Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 19 de xuño de 1995 Páx. 4.600

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do persoal laboral da Deputación Provincial da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo do persoal laboral da Deputación Provincial da Coruña, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 17-4-1995, subscrito en representación da parte económica polo delegado de persoal, e pola parte social polo comité de empresa de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primero.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñer da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 19 de abril de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo da Deputación Provincial da Coruña co persoal laboral para o ano 1995

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Persoal incluído.

1. O presente convenio establece e regula os pactos polos que se rexen as condicións laborais dos traballadores que prestan os seus servicios en calquera das unidades e centros dependentes da Deputación Provincial da Coruña, que seguidamente se expresan:

-Colexio Calvo Sotelo.

-Fogar infantil Emilio Romay.

-Colexio A Milagrosa.

-Colexio Puga Ramón.

-Fogar infantil de Ferrol.

-Pazo de Mariñán: residencia e xardinería.

-Imprenta provincial.

-Escola de danza.

-Servicios centrais.

-Servicio de Recadación de Tributos e Exaccións.

2. Por persoal laboral, para efectos do presente convenio, considéranse os traballadores suxeitos a calquera tipo de contrato-laboral para cubrir postos

de traballo que respondan á actividade normal da deputación provincial.

Artigo 2º.-Persoal excluído.

a) Os que sexan funcionarios públicos, fixos do cadro de persoal, interinos ou de emprego e confianza, en xeral, os sometidos nas súas relacións xurídico-administrativas ó Estatuto de persoal regulado no acordo negociado de condicións de traballo e dereitos sindicais dos funcionarios da Deputación Provincial da Coruña.

b) Os que presten servicios nas fundacións e demais organismos autónomos con personalidade xurídica propia dependente da deputación provincial.

c) O persoal de alta dirección e administración de libre nomeamento.

d) O persoal contratado en réxime administrativo ou relacionado coa deputación por un contrato non laboral, sexa de natureza civil ou mercantil.

e) O persoal relixioso suxeito a concerto e non vinculado laboralmente coa deputación.

f) Con carácter xeral, todas aquelas persoas non incluídas no artigo 1º.

Artigo 3º.-Ámbito de vixencia temporal e revisión salarial.

A vixencia do presente convenio remata o 31 de decembro de 1995 e prorrogarase automaticamente, por períodos de un ano, a non ser que se produza denuncia escrita por algunha das partes con dous meses de antelación ó vencemento do período inicial ou a calquera das súas prórrogas.

Sen embargo, revisarase de maneira automática a materia referente a retribucións, sen necesidade de denuncia previa, cando proceda a revisión por norma de obrigado cumprimento ou resulte de acordos particulares entre a deputación provincial e os representantes dos traballadores.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

O presente convenio forma un todo orgánico e indivisible, ó que se someten as partes asinantes, asumindo o compromiso de respectar e cumprir tódalas cláusulas del.

Antes de que se presente formalmente unha situación de conflicto, a comisión mixta que se constitúe neste convenio reunirase para intentar unha solución harmonizada dos intereses contrapostos.

Capítulo II

Comisión mixta de interpretación, estudio e seguimento

Artigo 5º

Dentro dos 15 días seguintes ó da publicación do presente convenio no BOP constituirase unha comisión mixta, composta por tres representantes das centrais sindicais presentes no comité de empresa e outros tres da corporación.

Na primeira reunión elixirase un presidente de entre os membros corporativos e un secretario de entre os membros do comité.

O presidente poderá convoca-la comisión en calquera momento e en todo caso deberá facelo cunha periodicidade mínima de dous meses. Tamén poderá reunirse esta comisión por instancia de calquera das partes, nun prazo non superior a cinco días desde a solicitude da reunión, logo de comunicarllo ó presidente e á outra parte.

Esta comisión manterase en funcionamento ata a constitución da comisión negociadora do seguinte convenio.

Os acordos que se adopten quedarán reflectidos na acta que se levante de cada reunión, asinada por ámbalas partes.

Serán funcións da comisión:

a) Interpretación, estudio e seguimento do presente convenio.

b) Estudio das reclamacións e queixas formuladas polos traballadores ou os seus representantes perante a comisión.

c) Actualización dos pactos obxecto de convenio.

d) Informa-la definición, asimilación e integración nos distintos niveis das categorías profesionais non recollidas neste convenio, que veñan aconselladas por necesidades da organización do traballo ou por incorporación de novos traballadores.

e) Estudiar e propoñer, cando proceda, a modificación, reclamación, supresión ou creación de grupos, especialidades ou niveis.

f) As demais que se lle atribúen polo presente convenio.

Capítulo III

Organización do traballo

Artigó 6º

Conforme a lexislación vixente, a organización do traballo é facultade exclusiva da deputación provincial e a súa aplicación correspóndelles ós titulares das xefaturas das distintas unidades e centros dos ámbitos afectados polo presente convenio, sen prexuízo dos dereitos e facultades de audiencia e información recoñecidos ós traballadores nos artigos 40, 41 e 64.1º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

Os representantes dos traballadores poderán:

a) Estudiar e propoñe-las condicións de traballo nas distintas unidades e centros.

b) Propoñer cantas ideas sexan beneficiosas para a mellor organización e racionalización do traballo.

c) Trasladar á comisión mixta as suxerencias que en tal sentido lle comuniquen os seus representados.

Capítulo IV

Calendario laboral, xornada, vacacións

Artigo 7º.-Calendario laboral.

1. O calendario laboral será o que os organismos competentes da Administración central, autonómica

ou local sinalen, dentro das súas respectivas competencias, e afecte a provincia da Coruña. O dito calendario será exposto nos taboleiros de anuncios de tódalas unidades e centros dependentes da deputación provincial.

2. Cando nas oficinas centrais se estableza xornada festiva, esta farase extensible ós demais centros de traballo da deputación. Non obstante, e tendo en conta as especiais circunstancias de traballo dos ditos centros, ós traballadores destes compensaríalles esta xornada cun día de descanso, a desfrutar conforme as quendas que se organicen para isto e, se fora posible, na semana inmediata seguinte.

Artigo 8º.-Xornada laboral.

1. A xornada laboral común será de trinta e sete horas e media semanais.

2. O horario laboral establecido con carácter xeral será:

-De luns a venres, de 8 a 15 horas.

Sábados (trabállase un de cada tres), de 9 a 14 horas.

3. Nos centros onde non se poida establece-lo horario xeral adoptaranse as quendas de traballo seguintes:

-De luns a venres, de 8 a 15 horas un e de 15 a 22 horas outro.

-Sábados, domingos e festivos: de 9 a 14 horas un e de 14 a 19 horas outro (os sábados trabállase un de cada tres).

4. No suposto de que as necesidades do servicio impidan a aplicación dos horarios referidos nos puntos 2 e 3 deste artigo, o sector afectado deberá cumpri-la xornada que estableza a dirección do centro conforme as súas propias necesidades, sempre que non se exceda o número de 37,50 horas semanais, se manteña o descanso de día e medio ininterrompido en cada semana e non se produza ningunha discriminación cos funcionarios que puideran compartir esas mesmas tarefas.

5. A xornada de traballo do persoal que imparta docencia nos centros dependentes da deputación será a que fixe para centros públicos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través das instruccións da inspección correspondente. O persoal auxiliar destes centros acomodará o seu horario ó mesmo que requira o adecuado funcionamento daqueles, sen ningunha discriminación entre os contratados laborais e os funcionarios que puidesen compartir esas mesmas tarefas.

6. Establécese unha marxe de flexibilidade de un cuarto de hora diario que deberá recuperarse o mesmo día. A citada marxe de flexibilidade enténdese no primeiro cuarto de hora e deberá ser recuperado á hora da saída co mesmo tempo có demorado na entrada, ou a custa do período de descanso que se cita no seguinte parágrafo.

7. Tódolos traballadores dispoñerán dun período de 30 minutos diarios de descanso, con carácter de non recuperables dentro da xornada laboral.

8. Durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 30 de setembro, ámbolos días incluídos, a xornada diaria acurtarase unha hora, a excepción da semana grande da Coruña no mes de agosto e equivalente en Santiago, Ferrol e Bergondo (Pazo de Mariñán, residencia e xardíns), durante a cal se acortará a xornada en tres horas.

9. O control de puntualidade e asistencia será organizado pola deputación provincial de maneira fiable e a través dun mesmo sistema en tódolos centros.

10. Pausa entre xornada: calquera que sexa o réxime de organización do traballo de cada servicio, entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte, mediaran como mínimo doce horas.

11. Traballo en período nocturno: enténdese por traballo nocturno o que vai desde as vintedúas horas ata as seis horas. Intentarase que os traballadores maiores de 55 anos realicen traballo diúrno.

12. Cambio de quenda por necesidade: cando un traballador teña necesidade de cambiar de quenda ou teña que traballar no seu día libre deberá comunicalo con dous días de antelación, como mínimo, agás situacións de urxencia de imposible previsión.

Calquera modificación dos horarios xerais serán negociados polos representantes dos traballadores afectados.

Artigo 9º.-Vacacións.

As vacacións anuais, que terán a duración de un mes, desfrutaranse entre os meses de maio e setembro, ámbolos dous incluídos, e preferentemente no mes de agosto, agás que o traballador formule unha solicitude expresa de desfrutalas fóra dese período, sen prexuízo de que o mes teña 30 ou 31 días, con posibilidade de fraccionalas en dúas veces, e sempre que o permita a natureza do servicio.

Nos servicios onde poida producirse colisión de intereses respecto ó desfrute de vacacións, iniciaranse as quendas rotando ata consumi-lo ciclo de maló a setembro.

2. A duración do período vacacional dos traballadores que non alcancen un ano de servicio activo será proporcional ó tempo de servicio que media desde a data do seu ingreso ata o 31 de decembro do mesmo ano, redondeando o resultado en días por exceso.

3. Antes do día 1 de abril, cada centro ou servicio terá elaborado o seu cadro de vacacións, que deberá ser fixado no taboleiro de anuncios de cada centro polo menos con dous meses de antelación ó comezo do seu desfrute, podendo ser variadas por instancia do traballador as previsións naquel contidas, logo de comunicarllo con un mes de antelación á dirección do centro.

4. O período vacacional poderá quedar suspendido por instancia do traballador cando el mesmo presente a baixa médica ou se lle sobrevén unha enfermidade ou accidente durante o dito período. Igualmente, e para o suposto de que a baixa ocorrese con anterioridade ó inicio das vacacións e subsistise no día sinalado para o comezo delas, estas non comezarán a correr para o interesado.

Tanto nun coma noutro suposto, se se produce colisión de intereses entre o traballador que ve modificado o seu cadro de vacacións como consecuencia da baixa médica e aqueloutros do seu mesmo centro ou servicio que xa as teñen programadas terán preferencia eses últimos sobre o outro, que, en todo caso, deberá supeditarse ás necesidades do servicio.

5. Nos períodos de Semana Santa e Nadal en todos aqueles centros que presentan características específicas tales como os centros asistenciais, residencias, etc., manteranse os servicios mínimos necesarios para a atención ós asistidos que permanezan neles. O persoal de servicios mínimos irá rotando anualmente.

Artigo 10º.-Semana adicional de vacacións.

Establécese para os actuais traballadores que teñan cumpridos dez anos de servicios prestados ininterrompidamente en centros dependentes da deputación provincial un premio especial consistente no desfrute por unha soa vez dunha semana adicional de vacacións.

En todo caso, para a concesión da semana adicional de vacacións teranse en conta as necesidades do servicio.

Capítulo V

Representación sindical

Artigo 11º

O comité de empresa é o órgano representativo e colexiado do conxunto dos traballadores da deputación provincial conforme o disposto no artigo 63, en relación co artigo 61, do Estatuto dos traballadores.

A súa composición, constitución, renovación e competencias axustarase ó establecido nos artigos 63, seguintes e concordantes do citado estatuto.

Artigo 12º

Os membros do comité de empresa terán ademais das garantías recollidas no presente convenio, as establecidas no artigo 68 do Estatuto dos traballadores desde o momento da súa proclamación como candidatos ata un ano despois do cesamento no seu cargo. Aqueles que teñan o centro de traballo fóra da Coruña disporán dun suplemento de cinco horas mensuais para desenvolve-las funcións do seu cargo sindical. O tempo de reunións cos representantes da Administración non se incluirá dentro do dito crédito.

Artigo 13º

O dereito de reunión acomodarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes do Estatuto dos traballadores.

Artigo 14º

O comité de empresa disporá dun local con chave propia, racionalmente situado, e con dotación de mobiliario, teléfono, máquina de escribir, fotocopiadora e material de oficina suficiente e adecuado para uso exclusivo do comité.

Serán instalados taboleiros de avisos e anuncios a disposición do comité de empresa nos diversos centros de traballo dependentes da deputación provincial.

A deputación consignará nos seus orzamentos anuais unha cantidade destinada ó funcionamento do comité de empresa, por proposta da comisión mixta.

Artigo 15º

As indemnizacións por gastos a membros do comité serán de igual contía cás fixadas ós membros da xunta de persoal.

Capítulo VI

Provisión de vacantes, contratación, ingreso

Artigo 16º.-Provisión de prazas vacantes.

A deputación comunicaralle ó comité de empresa e ós centros dependentes daquela as vacantes que se produzan no cadro de persoal laboral que non sexan obxecto de amortización, para que tódolos traballadores idóneos poidan optar á súa provisión conforme a seguinte orde de preferencia:

1. Traslados voluntarios.

2. Reingreso de excedentes voluntarios.

3. Ascensos de categoría.

4. Novo ingreso.

5. Permutas.

Darase cumprida información ó comité de empresa de todos e cada un dos procesos de provisión de vacantes.

