Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 23 de xuño de 1995 Páx. 4.944

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 24 de maio de 1995 pola que se publican as bases que rexen a convocatoria conxunta de concurso ordinario de méritos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

De acordo co previsto nos artigos 99 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, 13 e 19 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (BOE do 9 de agosto), e de conformidade co establecido na Orde do 8 de setembro de 1994, do Ministerio para as Administracións Públicas pola que se aproba o modelo de convocatoria conxunta e bases comúns polas que se rexerán os concursos ordinarios para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (BOE nº 216, do 9 de setembro), e na Orde do 10 de agosto de 1994, pola que se dictan normas sobre concursos de provisión de postos reservados a funcionarios (BOE nº 192, do 12 de agosto), e demais normativa concordante, esta consellería,

DISPÓN:

Publica-las bases comúns e as específicas do concurso ordinario de méritos para a provisión de postos de traballo vacantes de Administración local con habilitación de carácter nacional.

BASES COMÚNS

Primeira.-Postos.

Ofrécense neste concurso os postos reservados a habilitados nacionais, vacantes con posterioridade ó 24 de novembro de 1994 en corporacións que acordaron a súa convocatoria nos termos que se detallan no anexo I.

Segunda.-Participación.

1. Os funcionarios con habilitación de carácter nacional poderán concursar ós postos de traballo que, segundo a súa clasificación, correspondan á subescala e categoría a que pertencen. Poderán participar asímesmo os funcionarios non integrados nas actuais subescalas, pertencentes ós extinguidos corpos nacionais de secretarios, interventores e depositarios de Administración local a que se refire a disposición transitoria primeira, 1, do Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro, nos termos seguintes:

-Os secretarios de primeira, a postos reservados á subescala de secretaría, categoría superior.

-Os secretarios de segunda, a postos reservados á subescala de secretaría, categoría de entrada.

-Os secretarios de terceira, a postos reservados á subescala de secretaría-intervención.

-Os secretarios de concellos «a extinguir», a secretarías de concellos con poboación que non exceda de 2.000 habitantes.

-Os interventores a postos reservados á subescala de intervención-tesoureria, categoría superior, pero unicamente a postos de intervención.

-Os depositarios, a postos reservados á subescala de intervención-tesourería, pero unicamente a postos de tesourería.

2. En todo caso, os funcionarios con nomeamento provisional e os que se atopen en expectativa de nomeamento están obrigados a concursar á totalidade de postos ofertados na súa subescala e categoría. Tamén o están os que encontren en calquera das circunstancias a que se refire o artigo 53.2º do Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro, os que cesasen na situación de servicios especiais e non tivesen reserva de praza, e os que promocionasen á categoría superior nos termos do artigo 24.2º do mesmo real decreto.

3. Non poderán concursar:

a) Os funcionarios inhabilitados e os suspensos en virtude de sentencia ou resolución administrativa firmes se, á publicación da presente resolución, non transcorrese período a que se estende a inhabilitación ou a suspensión.

b) Os funcionarios destituídos a que se refire o artigo 148.5º do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia e réxime local, aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, se non terminase o período a que se estende a destitución.

c) Os funcionarios nas situacións de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 29.3 c) e d) da Lei de medidas para a reforma da función pública, se non transcorrese o prazo de dous anos desde o pase a elas.

d) Os funcionarios que non leven dous anos no último destino obtido con carácter definitivo en calquera Administración pública, salvo que concursen a postos reservados á súa subescala e categoría na mesma corporación ou se encontren nos supostos do artigo 20.1 f), da Lei de medidas para a reforma da función pública.

Terceira.-Documentación e prazo para participar.

1. No prazo de quince días naturais a partir da publicación conxunta deste concurso no Boletín Oficial del Estado, os funcionarios con habilitación de carácter nacional que desexen tomar parte nel dirixirán a cada unha das corporacións locais dos postos ós que concursen, a seguinte documentación:

-Solicitude de participación con declaración xurada de non estar incurso en ningunha das circunstancias a que se refire o apartado 3 da base anterior.

-Documentación acreditativa, se é o caso, do coñecemento da lingua e os méritos de determinación autonómica para os postos situados nas comunidades autónomas que o teñan determinado.

2. No caso de concursar simultaneamente a dous ou máis postos, os concursantes formularán orde de prelación de adxudicacións ante a Subdirección Xeral da Función Pública Local (Rexistro de Entrada de Documentos do Ministerio para as Administracións Públicas (MAP), r/ Alcalá Galiano, 8, 28071 Madrid), co obxecto de evita-la adxudicación simultánea de varios postos a un mesmo concursante. Esta orde de prelación terá que ser única e comprensiva da totalidade de postos solicitados, con independencia de que se concurse a unha ou varias subescalas e categorías. A formulación de prelación non substituirá en ningún caso a solicitude individualizada dirixida á corporación local convocante.

Os concursantes a postos de corporacións locais no País Vasco remitirán copia da folla de prelación ás deputacións forais respectivas.

3. A solicitude de participación e a folla de prelación terán que presentarse de acordo cos modelos do anexo II á presente orde.

4. Os requisitos esixidos así como os méritos alegados deberán reunirse a data da presente resolución de publicación da convocatoria conxunta.

Cuarta.-Coñecemento de linguas e méritos de determinación autonómica.

Quinta.-Méritos específicos.

Os méritos específicos polos que se rexe este concurso son os que para cada posto de traballo se inclúen no anexo I.

Sexta.-Valoración de méritos.

1. O tribunal de valoración de cada posto comprobará a concorrencia nos concursantes dos requisitos, excluíndo ós que non os reúnan.

A continuación puntuará, respecto dos non excluídos, os méritos do seguinte modo:

-Obterá, da relación comprendida en resolución que publique a Dirección Xeral da Función Pública do MAP, pola que se dá publicidade á relación individualizada de méritos xerais dos habilitados nacionais, a valoración destes méritos ata un máximo de 19,50 puntos, sen que sexa posible acreditación adicional ningunha por parte dos concursantes nin valoración distinta por parte do tribunal.

-Efectuará a valoración de méritos específicos ata un total de 7,50 puntos, e dos de determinación autonómica, ata un total de 3 puntos, con base na acreditación proporcionada polos concursantes.

-Respecto dos postos en que non existan baremos de méritos específicos, o tribunal asignará unicamente a puntuación de méritos xerais e, se é caso, os de determinación autónomica.

2. O tribunal poderá celebrar, se o prevé a convocatoria específica respectiva, entrevista co concursante ou concursantes que considere conveniente, para a concrección dos méritos específicos ou de determinación autonómica. Para a celebración da entrevista, o tribunal notificará ós afectados, polo menos con seis días de antelación, a data, hora e lugar da súa celebración.

3. En caso de empate na puntuación final de méritos de dous ou máis concursantes, o tribunal dará prioridade na proposta de adxudicación a aquel que obtivese maior puntuación por méritos específicos. De manterse o empate, a favor de quen en méritos de terminación autonómica teña máis alta puntuación. De persistir este, a favor de quen en méritos xerais teña maior puntuación nos apartados a), b), c), d) e e), pola dita orde, o artigo 15.1º do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo. En última instancia o empate resolverase segundo a orde de prelación no proceso selectivo.

Sétima.-Proposta de resolución.

1. Efectuada a exclusión e puntuación final dos concursantes, o tribunal elevará ó Pleno da Corporación proposta de resolución comprensiva de tódolos concursantes non excluídos e as súas puntuacións ordenadas de maior e menor, así como relación fundada de excluídos.

2. Se non houbese concursantes ó posto, ou habéndoos, fosen excluídos na súa totalidade, o tribunal proporá ó pleno que declare o concurso deserto.

Oitava.-Resolución.

1. A corporación resolverá o concurso de acordo coa proposta formulada polo tribunal de valoración.

2. A dita resolución será motivada con referencia ó cumprimento das normas regulamentarias e das

bases de convocatoria. En todo caso deberán quedar acreditadas, como fundamentos da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido e a valoración final dos méritos dos candidatos e comprender, por orde de puntuación, á totalidade dos concursantes non excluídos.

3. A resolución do concurso será remitida á Dirección Xeral da Función Pública do MAP dentro dos trinta días naturais seguintes á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Así mesmo e en igual prazo notificarse, se é o caso, a declaración de quedar deserto o concurso.

4. As corporacións locais do País Vasco, en lugar da resolución do concurso, formularán propostas de nomeamento e remitiranas á respectiva institución foral dentro dos 30 días naturais seguintes á data de finalización do prazo de presentación de instancias.

5. As institucións forais do País Vasco procederán á resolución do concurso e á súa remisión ó órgano competente da Comunidade Autónoma, que a enviará á Dirección Xeral da Función Pública.

Novena.-Coordinación de nomeamentos.

A Dirección Xeral da Función Pública do MAP, transcorrido o prazo a que se refire a base anterior, procederá a efectua-la coordinación das resolucións coincidentes recibidas, coa adxudicación final de postos atendendo á orde formulada polos interesados na folla de prelación e á puntuación obtida en cada un deles. A adxudicación final ós concursantes con nomeamentos múltiples que non formulasen folla de prelación terá en conta, se é o caso, o posto que se viñesen ocupando con carácter non definitivo.

Respecto dos postos do País Vasco, o órgano competente da Comunidade Autónoma e a Dirección Xeral da Función Pública do MAP efectuarán a coordinación precisa para evita-los nomeamentos múltiples en postos adxudicados simultaneamente a un mesmo concursante no País Vasco e noutras comunidades autónomas.

Décima.-Formalización de nomeamentos.

De acordo co resultado da coordinación nos casos de adxudicacións múltiples e das resolucións das corporacións nos restantes, a Dirección Xeral da Función Pública do MAP procederá a formaliza-los nomeamentos, o seu envío ás comunidades autónomas e a súa publicación no prazo de un mes no Boletín Oficial del Estado.

Undécima.-Prazo de toma de posesión.

1. O prazo de toma de posesión nos destinos obtidos no concurso será de tres días hábiles se se trata de postos de traballo da mesma localidade ou de un mes se se trata do primeiro destino ou de postos de traballo en localidade distinta.

O dito prazo emperazá a contarse a partir do día seguinte ó do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes á publicación dos correspondentes nomeamentos no Boletín Oficial del Estado.

Se a resolución comporta o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde a dita publicación.

2. Se no momento da publicación do nomeamento non se producise a xubilación a que se refire o artigo 11 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, o prazo do cesamento no posto de orixe diferirase ó momento en que esta teña lugar.

3. O cómputo de prazos de toma de posesión iniciarase cando finalicen os permisos ou licencias que, se é o caso, fosen concedidos ós interesados.

4. Por necesidades do servicio, mediante acordo dos presidentes das corporacións en que teña que cesar e tomar posesión o concursante, poderase diferi-lo cesamento e a toma de posesión ata un máximo de tres meses, debendo o segundo deles dar conta deste acordo á Dirección Xeral da Función Pública do MAP.

Excepcionalmente, por instancia do interesado e por razóns xustificadas, poderá tamén diferirse á toma de posesión, por igual prazo, por acordo entre os presidentes respectivos dando conta á Dirección Xeral da Función Pública do MAP.

Duodécima.-Irrenunciabilidade e voluntariedade dos destinos.

Os destinos adxudicados serán irrenunciables e terán carácter voluntario, non xerando en consecuencia dereito ó aboamento de indemnización por traslado.

Décimo terceira.-Cesamento e toma de posesión.

1. As dilixencias de cesamento e toma de posesión dos concursantes que accedan a un posto de traballo, de acordo coa resolución do concurso, deberán ser comunicadas á Dirección Xeral da Función Pública do MAP e á Comunidade Autónoma respectiva, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se produzan.

2. A toma de posesión determina a adquisición dos dereitos e deberes funcionariais inherentes ó posto, pasando a depende-lo funcionario da correspondente corporación.

Décimo cuarta.-Recursos.

Os actos administrativos das corporacións locais e dos tribunais de valoración realizados no procedemento de concurso poderán ser impugnados conforme o previsto nos artigos 114 a 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De acordo co establecido na disposición adicional novena da citada lei, os actos do director xeral da Función Pública na súa actividade de coordinación poñen fin á vía administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública