Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 19 de xuño de 1995 Páx. 4.599

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 17 de abril de 1995 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación Economato Social de Empresas (Esdeco).

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación Economato Social de Empresas (Esdeco), que ten o seu domicilio social na Coruña, rúa San Vicente 39, cómpre sinala-los seguintes feitos:

Primeiro.-A fundación laboral Esdeco constituíuse en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o 31 de marzo de 1982, perante o notario Mariano Sánchez Brunete Casado, co número 653 do seu protocolo, por Eulalio Mora Florido, quen actuou en representación de 38 empresas.

Segundo.-O Ministerio de Traballo e Seguridade Social, a través da Dirección Xeral de Cooperativas, cualificou co carácter de laboral a fundación Esdeco, dado o seu obxecto, con data do 23 de novembro de 1982, inscribíndoa no Rexistro Oficial de Fundacións Laborais co nº 68.

Terceiro.-Con data do 17 de novembro de 1989 a entón Consellería de Traballo e Benestar Social solicitoulle ó Ministerio de Traballo e Seguridade Social a remisión do expediente de Esdeco, con base no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, polo que se transferiron, entre outras, as competencias sobre fundacións laborais. Sen embargo, o Ministerio de Traballo e Seguridade Social seguiu exercendo o protectorado de Esdeco, ó entender que ámbito de actuación da fundación era estatal, por ter algunhas das empresas de Esdeco ámbito nacional.

Cuarto.-O 21 de maio de 1993 a fundación laboral Esdeco reitera o traslado do seu expediente á Consellería de Traballo e Servicios Sociais, para pasar así a depender directamente da Xunta de Galicia, por canto o ámbito real da súa actividade non superaba os límites da Comunidade Autónoma, polo que a dita consellería lle solicitou novamente ó Ministerio de Traballo e Seguridade Social con data do 7 de xuño de 1993 a remisión do expediente de Esdeco, cumprindo así co disposto no artigo 31.2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado de fundacións de interese galego, no sentido de reclama-la competencia exclusiva para a Xunta de Galicia sobre aquelas fundacións que actúen dentro da Comunidade Autónoma e que, aínda concorrendo os requisitos establecidos na lei, non estean declaradas como de interese galego. O ministerio, por medio do Instituto Nacional de Fomento da Economía Social, contestou o 14 de xullo de

1993, expresando que para remiti-lo expediente de Esdeco á Consellería de Traballo e Servicios Sociais era preciso que a citada fundación laboral modifique os seus estatutos no relativo ó seu ámbito de actuación.

Quinto.-Por acordo do 28 de decembro de 1993, que foi asinado entre os secretarios xerais das con

sellerías de Familia, Muller e Xuventude e Xustiza, Interior e Relacións Laborais, polo que se adscriben as fundacións correspondentes á extinta Consellería de Traballo e Servicios Sociais, por razón da materia que constitúe o fin principal das mesmas, figura a fundación laboral Esdeco entre as asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Sexto.-O 20 de xuño de 1994 tivo entrada no Ministerio de Traballo e Seguridade Social un escrito de Esdeco no que se envía certificación notarial da modificación do artigo 5 dos seus estatutos fundacionais, quedando redactado nos seguintes termos: o ámbito de actuación da fundación alcanzará a todo o territorio da comunidade galega onde poidan existir beneficiarios dela. Tras este trámite, foi remitido o expediente da fundación laboral Esdeco polo Ministerio de Traballo e Seguridade Social, que tivo entrada na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o 18 de xullo de 1994. Segundo o ministerio, a fundación laboral Esdeco, trala modificación dos seus estatutos fundacionais, convértese nunha fundación de interese galego.

Sétimo.-Por escrito da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 12 de setembro de 1994 confirmouse a adscrición da fundación Esdeco á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais. O 15 de setembro recibiuse nova documentación de Esdeco remitida polo Ministerio de Traballo e Seguridade Social co que se completou o expediente da fundación.

Oitavo.-Finalmente, solicítaselle á fundación laboral Esdeco a notificación da modificación, en escritura pública, do artigo 5 dos seus estatutos fundacionais. Este documento recibiuse o 23 de xaneiro de 1995 e a fundación procedeu ó correspondente pagamento de taxas para a súa inscrición no rexistro de fundacións de interese galego o 17 de febreiro de 1995.

Noveno.-Segundo o artigo 3 dos seus estatutos fundacionais o fin e actividade principal da fundación é a de economato, aínda que tamén son fins dela, e sempre que as posibilidades económicas da fundación o permitan, a prestación de servicios asistenciais e sociais para beneficio dos que presten servicio nos centros de traballo das empresas que constitúen a fundación.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, as demais normas de desenvolvemento da mesma e as de xeral aplicación, así como o informe favorable da Asesoría Xurídica, cómpre sinala-los seguintes fundamentos xurídicos:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme co artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do pro

tectorado das fundacións de interese galego, así como co artigo 4 do Decreto 13/1994, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación Economato Social de Empresas (Esdeco) dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dalle nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico, e por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentárselle ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débese entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexisto de Fundacións, sección da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo se desprende dos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a fundación Economato Social de Empresas (Esdeco).

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lle dar publicidade suficiente ás súas actividades se á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a render contas anualmente ó protectorado e a xustificar a través dunha memoria anual o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do derradeiro mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 1995.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais