Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 20 de xuño de 1995 Páx. 4.640

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 171/1995, do 3 de xuño, polo que se crea o Comité Galego da Campaña Europea da Xuventude contra o racismo, a xenofobia, o antisemitismo e a intolerancia.

Os xefes de Estado e de Goberno dos 32 países do Consello de Europa reuníronse en Viena o 9 de outubro de 1993. Entre as prioridades da reunión figuraba unha acción apropiada contra o racismo, a xenofobia, o antisemitismo e a intolerancia, e adopta a este propósito unha declaración e un plan de acción. O elemento clave deste plan de acción é unha campaña europea da xuventude, que tende a mobiliza-lo público a favor dunha sociedade tolerante, fundada na dignidade igual de tódolos seus membros e que se desenvolverá durante o ano 1995.

A campaña, coordinada polo Consello de Europa, articularase con outras iniciativas internacionais en preparación para 1995, tales como o Ano da Tolerancia das Nacións Unidas, o 10º aniversario do Ano Internacional da Xuventude e o 50º aniversario da Fundación das Nacións Unidas.

Constituído en decembro de 1994 o Comité Nacional da Campaña, queda aberto o proceso de constitución de comités autonómicos e locais.

A Campaña Europea da Xuventude ten como obxectivos principais:

-Anima-los mozos/as e a sociedade en xeral a participar activamente na loita contra o racismo, a xenofobia, o antisemitismo e a intolerancia.

-Promove-las modificacións ou aplicacións legais para previr, corrixir e sancionar, se é o caso, toda forma de discriminación, exclusión ou intolerancia.

-Impulsar no ámbito educativo-formal e no informal a aprendizaxe intercultural baseada nos valores de igualdade, solidariedade e tolerancia, e anima-la elaboración de materiais didácticos neste sentido.

-Propicia-la participación dos colectivos afectados nas actividades, fins e obxectivos da campaña, para facer posible a construcción dun marco social, intercultural, democrático e solidario.

-Mobiliza-los medios de comunicación e para iso, establecer formas específicas de cooperación.

-Promover lugares de encontro coas ONG que teñan por obxecto a protección de minorías étnicas, inmigrantes e refuxiados, solidariedade e loita contra o racismo e a intolerancia, e outras entidades xuvenís e sociais.

-Presentar ó público exemplos de modos de vida positivos nunha sociedade pluricultural.

-Xerar conceptos, ideas e propostas concretas sobre o modo de remedia-la marxinación crecente dos mozos na sociedade.

-Invitar ós gobernos a que mobilicen vontades políticas e recursos acordes cos obxectivos que persegue a campaña.

A Xunta de Galicia, sensible á problemática que a campaña aborda, fai seus os fins que esta persegue de sensibilizar a tódolos cidadáns e en particular ós mozos, para favorecer unha convivencia democrática, previ-la discriminación e combatela onde xa existe.

Por conseguinte, por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Créase o Comité Galego da Campaña Europea da Xuventude contra o racismo, a xenofobia, o antisemitismo e a intolerancia.

Artigo 2º.-O comité galego funcionará en:

-Pleno.

-Comisión permanente.

Artigo 3º.-O pleno do comité galego estará presidido pola conselleira de Familia, Muller e Xuventude, actuando como vicepresidente o presidente do Consello da Xuventude de Galicia.

Serán vocais do dito comité:

*13 Representantes da Administración autonómica:

Secretario xeral da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Director xeral de Xuventude.

Directora xeral de Familia.

Director xeral de Formación e Emprego.

Directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Secretario xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións laborais.

Secretario xeral de Relacións coas Comunidades Galegas.

Secretario xeral para o Deporte.

Director xeral de Servicios Sociais.

Director xeral de Cultura.

Director xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Director xeral de Relacións Institucionais.

*Presidentes das deputacións provinciais ou membros en quen deleguen.

*3 Representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

*3 Representantes da Federación Galega de Concellos.

*10 Representantes de asociacións xuvenís representadas no Consello da Xuventude de Galicia.

*12 Representantes de asociacións e organizacións non gobernamentais especializadas na loita contra o racismo, e na protección e defensa dos inmigrantes, minorias étnicas e promoción da solidariedade.

*2 Representantes de escolas de tempo libre.

Os vocais serán designados pola presidenta, por proposta das distintas consellerías, administracións públicas e entidades ou organizacións ás que representen.

Os representantes da Administración autonómica deberán ostentar, polo menos, a categoría de director xeral, sen prexuízo de que poidan delega-la súa representación nun subdirector xeral.

Actuará como secretario do comité, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Xuventude.

Artigo 4º.-O comité galego estará encargado de programar, recomendar, estimular e coordina-las accións adecuadas ós obxectivos da campaña europea, e terá as seguintes funcións:

-Segui-las pautas da campaña propostas a nivel estatal e europeo.

-Asumi-la responsabilidade da campaña a nivel autonómico.

-Coordina-las actividades autonómicas e locais e asegura-la articulación entre os niveis locais, autonómicos e nacionais da campaña.

-Estimula-la participación e o compromiso de centros educativos, medios de comunicación, organizacións non gobernamentais, etc.

-Vincula-la campaña a outras iniciativas como o Ano da Tolerancia de Nacións Unidas e o 10º aniversario do Ano Internacional da Xuventude.

-Impulsar e apoia-la creación de comités locais.

Artigo 5º.-A comisión permanente estará presidida pola conselleira de Familia, Muller e Xuventude, que poderá delegar no director xeral de Xuventude, actuando como vicepresidente o presidente do Consello da Xuventude de Galicia. Así mesmo, estará constituída por 16 vocais, designados polo pleno entre os seus membros, coa seguinte composición:

Cinco representantes da Administración autonómica.

Catro representantes das asociacións xuvenís representadas no Consello da Xuventude de Galicia.

Catro representantes de asociacións ou organismos non gobernamentais especializados na loita contra o racismo, e na protección e defensa dos inmigrantes, minorías étnicas e promoción da solidariedade.

1 Representante da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

1 Representante da Federación Galega de Concellos.

1 Representante das escolas de tempo libre.

O secretario do comité executivo exercerá así mesmo como secretario da comisión permanente.

Artigo 6º.-O pleno reunirase dúas veces durante 1995 con carácter ordinario, e excepcionalmente cantas veces sexa convocado polo seu presidente por iniciativa propia ou por proposta de, polo menos, unha terceira parte dos vocais.

A comisión permanente, a convocatoria do seu presidente, reunirase cantas veces sexa necesario para o desenvolvemento dos acordos e o seguimento da programación das actuacións.

Artigo 7º.-Sen prexuízo das peculiaridades previstas no presente decreto, o funcionamento do comité executivo acomodarase ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre órganos colexiados.

Artigo 8º.-O comité executivo disolverase no ano 1996, unha vez elaborada a memoria de avaliación da campaña.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA