tomar parte neste concurso remitiranlle a correspondente solicitude ó rector da Universidade da Coruña por calquera dos procedementos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), no prazo de vinte días hábiles a partir do día seguinte a aquel no que teña

lugar a publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado mediante instancia, segundo o modelo do anexo II debidamente cuberto, xunto cos documentos que acrediten reuni-los requisitos para participar no concurso. A concorrencia dos ditos requisitos deberá estar referida sempre a unha data anterior á expiración do prazo fixado para solicita-la participación no concurso.

Os aspirantes deberán xustifica-lo aboamento na conta corrente 17957982, concursos-oposicións, Caixa Postal, oficina principal da Coruña, segundo se detalla a seguir e para cada caso, a cantidade de: doutores, 1.500 ptas. (400 ptas. en concepto de formación de expediente e 1.100 ptas. por dereito de exame); licenciados, 1.340 ptas. (240 ptas. en concepto de formación de expediente e 1.100 ptas. por dereito de exame); diplomados, 1.260 ptas. (160 ptas. en concepto de formación de expediente e 1.100 ptas. por dereitos de exame).

Quinta.-Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da universidade, por calquera dos procedementos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), remitiralles a tódolos aspirantes unha relación completa de admitidos e excluídos, con indicación das causas da exclusión. Contra a dita resolución os interesados poderán presentar unha reclamación perante o rector no prazo de quince días hábiles contados desde o seguinte ó da notificación da relación de admitidos e excluídos.

Sexta.-O presidente da comisión, dentro do prazo habilitado regulamentariamente para a constitución, dictará unha resolución que lles deberá ser notificada a tódolos interesados cunha anticipación mínima de 15 días naturais respecto da data do acto para o que é citado, convocando a:

a) Tódolos membros titulares da comisión e, se é o caso, os suplentes necesarios para efectua-lo acto de constitución daquela.

b) Tódolos aspirantes admitidos a participar no concurso, para realizaren o acto de presentación dos concursantes e con fixación do día, hora e lugar de celebración do dito acto.

Sétima.-No acto de presentación os concursantes entregaranlle ó presidente da comisión a documentación sinalada nos artigos 9 e 10 do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, corrixido polo Real decreto 1427/1986, do 13 de xuño, se é o caso, segundo se trate de concurso ou concurso de méritos.

Oitava.-Os candidatos propostos para a provisión das prazas deberán presentar na secretaría xeral da universidade, no prazo dos quince días hábiles seguintes ó de concluí-la actuación da comisión, os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

b) Certificación médica oficial de non padecer enfermidade nin defecto físico ou psíquico que impida o desempeño das funcións correspondentes a profesor de universidade, expedida pola dirección provincial ou consellería, segundo proceda, competentes en materia de sanidade.

c) Declaración de que non foi separado da Administración do Estado, institucional ou local, nin das administracións das comunidades autónomas, en virtude de expediente disciplinario e non atoparse inhabilitado para o exercicio da función pública.

Os que tiveren a condición de funcionarios públicos de carreira estarán exentos de xustificar tales documentos e requisitos, e deberán presentar unha certificación do ministerio ou organismo do que dependan, acreditativa da súa condición de funcionarios e cantas circunstancias consten na súa folla de servicios.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 1995.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Número de prazas: 1.

Praza número: 1304/1995.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: toxicoloxía e lexislación sanitaria.

Departamento ó que está adscrita: Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses.

Actividades que realizará quen obteña a praza: materias da área en Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria: concurso.

Número de prazas: 1

Praza número: 1305/1995.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: ciencias da computación e intelixencia artificial.

Departamento ó que está adscrita: Electrónica e Computación.

Actividades que realizará quen obteña a praza: materias da área en Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria: concurso.

Número de prazas: 1.

Praza número: 1306/1995.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: fundamentos da análise económica.

Departamento ó que está adscrita: Fundamentos da Análise Económica.

Actividades que realizará quen obteña a praza: teoría económica en Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria:concurso.

Número de prazas: 1.

Praza número: 1307/1995.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento á que corresponde: psicobioloxía.

Departamento ó que está adscrita: Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía.

Actividades que realizará quen obteña a praza: psicobioloxía en Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria: concurso.