Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 19 de xuño de 1995 Páx. 4.598

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 169/1995, do 3 de xuño, polo que se declara urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Fene (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de apertura e pavimentación do camiño do Regueiro.

O Concello de Fene (A Coruña), en sesión celebrada o día 13 de setembro de 1991, aprobou o proxecto de apertura e pavimentación camiño do Regueiro, e na sesión do día 2 de febreiro de 1995 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do dis

posto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 31 de marzo de 1995 baixo o nº 3035.

Os bens afectados nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de maio de 1995 baixo o número 4164.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a apertura e pavimentacion do camiño obxecto de expropiación, en realidade a rúa Tellerías, vén motivada pola necesidade de dar resposta ó desenvolvemento do proceso urbanizador no solo urbano de Fene, urbanización que se concreta na dotación de servicios necesarios para poder considerar unha parcela como soar ou como apto para a urbanización; trátase de executar unha vía que significa unha importante mellora na rede viaria local e responde á necesidade tanto de dotar de servicios á zona -acceso rodado- como á de comunicar a través da dita rúa a zona de Neda e Xubia directamente co novo enlace de San Valentín, e minorar, polo tanto, o tráfico que desde esta zona e en dirección a Astano-Ferrol circula actualmente polo cruzamento da igrexa de Fene.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Fene (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de apertura e pavimentación do camiño do Regueiro.

Santiago de Compostela, tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais