Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 20 de xuño de 1995 Páx. 4.638

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 170/1995, do 3 de xuño, de axudas a familias numerosas para a adquisición de vivenda familiar.

Segundo dispón a lexislación vixente, o Instituto Galego da Vivenda e Solo ten encomendada, entre outras, a competencia de garanti-lo dereito constitucional a unha vivenda digna e axeitada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica.

Dentro deses fins e ante a realidade que supón o feito de que as familias numerosas vexan reducidas cada vez máis ás súas posibilidades de acceder a unha vivenda cunha superficie axustada ás súas necesidades e tendo en conta que a superficie media das vivendas novas é cada vez menor, a Administración autonómica prentende darlles un apoio adicional ás familias numerosas para que poidan acceder á vivenda cunha superficie adecuada en función do número de fillos, xa que ademais, as vivendas de protección oficial non resultan axeitadas ó teren limitada a superficie pola súa normativa.

Tendo en conta todo isto, o Consello da Xunta de Galicia acordou, en reunión celebrada o día 21 de outubro de 1994 no contexto de establece-la política a seguir no eido socio familiar, adopta-las medidas que teñan por obxectivo facilitarlles ás familias numerosas o acceso ás vivendas en concidións de igualdade co resto das familias.

Segundo o anterior, e unha vez asinado o correspondente protocolo entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e a Consellería de Familia, Muller e Xuventude e en execución dos programas que sobre o sector da vivenda recolle o Plan Integral de Apoio á Familia, por proposta de conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto da presente disposición facilita-lo acceso á vivenda ás familias numerosas de Galicia, a través do outorgamento de subvencións a fondo perdido.

Artigo 2º.-Familia numerosa.

Para os efectos do disposto neste decreto entenderase por familia numerosa aquela que acredite estar en posesión do título de familia numerosa expedido pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicita-las subvencións reguladas polo presente decreto as familias numerosas residentes en Galicia que adquiran unha vivenda para a súa residencia habitual e permanente.

2. Ningún membro da familia solicitante poderá ser propietario de ningunha outra vivenda na Comunidade Autónoma, nin titular dun dereito real de uso ou desfrute sobre ela, agás nos seguintes casos:

Que a vivenda posúa unha configuración arquitectónica, distribución espacial, situación e accesos que supoñan unha reducción da súa funcionalidade para a familia numerosa por causa de diminución física ou porque impida aloxar separadamente ós seus membros de distinto sexo, agás os cónxuxes ou persoas unidas por vínculo de análoga natureza.

3. En ningún caso a vivenda para a que se solicitan as axudas terá unha superficie útil inferior a 10 m por cada membro da familia numerosa, non computándose, para estes efectos, a correspondente a baños, corredores e tendedeiras.

Artigo 4º.-Subvencións.

As subvencións, así como as súas contías, outorgaranse en función da puntuación obtida por cada familia como resultado da aplicación dun baremo

que se establecerá por orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. O antedito baremo avaliará o número de fillos, os ingresos da unidade familiar e, de se-lo caso, a condición de familia monoparental e a minusvalidez dalgún membro da familia numerosa.

Artigo 5º.-Presentación das solicitudes.

A orde de desenvolvemento do presente decreto determinará o prazo de presentación das solicitudes, o modelo ó que se axustarán e a documentación que os solicitantes deberán xuntar.

As solicitudes e maila documentación presentaranse nas xefaturas provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante IGVS), que correspondan segundo a situación da vivenda obxecto das axudas, ou segundo o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Selección de beneficiarios.

No caso de que o número de solicitudes presentadas supoña excede-las dispoñibilidades da aplicación orzamentaria asignada a esta finalidade, a aprobación das subvencións efectuarase de acordo coa seguinte orde de selección:

1. Terán preferencia aquelas solicitudes que obteñan un maior número de puntos, ata esgota-lo importe total da aplicación orzamentaria.

2. Nos casos de igualdade de puntuación a orde de prelación será a seguinte:

a) As solicitudes que obteñan máis puntos por razón dos ingresos familiares.

b) Aquelas que obteñan un maior número de puntos por razón de número de fillos.

c) Aquelas con máis puntos por razón de minusvalidez.

d) Aquelas con puntos por razón da súa condición de familia monoparental.

e) Segundo orde de presentación.