Artigo 17º.-Reingreso de excedentes voluntarios.

Os traballadores en situación de excedencia voluntaria poderán reingresar ó servicio activo sempre que exista praza vacante da súa mesma categoría.

Artigo 18º.-Traslados voluntarios.

1. Os concursos de traslados voluntarios terán carácter permanente ó longo de todo o ano e realizaranse a medida que se vaian producindo as vacantes, de acordo coas solicitudes presentadas e con carácter previo á provisión libre das mesmas prazas.

2. O traslado voluntario só poderá concederse por petición do traballador fixo do cadro de persoal, con antigüidade mínima de un ano, se existise vacante da súa mesma categoría profesional e especialidade no mesmo ou noutro centro.

3. As solicitudes de traslado voluntario formularanse mediante petición escrita do interesado e precisamente nas datas que determine a convocatoria do concurso de traslados.

4. As solicitudes serán informadas polo comité de empresa e resoltas pola presidencia da corporación á vista dos datos alegados para os distintos peticionarios.

5. O traballador trasladado poderá solicitar novos traslados sempre e cando no posto de orixe consolidase a antigüidade mínima de un ano.

Artigo 19º.-Ascensos de categoría.

1. Unha vez cumpridas as quendas de provisión a que se refiren os dous artigos precedentes, a pro

visión de vacantes será sacada a concurso interno para seren cubertas polos que aspiren a ela.

2. Os aspirantes deberán ser traballadores fixos, con un ano de antigüidade como mínimo, dispoñer da titulación ou nivel de estudios esixido e pertencer a escalas de igual ou inferior categoría.

3. A selección para as vacantes do sector técnico ou administrativo realizarase valorando os méritos conforme un baremo establecido e a defensa dunha memoria ou proxecto sobre o posto que se vai prever. O persoal non cualificado seleccionarase conforme o baremo adecuado ó posto de traballo.

4. O tribunal cualificador destes concursos estará integrado por cinco membros, dos cales tres, polo menos, deberán ser expertos na materia. Entre os membros do tribunal figurará un representante do comité de empresa.

5. Por proposta do tribunal os nomeamentos serán efectuados pola Presidencia da Corporación.

Artigo 20º.-Persoal de novo ingreso.

1. Unha vez esgotadas as quendas de provisión a que se refiren os tres artigos precedentes, a deputación procederá á convocatoria pública dos sistemas de selección que permitan cubri-las vacantes incluídas na oferta de emprego para o ano respectivo.

2. Na convocatoria, bases e probas selectivas teranse en conta os principios de igualdade, capacidade e mérito, axustándose o procedemento á normativa vixente.

3. O tribunal cualificador estará composto por cinco membros dos cales tres, polo menos, serán expertos na materia obxecto das prazas que se van prever. Entre os membros do tribunal figurará un representante do comité de empresa.

4. Por proposta do tribunal, os nomeamentos serán efectuados pola Presidencia da Corporación.

5. O persoal de novo ingreso estará sometido a un período de proba de 15 días laborables, durante o cal o traballador poderá desistir do posto de traballo e a deputación provincial, por motivo razoable e logo do informe do comité de empresa, non consolidarlle a praza. En todo caso, e mentres transcorre o período de proba, o traballador causará alta no cadro de persoal e no réxime da Seguridade Social como se fose fixo.

6. As vacantes que se convoquen por provisión externa comunicaránselle con 7 días de antelación á súa publicación ó comité de empresa agás casos de urxencia.

Artigo 21º.-Permutas.

Con carácter excepcional poderán autorizarse permutas entre traballadores dun mesmo ou distintos centros de traballo dependentes da deputación provincial cando concorran as seguintes circunstancias:

a) Solicitude de ámbolos dous.

b) Que sexan fixos do cadro de persoal e leven un ano polo menos ó servicio da deputación.

c) Que ostenten análoga categoría e desempeñen similares postos de traballo.

d) Que lles falten máis de cinco anos para cumpri-la idade regulamentaria de xubilación forzosa.

Capítulo VII

Clasificación do persoal

Artigo 22º.-Persoal fixo.

É o contratado sen pactar ningunha modalidade especial en canto á súa duración.

Artigo 23º.-Persoal temporal.

É o contratado conforme as permisións e modalidades contidas na vixente lexislación sobre a materia.

Artigo 24º.-Amortización de prazas.

Ningunha praza fixa do cadro de persoal laboral poderá ser amortizada sen previo informe do comité de empresa.

Capítulo VIII

Formación do persoal

Artigo 25º

Co fin de actualizar e perfecciona-los seus coñecementos profesionais, os traballadores poderán asistir a cursos de formación que organicen a propia deputación e outros centros ou institucións, sempre que o permitan as necesidades do servicio.

O comité de empresa terá capacidade para propoñe-la organización e participación en actividades orientadas á actualización e perfeccionamento dos traballadores.

As compensacións e indemnizacións para facer fronte ós gastos que se lle produzan ó traballador terán a mesma contía cás sinaladas para os funcionarios.

Artigo 26º

No caso de que o traballador quixera cursar estudios que non teñan relación directa co cometido que habitualmente desempeña, terá dereito, sempre que non cause prexuízo ó servicio nin a outros compañeiros a:

a) División das vacacións anuais, en caso de necesidade xustificada, para presentarse a exames e probas de aptitude.

b) Esixi-la quenda máis beneficiosa para realiza-los seus estudios, se non tivese a xornada partida.

A deputación provincial poderá en calquera momento requiri-lo traballador para que presente os oportunos xustificantes do desfrute dos dereitos a que fan referencia os parágrafos anteriores.

Capítulo IX

Axudas de custo. Horas extra

Artigo 27º.-Axudas de custo.

1. A percepción de axudas de custo axustarase á normativa vixente.

2. Nos casos de desprazamento, por razóns do servicio, fóra do termo municipal onde radique o centro de traballo, o traballador que o realice en vehículo propio precibirá como indemnización a cantidade establecida por quilometraxe para os funcionarios.

Artigo 28º. Horas extras.

1. Non se realizarán horas extras, excepto nos casos de necesidade debidamente xustificada.

2. As horas extraordinarias que se deban realizar fóra da xornada laboral normal establecida, e que en ningún caso terán o carácter de periódicas e fixas, deberán ser previamente propostas e comunicadas por escrito ó traballador, e aprobadas pola presidencia da corporación.

3. O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a 80 ó ano, procurando, na medida do posible, que poidan ter acceso a elas o maior número de traballadores, de maneira que a súa realización se distribúa con criterios equitativos.

4. A deputación está obrigada a facilitarlle mensualmente ó comité de empresa unha relación nominal das horas extraordinarias realizadas e das cantidades percibidas por cada un.

5. As horas extraordinarias aboaranse cun incremento salarial do 75% sobre a hora normal de traballo. As que se realicen entre as 10 da noite e as 6 da mañá seguinte incrementaranse ademais nun 25% sobre a porcentexe antes sinalada.

6. No non previsto neste artigo observarase o disposto no artigo 35 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 29º.-Indemnizacións por razón do servicio.

1. Os gastos que se ocasionen por razón do servicio serán indemnizados pola deputación ós seus traballadores na contía e condicións establecidas pola lexislación vixente para os funcionarios.

2. Aqueles traballadores que utilicen o seu vehículo con regularidade para o desempeño do seu traballo e nas bases de convocatoria non se esixise como requisito delas a utilización do vehículo propio para o seu desempeño, percibirán as compensacións que a deputación lles teña concedidas ós funcionarios que se encontran en situación similar.

Capítulo X

Licencias. Excedencias. Xubilacións

Artigo 30º.-Licencias.

1. Sen prexuízo do que dispoña a lexislación vixente en cada momento, establécese o seguinte réxime de licencias:

a) Quince días naturais en caso de casamento.

b) Polo nacemento dun fillo e polo falecemento ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, dous días cando o suceso se produza na mesma localidade e catro días cando ocorra en localidade distinta.

c) Un día por traslado de domicilio sen cambio de residencia e dous días se se tratase de localidade distinta.

d) Por asuntos propios poderá concederse licencia sen retribución dunha duración acumulada que non poderá exceder de tres meses cada dous anos, subordinándose a concesión ás necesidades do traballo.

2. O traballador terá dereito a desfrutar, ademais, das súas vacacións anuais e á marxe do calendario de festas, de nove días ó ano non recuperables, que poderán elixir libremente, respectando sempre as necesidades do servicio e coa única limitación de que non se poderán acumular ás vacacións anuais.

3. O traballador terá dereito:

a) Ó desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, así como unha preferencia para elixir quenda de traballo, se tal é o réxime instaurado no centro, cando curse con regularidade estudios para a obtención dun título académico ou profesional.

b) Á adaptación da xornada ordinaria de traballo para a asistencia a cursos de formación profesional ou á concesión do permiso oportuno de formación ou perfeccionamento profesional con reserva do posto de traballo.

4. As referencias feitas no presente artigo a días de permiso ou licencias enténdense referidas a días naturais, sexan laborables ou non, agás no relativo a permisos por asuntos propios que se entenderán sempre como días laborables.

En todo caso os días de permiso por traslado de domicilio, concorrencia a exames, enfermidade, accidente ou falecemento de familiares, deberán coincidir necesariamente co día en que se produza o evento.

5. Tramitación:

a) As solicitudes de permisos ou licencias presentaranse á xefatura do centro que dispoñerá de modelos normalizados para o efecto, estas deberán ser motivadas.

b) Os permisos ou licencias de ata cinco días de duración deberán solicitarse con, polo menos, tres días hábiles de antelación, agás en caso de urxencia.

c) A concesión de permisos e licencias deberán te-lo informe das xefaturas dos centros ou unidades.

d) As comunicacións deberanlles ser realizadas ós solicitantes coa debida antelación (un día como mínimo).

e) Calquera resolución negativa dos permisos ou licencias deberá ser debidamente motivada.

Artigo 31º.-Excedencias voluntarias.

Os traballadores con un ano de antigüidade como mínimo poderán solicita-la excedencia voluntaria por un período non inferior a un ano nin superior a dez. Non se computará o tempo que perdure esta situación a ningún efecto activo nin pasivo.

Se o traballador non solicita o reingreso antes de cumprirse os dez anos, causará baixa no cadro de persoal.

Cando solicite o reingreso e non existisen vacantes da súa mesma categoría no centro de orixe, o traballador poderá optar ás vacantes da súa categoría noutros centros ou a algunha de categoría inferior, co salario que corresponda a esta en canto non se produza vacante da súa categoría nalgún centro.

Artigo 32º.-Excedencias especiais.

Concederase excedencia especial cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Nomeamento para cargo político a nivel estatal, rexional, provincial ou local, que imposibilite a asistencia ó traballo.

b) Enfermidade, unha vez transcorrido o prazo de incapacidade laboral transitoria e por todo o tempo en que o traballador permaneza en situación de invalidez provisional.

c) Prestación de servicio militar ou equivalente, polo tempo que dure este.

Ó persoal en situación de excedencia especial conservaráselle o seu posto de traballo e computaráselle para efectos de antigüidade todo o tempo de duración daquela, sen dereito a percibir ningunha remuneración.

Nos supostos de incapacidade laboral transitoria, o traballador percibirá desde o primeiro día e ata o remate de tal situación o 100% do salario real que corresponda ó grupo en que estea clasificado. A Presidencia da Corporación poderá comproba-la veracidade do feito causante da baixa.

Artigo 33º.-Xubilacións.

1. Xubilación forzosa. Prodúcese ó cumpri-lo traballador os 65 anos de idade. Se ó cumprir esta idade non se pode acredita-lo período mínimo de cotización á Seguridade Social para causar dereito a pensión, o servicio activo prorrogarase polo tempo necesario para cubri-lo período mínimo de cotizacións esixidas, momento no cal se producirá a baixa de maneira automática.

2. Xubilación especial. Ámbalas partes acordan que, de conformidade co disposto polo Real decreto lei 1194/1985, do 17 de xullo, para o caso de que os traballadores con 64 anos de idade queiran acollarse á xubilación co 100% dos seus dereitos, a deputación substituirá a cada traballador por outro que estivese en situación de desemprego mediante un contrato da mesma natureza có extinguido pero limitado na súa duración ó tempo máximo de un ano. Neste tipo de contratacións teranse en conta os principios esixidos á Administración pública para a integración do persoal.

Capítulo XI

Réxime disciplinario

Artigo 34º

As infraccións laborais serán: leves, graves ou moi graves.

Artigo 35º.-Faltas leves.

Son as seguintes:

a) A incorrección co público e cos compañeiros subordinados.

b) O atraso, neglixencia ou descoido no cumprimento das súas tarefas.

c) A non comunicación coa debida antelación da falta ó traballo por causa xustificada, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo.

d) A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada, de un ou dous días ó mes.

e) As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada, de tres a cinco ó mes.

f) O descoido na conservación dos locais, mobiliario e documentos dos servicios.

g) En xeral, o incumprimento dos deberes por neglixencia ou descoido escusable.

Artigo 36º.-Faltas graves.

Serán faltas graves as seguintes:

a) A falta de disciplina no traballo ou do respecto debido ós superiores ou compañeiros e compañeiras inferiores.

b) O incumprimento das ordes e instruccións dos superiores e das obrigas concretas do posto de traballo ou as neglixencias das que se deriven ou poidan derivarse prexuízos graves para o servicio.

c) A desconsideración co público no exercicio do traballo.

d) O incumprimento ou abandono das normas e medidas de seguridade e hixiene do traballo establecidas, cando deles se poidan derivar riscos para a saude e a integridade física do traballador ou doutros traballadores.

e) A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada, durante tres días ó mes.

f) As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada, durante máis de 5 días ó mes e menos de 10 días.

g) O abandono do traballo sen causa xustificada.

h) A simulación de enfermidade ou accidente.

i) Simulación ou encubrimento de faltas doutros traballadores en relación cos seus deberes de puntualidade, asistencia e permanencia no traballo.

j) A diminución continuada e voluntaria no rendemento de traballo normal ou pactado.

k) A neglixencia que pode causar danos graves na conservación dos locais, utensilios ou documentos de servicios.

1) A utilización ou difusión indebidas de datos ou asuntos dos que se teña coñecemento por razón do traballo na deputación.

m) A reincidencia da comisión de faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun mesmo trimestre, cando existisen sancións por elas.

n) O abuso de autoridade por parte dos superiores no desempeño das súas funcións.

ñ) Menosprezo da acción sindical realizada polos representantes elixidos, por parte dos superiores a estes en cada centro de traballo.

o) Actitudes coactivas dos superiores respecto a representantes sindicais que exerzan correctamente as súas funcións.

Artigo 37º.-Faltas moi graves.

Serán faltas moi graves as seguintes:

a) A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como calquera conducta constitutiva de delito doloso.

b) A indisciplina ou desobediencia no traballo.

c) O falseamento voluntario de datos a información de servicio.

d) A falta de asistencia ó traballo non xustificada durante máis de tres días ó mes.

e) As faltas reiteradas de puntualidade non xustificadas durante 10 días ou máis ó mes, ou durante máis de 20 días ó trimestre.

f) A reincidencia en faltas graves, aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun período de seis meses, cando mediasen sancións por elas.

g) O acoso de calquera índole ou natureza (sexual, persoal, sindical, etc.).

h) A malversación de fondos e datos que xera o centro de traballo en beneficio propio así como a promoción de mercado negro (diñeiro oculto inxultificadamente repartido) entre os traballadores a tódalas escalas ou xerarquías, así como a recadación de fondos por transaccións económicas ilegais cos administrados na xornada laboral.

Artigo 38º.-Sancións.

As sancións que poderán impoñerse en función da cualificación das faltas, serán as seguintes:

1. Por faltas leves.

Amoestación por escrito.

Suspensión de emprego e soldo de ata 10 días.

Desconto proporcional das retribucións correspondentes ó tempo real deixado de traballar por faltas de asistencia ou puntualidade non xustificadas.

2. Por faltas graves:

a) Suspensión de emprego e soldo de 2 a 4 días a un mes.

b) Suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, concursos de ascenso por un período de 1 a 2 anos.

3. Por faltas moi graves:

a) Suspensión de emprego e soldo de 1 a 3 meses.

b) Inhabilitación para o ascenso por mun período de 2 a 6 anos.

c) Despedimento.

Artigo 39º.-Tramitación de faltas graves ou moi graves.

As sancións por faltas graves e moi graves requirirán a tramitación previa de expediente disciplinario; o seu inicio comunicaráselles ós representantes dos traballadores e ó interesado, dándoselle audiencia a este, e sendo oídos aqueles no mesmo con carácter previo ó posible acordo de suspensión provisional de emprego e soldo que puidese adopta-la autoridade competente para ordena-la instrucción do expediente.

Artigo 40º.-Prescrición.

As faltas leves prescribirán ós 10 días, as graves ós 20 días e moi graves ós 60 días, a partir da data en que a deputación tivo coñecemento da comisión e, en todo caso, ós seis meses de se ter cometido. Os ditos prazos quedan interrompidos por calquera acto propio do expediente instruído ou preliminar do que se pode instruír, se é o caso, sempre que a duración deste, no seu conxunto, non supere o prazo de seis meses sen mediar culpa do traballador expedientado.

Artigo 41º.-Encubrimento de faltas polos superiores.

Os xefes ou superiores que toleren ou encubran as faltas dos subordinados incorrerán en responsabilidade e sufrirán a corrección ou sanción que se coide procedente tendo en conta a que se lle impoña ó autor e a intencionalidade, perturbación para o servicio, atentado á dignidade da deputación e reiteración ou reincidencia da dita tolerancia ou encubrimento.

Artigo 42º.-Denuncia das faltas.

Todo traballador poderá dar conta por escrito, por si mesmo ou a través dos seus representantes, dos actos que supoñan falta de respecto á súa intimidade ou á dignidade humana e laboral. A deputación abrirá a oportuna información e instruirá, se é o caso, o expediente disciplinario que proceda.

Capítulo XII

Traballos de categoría superior e inferior

Artigo 43º.-Traballos de categoría superior.

O traballador que realice funcións de categoría superior ás que correspondan á categoría profesional que tivese recoñecida, por un período superior a seis meses durante un ano ou oito durante dous anos, pode reclamar da deputación provincial a clasificación profesional adecuada.

Contra a negativa da súa pretensión, e logo de informe do comité de empresa, poderá reclamar perante a xurisdicción competente.

Cando se desempeñen funcións de categoría superior, pero non proceda legal ou convencionalmente o ascenso, o traballador terá dereito á diferencia retributiva entre a categoría asignada e a función que efectivamente realice

Artigo 44º.-Traballos de categoría inferior.

Se por necesidades perentorias ou imprevisibles do centro fose preciso destinar un traballador a tarefas correspondentes a categoría inferior á súa, só poderá facerse polo tempo imprescindible, manténdolle a retribución e demais dereitos derivados da súa categoría profesional e aplicando un sistema de rotación entre os traballadores da categoría inmediata superior cunha duración máxima individual de quince días.

Darase conta ó comité de empresa.

Capítulo XIII

Seguridade e hixiene

Artigo 45º.-Dereito á protección.

1. O traballador ten dereito a unha protección eficaz da súa integridade física e a unha adecuada política de seguridade e hixiene no traballo, así como ó correlativo deber de observar e poñer en práctica as medidas de prevención de riscos que se adopten legal e regulamentariamente. Ten, así mesmo, o dereito a participar na formación da política de prevención do seu centro de traballo, no control de medidas adoptadas no seu desenvolvemento, a través dos seus representantes legais e dos órganos internos e específicos de participación desta materia, isto é, do comité de seguridade e hixiene no traballo, vixilantes e delegados de seguridade.

2. A deputación está obrigada a facilita-la participación adecuada nestas materias dos traballadores que contrate, ou cando cambien de postos de traballo ou teñan que aplicar novas técnicas, equipos e materiais que poidan ocasionar riscos para o propio traballador ou para os seus compañeiros ou terceiros.

O traballador está obrigado a segui-las ditas ensinanzas e a realiza-las prácticas que se celebren dentro da xornada de traballo.

Artigo 46º.-Comité de seguridade e hixiene.

1. Crearase un comité de seguridade e hixiene no traballo, cunha composición paritaria, sendo necesaria na parte social a representación dun membro de cada sección sindical que forma parte do comité de empresa, órgano este ó que lle corresponde a representación e a defensa dos intereses dos traballadores con competencias recoñecidas no artigo 64 do Estatuto dos traballadores, así como o previsto no artigo 19 deste.

2. O comité de seguridade e hixiene da deputación provincial participará nos plans e programas de formación, avaliación de riscos e promoción e difusión nas condicións sinaladas, se é o caso, pola comisión de seguridade e hixiene constituída paritariamente pola Administración e os representantes laborais.

3. Este comité deberá reunirse periodicamente, polo menos unha vez ó mes, e en todo caso deberá informar ó comité de empresa do contido das ditas reunións. Eventualmente ou con carácter periódico deberán asistir outras persoas que, polo ámbito da súa competencia, deban intervir ou informar nas reunións.

Artigo 47º.-Vestiario e elementos de protección.

1. Facilitarase vestiario apropiado para aqueles postos de traballo que polas súas características o requiran. Neste sentido, a deputación facilitará como mínimo para estes postos de traballo polo menos 2 pezas de roupa e 2 pares de calzado ó ano.

2. En caso de que a deputación non cumpra con estas obrigas, cesará a obriga de cumprimento do traballo para o traballador.

Artigo 48º.-Servicios médicos.

1. A deputación poderá organiza-los servicios médicos preventivos que cuiden necesarios para a prestación de asistencia sanitaria ós traballadores.

2. A deputación, a través dos xefes responsables do centro de traballo, deberá facilitar instruccións adecuadas ó persoal antes de que comece a realiza-la súa tarefa acerca dos riscos e perigos que poidan afectalo e métodos que se deben observar para previlos ou evitalos. Estas instruccións deberán constar por escrito.

3. Durante o período de embarazo a traballadora terá dereito ó cambio de posto de traballo cando, a xuízo do médico, o desempeño do habitual puidese resultar prexudicial para a súa saúde ou para a saúde do feto.

Artigo 49º.-Recoñecementos médicos.

1. Unha vez cada ano, os traballadores poderán solicitar ser sometidos voluntariamente a un recoñecemento médico, o cal será realizado polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo no ámbito territorial, e que se complementará con probas adaptadas ós riscos de enfermidade ou accidente máis frecuente en relación co posto de traballo que habitualmente desempeñe o recoñecido. Tamén poderán outorgarse axudas para a investigación en favor de posgraduados que presenten un programa de traballo relacionado con temas da competencia propia desta deputación provincial.

-As condicións xerais necesarias para a obtención de bolsas ou axudas, a contía destas e a tramitación de expedientes axustaranse ó contido da proposta que elabore a presentación do persoal, logo de informe da comisión mixta.

2. Os resultados non terán unicamente valor orientativo, senón que irán encamiñados tamén a unha adecuada distribución entre o persoal, de acordo coas prescricións médicas.

3. Tódalas pantallas de ordenador deberán ir provistas de filtros de protección.

Artigo 50º.-Política de seguridade e hixiene.

1. Os traballadores que por accidente, enfermidade ou outras circunstancias vexan diminuída a súa capacidade, serán destinados a postos de traballo distintos, sempre que estean vacantes e resulten adecuados ás súas aptitudes, con prioridade para o mesmo centro de traballo, e se non fose posible, cos doutros centros, dando preferencia ós máis próximos.

En caso de accidente de traballo ou enfermidade, e dentro do ámbito de protección da Seguridade Social, esgotaranse tódolos medios de terapia rehabilitadora.

2. O traballador terá dereito a solicita-lo cambio de posto de traballo se concorresen razóns de saúde para iso e houbese outro de similar natureza e categoría.

Capítulo XIV

Melloras sociais

Artigo 51º.-Subvencións para adquisición de vivendas.

As subvencións para adquisición de vivendas outorgaranse nas mesmas condicións co persoal funcionario, se ben a cantidade que se vai consignar no orzamento de cada ano será proporcional á cifra de funcionarios. A convocatoria destas subvencións terá carácter anual, unhas bases específicas e a súa tramitación corresponderá a unha comisión mixta convocada para o efecto.

Artigo 52º.-Bolsas e axudas para estudios.

As bolsas e axudas para estudios outorgaranse nas mesmas condicións e por igual contía cás asignadas ó persoal funcionario. A súa convocatoria terá carácter anual, unhas bases específicas e a súa tramitación corresponderalle a unha comisión mixta convocada para o efecto.

Artigo 53º.-Anticipos.

1. Por petición do interesado, e dentro das posibilidades legais, a deputación concederalle ó persoal laboral anticipos de cantidades sobre o total das súas retribucións en concepto de axuda económica; a súa devolución efectuarase mediante deduccións mensuais en nómina, e sen que xeren ningún tipo de xuros, non se poderá solicitar un novo en canto non transcorrese o período de amortización fixado na súa concesión.

2. A contía dos citados anticipos será de ata catro mensualidades cun tope máximo de 750.000 pesetas.

3. O período máximo de devolución destes establecerase en relación co importe respectivo, segundo o seguinte baremo, podendo en calquera caso o traballador solicitar un período inferior para a amortización, neste caso distribuirase o seu importe entre as mensualidades resultantes.

-Anticipo de unha mensualidade, que se descontará en dez meses.

-Anticipo de dúas mensualidades, que se descontará en vinte meses.

-Anticipo de tres mensualidades, que se descontará en trinta meses.

-Anticipo de catro mensualidades, que se descontará en catro meses.

4. Para a concésión de anticipos e cómputo de prazos de amortización teranse en conta as mensualidades que lle falten ó interesado para a súa

xubilación forzosa, xa que aqueles non poderán supera-lo número destas, así como a tramitación de expedientes disciplinarios por faltas que poden levar inherente a sanción de suspensión de funcións sen saldo.

5. No suposto de contratados eventuais terase en conta o tempo que falta para o seu previsible cesamento.

Artigo 54º.-Economato.

1. A deputación estudiará a posibilidade de que os seus empregados dispoñan dun servicio de economato, ben sexa directamente, mediante a creación dun específico para estes fins, ben sexa indirectamente, a través da sinatura de concertos con determinadas institucións comerciais.

2. A posta en marcha do establecido no presente artigo será estudiada conxuntamente pola corporación e o comité de empresa.

Artigo 55º.-Asistencia xurídica.

A corporación queda obrigada a prestar asistencia xurídica adecuada ós seus empregados nos supostos de conflictos xurdidos con terceiros como consecuencia da prestación dos seus servicios así como a cubri-la posible responsabilidade civil que puidese derivarse das actividades daqueles, agás nos casos de manifesta neglixencia debidamente xustificada.

Artigo 56º.-Póliza de seguros.

A deputación concertará unha póliza de seguros por accidente co obxecto de garanti-la cobertura deste risco ó empregado que sufra algún accidente de traballo.

Artigo 57º.-Axudas graciables.

O persoal incluído no presente convenio terá dereito a percibir axudas económicas graciables de carácter sanitario nas mesmas condicións cas concedidas ó persoal funcionario.

Disposicións adicionais

Primeira.-Na medida do posible, ámbalas partes asumen o compromiso de unifica-la normativa reguladora do réxime de persoal ó servicio da Deputación Provincial da Coruña de xeito que as condicións de traballo, as asignacións retributivas e o dereito, para acceder a cargos ou xefaturas en centros docentes dos funcionarios públicos e dos contratados laborais resulten equiparables polo que os dereitos atribuídos ó persoal laboral nestas materias non poderán excede-los asignados pola normativa vixente ó persoal funcionario.

Segunda.-A clasificación e reclasificación profesionais, así como as modificacións con respecto á denominación de postos de traballo e grupos, serán analizados e elaborados pola comisión mixta a que fai referencia o capítulo II deste convenio, co fin de formular unha proposta que teña en conta os datos actualizados e a normativa vixente para seren sometidos ó Pleno da Corporación Provincial.

Terceira.-Inclúese como anexo do presente convenio a táboa retributiva para 1995 por conceptos especificados e para cada unha das categorías que conforman o cadro de persoal.

Cuarta.-O presente convenio producirá efectos con data 1-1-1995.

Quinta.-Incorpórase como disposición adicional ás normas de contratación laboral temporal negociadas cos representantes dos traballadores.

Normas sobre contratación laboral temporal.

1. No caso de producirase unha necesidade de contratación de persoal, o director de cada centro ou o responsable de cada finalidade deberá remitirlle ó Servicio de Persoal a proposta xunto coa relación detallada de traballos para realizar ou de disciplinas que se van impartir e número de alumnos matriculados en cada un deles, no caso de persoal docente.

2. O citado servicio iniciará o expediente e publicará a convocatoria na prensa, para as substitucións que non teñan carácter urxente a excepción de que houbese persoal contratado na mesma praza, neste caso poderase contratar novamente, tendo en conta que non superen o tempo máximo establecido na lexislación para adquiri-la condición de fixo.

3. O contrato farase conforme as modalidades legalmente vixentes e conforme o baremo de méritos establecidos no anexo I, segundo a natureza da praza.

4. Titulación esixible:

4.1. Persoal docente: o aspirantes deberá estar en posesión da titulación que a LOXSE e o Real decreto 574/1991, do 22 de abril, esixen para imparti-la materia da praza que se vai cubrir.

4.2. Persoal non docente: o aspirante deberá estar en posesión da titulación esixida conforme a legalidade vixente.

5. Forma de provisión.

5.1. Substitucións con carácter de urxencia.

Enténdense como tales as ocasionadas por baixas de enfermidade ou maternidade e aqueloutras que fose necesario cubrir urxentemente para traballos específicos e de duración inferior a tres meses. A provisión destas prazas, a excepción do persoal docente, farase como segue:

Recorrerase á relación de aprobados nas últimas oposicións da Deputación Provincial da Coruña, celebradas para praza de idéntica natureza, por rigorosa orde segundo a cualificación obtida neta. Se houbese persoal contratado anteriormente para cubrir vacantes de postos similares poderase contratar novamente. De seren varias as persoas que estean nestas condicións, aplicarase para adxudica-la praza o baremo do anexo I.

No caso de que non haxa persoal dispoñible nas condicións dos dous supostos anteriores, a contratación farase seguindo as normas establecidas para substitucións de carácter non urxente.

5.2. Restantes supostos.

Procederase polo trámite normal antes indicado.

Para a selección do persoal, conforme o establecido anteriormente, deberase constituír unha comisión de valoración composta polos seguintes membros.

Presidente: deputado-delegado do presidente en materia de persoal ou outro deputado designado polo presidente da corporación.

Vocais: director do centro ou xefe da unidade e un representante do comité de empresa.

Secretario: o xefe do Servicio de Persoal.

5.3. Persoal docente.

Acudirase, como única forma de provisión das prazas correspondentes a este epígrafe, á relación baremada que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten para tal fin, sendo chamados os aspirantes por rigorosa orde de puntuación e segundo as normas que rexen na dita consellería, a excepción do persoal laboral con contrato en vigor anterior á aplicación do presente convenio, ó que poderá aplicárselle o establecido no punto 2 destas normas xerais.

Cando sexa para cubrir vacantes de persoal docente, cunha duración do curso académico, os directores de cada centro deberán comunicar, antes do día 15 de setembro, ó Servicio de Persoal as necesidades que se prevén co obxecto de estudia-la súa tramitación.

6. No caso de continuar persistindo as necesidades que motivaron a contratación por un período de tempo superior a un ano proporase a súa inclusión no cadro de persoal co carácter de laboral fixo e co fin de estudiarse a súa inclusión na oferta de emprego correspondente, conforme o establecido na lexislación vixente.

Disposicións transitorias

Primeira.-O persoal da escola de danza e música que vén realizando funcións distintas ás correspondentes ó seu posto de traballo poderá optar entre mante-la súa categoría ou que se lle recoñeza a do posto correspondente ás funcións que está desempeñando na actualidade.

Segunda.-O persoal docente laboral fixo poderá acceder á condición de funcionario mediante a superación dun concurso-oposición restrinxido ó dito persoal e convocado para o efecto, de conformidade coa Lei 23/1988, do 28 de xullo.

ANEXO I

BAREMO DE MÉRITOS PARA CONTRATACIÓN LABORAL TEMPORAL.

Criterio preferente: estar en posesión da titulación específica máis adecuada á praza obxecto de contratación.

2. Méritos académicos:

2.1 Naqueles casos nos que se esixa para o acceso á praza estar en posesión dunha licenciatura ou

diplomatura aplicarase o seguinte baremo por expediente académico.

-Por nota media de sobresaliente na licenciatura ou diplomatura pola que se concursa: 2 puntos.

-Por nota media de notable na licenciatura ou diplomatura pola que se concursa: 1 punto.

-Por cada título oficial de licenciado distinto ó alegado para optar á praza: 1 punto.

-Por cada título de diplomado ou técnico de grao medio distinto ó alegado como preferente e de distinta facultade: 0,50 puntos.

Estas puntuacións non serán acumulables.

2.2. Para o resto das prazas:

2.2.1. Titulación superior á esixida:

-Licenciatura: 1 punto.

-Diplomatura: 0,75 puntos.

-Bacharelato superior ou equivalente: 0,50 puntos.

-Graduado escolar ou equivalente: 0,25 puntos.

Estas puntuacións non serán acumulables.

2.2.2. Por curso de iniciación de lingua galega: 0,25 puntos.

Por curso de perfeccionamento de lingua galega: 0,50 puntos.

Estas puntuacións non serán acumulables.

3. Experiencia:

3.1. Ter desempeñado idéntico ou similar posto de traballo nun centro dependente dunha Administración pública: 0,50 puntos por ano ou fracción superior a 6 meses ata un máximo de 4 puntos.

3.2. Ter desempeñado idéntico ou similar posto de traballo noutro centro de traballo: 0,25 puntos por ano ou fracción superior a 6 meses ata un máximo de 3 puntos.

Non se poderán acumula-las puntuacións cando os servicios se prestasen simultáneamente en máis de un centro.

4. Outros méritos:

4.1. Valoraranse as publicacións, artigos, libros e outros méritos libremente apreciados polo tribunal directamente relacionados coas prazas en cuestión ata un máximo de 1 punto.

4.2. Valoraranse os cursos relacionados coa praza á que se opta, segundo a seguinte escala: máis de 100 horas, 0,75 puntos; de 70 a 100 horas, 0,50 puntos; de 40 a 70 horas, 0,35 puntos; de 15 a 40 horas, 0,20 puntos e menos de 15 horas, 0,10 puntos, ata un máximo de 2 puntos.

ANEXO II

TÁBOAS RETRIBUTIVAS

1. As presentes táboas retributivas inclúen cifras totais que se refiren a xornada completa. Na relación

de persoal que abrangue faise referencia cando procede a réximes especiais de xornada. Onde non se indica nada enténdese que é xornada completa. A contía das retribucións básicas será a que fixa a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano correspondente, para cada un dos grupos A, B, C, D e E dos funcionarios ós que están equiparados o persoal laboral (grupos I, II, III, IV e V).

2. Cando a clasificación depende da titulación, enténdese referida á titulación expresamente esixida para acceder ó posto de traballo. É o caso dos profesores de FP, disciplinas teóricas con titulación superior e dos oficiais de imprenta ós que se lles esixiu FP II. O persoal laboral con contratos temporais clasifícase por asimilación ó persoal fixo de igual categoría.

3. Persoal de recadación. O persoal recadador dependente do Servicio Provincial de Recadación, ademais de se rexer polo disposto no articulado do presente convenio colectivo, farao polo preceptuado na ordenanza fiscal xeral vixente da deputación provincial.

Ademais das retribucións totais incluídas na táboa retributiva aplicaranse as seguintes normas:

-Trienios: ademais das retribucións básicas e complementarias, o persoal do servicio terá dereito á percepción de trienios por antigüidade, computándose os trienios na cantidade que consta na vixente normativa laboral ou poida establecerse no sucesivo para os grupos e escalas indicados, e a antigüidade, polo total que tivese recoñecido no extinguido Servicio de Recadación de Contribucións da Deputación Provincial da Coruña máis a que vaian acumulando na prestación dos novos traballos.

-Plus especial de productividade: e, finalmente, participarán no plus especial de productividade, a fixación individualizada do cal resulta da aplicación da seguinte fórmula:

PEP= RTP/PAP x CPP x 1,35/100 x 2 x PXE

Sendo:

PEP= plus especial de productividade.

RTP= recadación total (voluntaria máis executiva) na provincia.

PAP= total persoal auxiliar (excluídos recadadores) na provincia.

CPP= coeficiente de participación persoal segundo o posto de traballo. Este coeficiente fíxase en 2,50 para o recadador, 1,00 para o oficial maior, 0,90 para o oficial 1º; e 0,80 para o oficial 2º.

PXE= porcentaxe de xestión executiva na zona. É o tanto por un do importe da recadación executiva en relación co cargo líquido de executiva, en cada zona. O tope máximo desta factor é o 0,50. No caso de que a porcentaxe de xestión executiva fose menor de 0,25, o persoal da zona non tería dereito á percepción do plus especial de productividade, agás que concorresen circunstancias extraordinarias alleas á xestión recadatoria.

Para efectos de cálculo, entenderase por cargo líquido a suma pendente do exercicio anterior e mailos cargos efectuados no ano, non contabilizándose os recibos a partir do 19 de novembro, e reducido no importe das axudas de custo por baixas, fallidos, adxudicacións e outros motivos.

Nos supostos de interinidade, o designado participará na percepción do plus de contía proporcional ó termo de servicios prestados.

Por proposta razoada do recadador, poderá determinarse a exclusión total ou parcial na percepción deste plus daqueles empregados que non aplicasen ó seu traballo a dilixencia e dedicación necesarias, examinando comparativamente o rendemento xeral do cadro de persoal da zona.

Axudas de custo e compensacións: as axudas de custo e outras compensacións indemnizatorias rexe ranse pola normativa vixente.

Persoal docente: o persoal docente ademais das retribucións que constan na táboa salarial incluída no presente convenio percibirá de conformidade co aprobado polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o día 14 de decembro de 1992, un complemento de sexenios que irá asociado á permanencia durante períodos de seis anos como docente nos centros educativos dependentes desta deputación provincial, comezando a percibi-lo cuarto sexenio por importe de 18.950 ptas. e o quinto sexenio por importe de 5.573 ptas. a partir do 1 de outubro de 1995.

Así mesmo o persoal docente que forma parte do equipo directivo de cada centro, de acordo co tipo de centro e do número de alumnos ou unidades exis

tentes en cada curso, percibirá o seguinte complemento:

BUP-FP (tipo D)

Director57.946 ptas.

Subdirector21.992 ptas.

Xefe de estudios21.992 ptas.

Secretario21.992 ptas.

Xefatura de seminario ou departamento 8.740 ptas.

Coordinación Ed. e emprego8.740 ptas.

Estas retribucións serán de aplicación ós funcionarios e ó persoal laboral docente, que terá dereito ás mesmas retribucións do grupo e nivel ó que estea equiparado. Para este persoal a Deputación da Coruña comprométese a que antes de producirse a transferencia dos centros docentes á Xunta de Galicia, se articulen os mecanismos necesarios para posibilitarlle ó persoal docente con contrato indefinido o acceso á función pública docente, na forma prevista polas leis que sexan de aplicación.

No caso de que, como consecuencia do establecemento dun acordo que non supoña a tranferencia dos centros pero si a súa integración efectiva na rede pública dependente da Xunta de Galicia, se creen situacións discriminatorias nos propios centros, procederase á aplicación do disposto no parágrafo anterior.

O presente texto e os documentos adxuntos incorpóranse como anexo ó vixente convenio colectivo do persoal laboral así como ó acordo negociado das condicións sociais e económicas dos funcionarios da Deputación da Coruña.