Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 23 de xuño de 1995 Páx. 4.941

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 1995, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia da revisión do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de edificación e obras públicas.

Visto o texto da revisión do convenio colectivo para o sector de edificación e obras públicas, (código 2700245), da provincia de Lugo, asinado o 19 de abril de 1995, polas representacións da Asociación Provincial de Empresarios de Construcción e das centrais sindicais CC.OO., UGT e USO, e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición da revisión do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto da revisión do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Lugo, 19 de maio 1995.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Asistentes:

-Representación sindical:

-Humberto Paz Rodríguez, UGT.

-Adolfo Mosteirín Turia, UGT.

-Ánxel Barreiro Pérez, CC.OO.

-Mª Carmen Arias Río, USO.

-Representación patronal:

-Hipólito Trinidad Losada.

-José Juan Meijide Castro.

-Antonio Rodríguez Suárez.

-Juan Manuel González Zaera.

-Silviano Pizarro Gómez.

-Rafael Díaz Iglesias (asesor).

-Ricardo Castro López (secretario).

Na cidade de Lugo o 19 de abril de 1995 reúnense na sala de xuntas de APEC os membros da comisión mixta deliberadora do convenio de edificación e obras públicas con asistencia dos representantes indicados á marxe e con obxecto de trata-la seguinte orde do día:

Revisión salarial do convenio para o período 1.1.95 a 31-12-1995.

Unha vez aberta a acta e logo de deliberación dos asistentes adóptanse os seguintes acordos:

1º.-Aproba-la táboa salarial anexa resultante de aplica-lo 3,5% sobre as táboas aprobadas para o efecto, conforme as prescricións do acordo adoptado pola comisión do convenio xeral do sector.

2º.-Incorporar á acta o citado acordo sectorial por considerarse as súas cláusulas aplicables con carácter subsidiario ó texto do convenio provincial.

3º.-Ratifica-las cláusulas do convenio provincial publicado no BOP do 27 de agosto de 1992 coas modificacións salariais introducidas nel.

4º.-Fixa-lo importe das axudas de custo nas contías seguintes:

A) Axuda de custo completa en desprazamentos de ata tres días consecutivos: 2.200 pesetas.

B) Media axuda de custo en desprazamentos en días illados ou consecutivos sen exceder de tres: 1.025 pesetas.

C) Axuda de custo completa en desprazamentos de máis de tres días consecutivos: 1.670 pesetas.

D) Media axuda de custo en desprazamentos de máis de tres días consecutivos: 862 pesetas.

Os atrasos aboaranse no prazo de un mes a partir da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia.

E en proba de conformidade asinan a presente acta e os seus anexos no lugar e data expresados.

Acordo sectorial nacional da construcción para 1995.

Preámbulo

As partes asinantes, integradas pola Federación Estatal de Madeira, Construcción e Afíns da Unión Xeral de Traballadores (FEMCA-UGT) e a Federación Estatal de Construcción, Madeira e Afíns de Comisións Obreiras (FECOMA-CC.OO.), todas elas en representación laboral e a Confederación Nacional da Construcción (CNC), en representación empresarial, como organizacións máis representativas do sector da construcción nos seus respectivos ámbitos, e facendo uso das previsións contidas no artigo 3.2º do convenio xeral do sector da construcción (CXSC),

ACORDAN:

Artigo 1º.-Ámbitos persoal e funcional.

Quedan obrigados polas disposicións do presente acordo sectorial nacional (ASN) tódalas organizacións, asociacións e entidades que integren empresas e traballadores afectados polo ámbito funcional do convenio xeral do sector da construcción (CXSC), subscrito o 10 de abril de 1992.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O presente acordo será de aplicación en todo o territorio do Estado español.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

Este acordo estará vixente no ano 1995, logo da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Artigo 4º.-Alcance obrigacional e normativo.

1. As partes que subscriben o presente acordo, na súa condición de organizacións máis representativas do sector, de conformidade co disposto na Lei orgánica de liberdade sindical, adquiren o compromiso formal de incorpora-los seus acordos ós convenios colectivos provinciais que se negocien en 1995.

2. Os convenios provinciais que estean en vigor parte do ano 1995 manterán as condicións neles pactadas, en todo o seu contido, ata o seu termo temporal, en que se aplicará o disposto no apartado anterior.

3. Os pactos contidos no presente acordo serán de preferente aplicación sobre calquera outra disposición legal de carácter xeral que rexese nas materias por el reguladas, agás que sexan de dereito necesario, substituíndoas, polo tanto, durante a súa vixencia.

Artigo 5º.-Incrementos económicos.

1. Para o ano 1995, os convenios provinciais aplicarán un incremento do tres con cinco por cento (3,5%) sobre os conceptos de salario base, gratificacións extraordinarias, retribución de vacacións e pluses salariais e extrasalariais.

2. O importe das axudas de custo e medias axudas de custo, de acordo co disposto no artigo 86.6º do convenio xeral do sector fixarase no marco dos respectivos convenios colectivos provinciais.

3. Os convenios subscritos para o presente ano manterán as condicións xa pactadas.

4. Os convenios provinciais fixarán o prazo de pagamento dos atrasos correspondentes.

Artigo 6º.-Cláusula de garantía salarial.

1. Para o ano 1995, no suposto de que o incremento anual do índice de prezos ó consumo (IPC) o 31 de decembro de 1995 supere o tres con oito por cento (3,8%), efectuarase unha revisión salarial sobre o exceso do dito tanto por cento, con efectos do 1 de xaneiro de 1995. A dita revisión afectará os conceptos previstos no artigo 5.1º e, se é o caso, servirá de base para a negociación colectiva seguinte:

2. Esta cláusula adaptarase ó período de vixencia de cada convenio colectivo.

Artigo 7º.-Formación continua.

Para aqueles traballadores que asistan a accións formativas presenciais, correspondentes á convocatoria da FORCEM 1995, xestionadas pola Fundación Laboral da Construcción, o 50% das horas que precise esta acción será dentro da xornada laboral, ou serán deducidas desta na dita porcentaxe, sempre que se dean as seguintes condicións:

a) A empresa podará denega-la asistencia dun traballador a unha acción formativa, mediante resolución motivada, por razóns técnicas, organizativas ou de producción. No caso de denegación o traballador poderá recorrer ante a comisión territorial da FLC.

b) Os traballadores que poden asistir ás accións formativas recollidas neste artigo, non superarán anualmente o 10% dos cadros de persoal, nin, naqueles centros de traballo con menos de 10 traballadores, poderá concorrer máis de un.

c) O 50% das horas a cargo da empresa suporá un máximo anual de 20 horas por traballador, podendo distribuírse nunha ou varias accións formativas.

d) O traballador solicitante deberá ter superado o período de proba e ter, en todo caso, unha antigüidade mínima de un mes na empresa.

e) Durante as horas formativas a cargo da empresa o traballador terá dereito ó salario que lle correspondería como se estivese traballando en xornada ordinaria.

f) O traballador terá que acreditar ante a empresa a asistencia á correspondente acción formativa.

Artigo 8º.-Horas extraordinarias.

Con independencia dos límites establecidos no artigo 68.2º CXSC, as partes, co fin de tender a manter ou, se é o caso, incrementa-lo volume de emprego, instan a empresas e traballadores afectados a que, cando por razóns técnicas organizativas ou productivas sexa posible, tendan á supresión ou reducción das horas extraordinarias.

Artigo 9º.-Contratos de duración determinada do artigo 15.1 b) E.TT.

1. Cando o contrato de duración determinada previsto no apartado 1.b) do artigo 15 do Estatuto dos traballadores se concerte para cubrir postos en centros de traballo que non teñan a consideración de obra, nese suposto, a duración máxima do contrato poderá ser de 12 meses dentro dun período de 18 meses.

No caso de que se concerten por un período inferior a 12 meses poderán ser prolongados mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo. O período de 18 meses computarase a partir da data da causa ou circunstancia que xustifique a súa utilización.

2. A indemnización por conclusión destes contratos será a prevista no artigo 30 do vixente convenio xeral do sector da construcción.

Artigo 10º.-Xornada de traballo.

As partes asinantes recórdanlles ás respectivas organizacións que aínda non desenvolvesen o establecido no artigo 71 do CXSC, relativo ó calendario laboral, a necesidade de levalo á práctica de forma inmediata nos respectivos convenios provinciais.

Artigo 11º.-Materias pendentes de negociación.

As partes asinantes do presente acordo adquiren o compromiso de negociar -prioritariamente- durante 1995 as materias de formación profesional e seguridade e hixiene no traballo.

Así mesmo adquiren o compromiso de incorporar a este ámbito a regulación do contrato de aprendizaxe.

Artigo 12º.-Ingreso no traballo.

As partes asinantes do presente acordo, a través das súas organizacións, comprométanse a impedi-las accións unilaterais dos que, á marxe da lei e dos convenios colectivos, pretenden impoñe-las súas condicións de ingreso no traballo.

Artigo 13º.-Comisión paritaria.

1. Acórdase constituír unha comisión paritaria para a interpretación e seguimento do pactado neste acordo.

2. A dita comisión estará composta por un máximo de doce membros, que serán designados por metades por cada unha das dúas partes, sindical e empresarial, na forma que decidan as respectivas organizacións.

3. Os acordos da comision paritaria adoptaranse, en todo caso, por unanimidade de ámbalas partes, sindical e empresarial. Os seus acordos interpretativos deste acordo sectorial nacional terán a mesma eficacia cá da cláusula que fose interpretada.

4. O funcionamento da comisión realizarase da forma que está acorde, asumíndose xa os acordos ó respecto adoptados pola comisión paritaria do artigo 21 do convenio xeral do sector da construcción, así como o procedemento para solventa-las posibles discrepancias, previsto na disposición derradeira segunda do convenio xeral do sector da construcción.

Artigo 14º.-Denuncia.

Para dar cumprimento ó previsto no artigo 85.2º d) do Estatuto dos traballadores, as partes asinantes fan constar expresamente que o presente acordo non precisa denuncia para a súa total extinción o 31 de decembro de 1995.

Disposición transitoria única

Os contratos regulados no presente acordo que estean vixentes no momento de entrar en vigor o respectivo convenio colectivo provincial ou, se é o caso, autonómico, continuarán rexéndose polas normas de acordo coas cales se concertaron.