Artigo 7º.-Comisión de selección.

Co obxecto de realiza-la selección dos beneficiarios en aplicación do establecido no presente decreto e na orde que o desenvolva, constituirase unha comisión de selección, que terá a seguinte composición:

Presidente: o director técnico de Administración e Fomento do IGVS.

Vicepresidente: o xefe da Área de Fomento do IGVS.

Vocais: os xefes das áreas provinciais do IGVS.

Actuará como secretario un funcionario designado para tal efecto polo IGVS.

Artigo 8º.-Resolución de expedientes.

A comisión de selección, á vista das solicitudes e a documentación presentadas, do crédito orzamentario dispoñible e da puntuación que resulte en cada caso e logo das comprobacións que se coide opor

tunas, elevará proposta de selección e de resolución dos expedientes perante o director xeral do IGVS.

Á vista da proposta da comisión de selección, o director xeral do IGVS resolverá sobre as solicitudes presentadas.

A resolución aprobatoria comprenderá a puntuación acadada polo expediente, a situación da vivenda e a subvención que se conceda.

Será motivo de denegación non cumprir algún dos requisitos establecidos na normativa que rexe estas axudas así como non acada-la puntuación necesaria para ser seleccionado.

A resolución denegatoria será expresa e motivada e o interesado poderá interpoñer contra a dita resolución recurso ordinario perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. En todo caso, transcorridos cinco meses desde a presentación das solicitudes; se non tivera recaído resolución expresa, entenderanse desestimadas segundo o disposto no artigo 43.2º c) da Lei do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Pagamento da subvención.

Será requisito indispensable para o cobro da subvención a formalización da escritura pública de compravenda da vivenda desde o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da orde de desenvolvemento da presente disposición, ata un prazo máximo de dous meses contados a partir da notificación da resolución aprobatoria.

Será, así mesmo, requisito indispensable que o beneficiario se atope ó día nas súas abrigas tributarias e sociais e que non teña pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Unha vez recibida a notificación da resolucion aprobatoria, e co obxecto de recibi-lo importe da subvención, o beneficiario deberá presentar, na xefatura provincial do IGVS que lle corresponda, unha copia simple da escritura de compravenda no prazo máximo de 15 días desde o seu outorgamento. Exceptúanse aqueles beneficiarios que outorgaran a escritura pública antes de obte-la resolución aprobatoria, que presentarán a copia simple nos 15 días seguintes á data de recepción da notificación da resolución aprobatoria. O pagamento realizarase a través de transferencia bancaria á conta que indique o beneficiario no momento da entrega da copia simple da escritura.

Artigo 10º.-Obrigas e limitacións á facultade de disposición.

A vivenda resultante das actuacións subvencionadas ó abeiro da presente disposición deberase dedicar a residencia habitual e permanente da familia solicitante durante, polo menos, cinco anos, a partir da data da formalización da escritura de compravenda, e non poderá durante o mesmo prazo ser obxecto de transmisión intervivos por ningún título

sen solicitar do Instituto Galego da Vivenda e Solo a autorización de venda. Autorizada a venda, reintegraráselle ó IGVS o importe da subvención recibida xunto cos xuros legais desde o momento da súa percepción. Exceptúanse os casos de traslados por motivos laborais, para os que se presentará solicitude de non reintegro ó IGVS. A comisión, logo de comprobación da situación alegada, elevará perante o director xeral do IGVS a proposta de non reintegro para a súa resolución.

A limitación á facultade de disposición descrita neste artigo farase constar expresamente na escritura pública de compravenda.

Artigo 11º.-Obriga do requisito de residencia

O non cumprimento do requisito de residencia habitual e permanente do artigo 10º do presente decreto levará consigo a obriga de reintegra-las cantidades percibidas en concepto de subvención mailos correspondentes xuros legais desde o momento da súa percepción.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá dictar, no marco das súas competencias, as disposicións que cumpran para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda