Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 14 de xuño de 1995 Páx. 4.432

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 6 de xuño de 1995 pola que se convocan bolsas de iniciación á investigación agraria en centros dependentes do Centro Galego de Investigación e Tecnoloxía Agraria.

Coa finalidade de que os estudiantes do último curso de especialidades agrarias ou recentemente titulados adquiran máis coñecementos e práctica en temas propios dos seus estudios que lles faciliten unha máis ampla formación profesional, establécese unha liña de axuda económica en forma de bolsas para prácticas.

Polo exposto, en virtude das atribucións que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e os artigos 1 e 3 do Decreto 205/1990, do 15 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse dez bolsas de iniciación á investigación no eido da mellora xenética de cereais, que se desenvolverá no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo, A Coruña), cunha dotación mensual por bolsa de 80.000 ptas. (oitenta mil pesetas).

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das devanditas bolsas os solicitantes maiores de idade que resulten seleccionados e que reúnan os seguintes requisitos:

a) Demostrar que están matriculados no último curso das carreiras de enxeñería superior ou enxeñería técnica en especialidades agrícolas durante o ano académico 1994-1995 ou te-las titulacións indicadas.

b) Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

c) Ter veciñanza administrativa en Galicia ou ser natural de Galicia ou fillo de emigrantes galegos no exterior.

d) No caso de títulos expedidos por centros non pertencentes á Unión Europea, será preciso que estean homologados polo Ministerio de Educación e Ciencia antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3º.-Carácter da bolsa.

A concesión da bolsa, dado o seu carácter formativo, non suporá ningún tipo de vínculo laboral ou estatutario entre o beneficiario e a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes subscribirá unha póliza de seguro colectivo de accidentes ós bolseiros, que cubrirá os riscos durante o período de concesión da bolsa.

Artigo 4º.-Período da bolsa e contía.

A duración do período de desfrute da bolsa será de un mes, comprendido este entre os meses de xullo e setembro, segundo as datas que se determinen, e a súa contía global máxima é de 80.000 ptas.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes deberán presentarse no rexistro da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (edificios administrativos de San Caetano, Santiago de Compostela), ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles contados desde o seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. As solicitudes irán dirixidas ó director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural, segundo modelo normalizado do anexo I, xunto cos seguintes documentos:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou pasaporte.

b) Currículum vitae do solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

c) Expediente académico completo de cualificacións e certificación de estar matriculado no último curso das carreiras de enxeñeiros superiores ou enxeneiros técnicos en especialidades agrícolas no ano académico 1994-1995 ou te-las titulacións indicadas.

d) Declaración na que se compromete a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións e ó desfrute doutras bolsas ou axudas.

Artigo 6º.-Comisión avaliadora.

A documentación achegada será examinada e avaliada por unha comisión integrada por:

-Presidente: o director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

-Vocais: o director do Centro Galego de Investigación e Tecnoloxía Agraria e dous investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

-Secretario: un funcionario administrativo da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, sen voz nin voto.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación e selección.

A selección realizarase tendo en conta o expediente académico completo de cada solicitante e os méritos alegados, segundo o seguinte baremo:

a) Valoración das cualificacións académicas:

-Matrícula de honra: 5 puntos.

-Sobresaliente: 4 puntos.

-Notable: 3 puntos.

-Ben: 2 puntos.

-Aprobado: 1 punto.

-Disciplinas pendentes de cursos anteriores (aínda que non se presentasen): 0 puntos.

b) Valoración expediente académico:

Suma puntos de notas x 10---------------------------------=

Número de materias

c) Valoración polo título acadado:

-Título de enxeñeiro superior (especialidades agrícolas): 2 puntos.

-Título de enxeñeiro técnico agrícola: 1,50 puntos.

(Valoración máxima: 2 puntos).

d) Outras valoracións:

Poderanse valorar tamén, sempre que veñan perfectamente acreditados documentalmente:

-Coñecementos informáticos: ata 3 puntos.

-Coñecementos de galego:

* Curso de iniciación: 2 puntos.

* Curso de perfeccionamento: 4 puntos.

(Valoración máxima: 4 puntos).

-Outros idiomas: ata 3 puntos.

e) O resultado xeral da avaliación será publicado nos taboleiros de anuncios do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, sen prexuízo da comunicación persoal ós solicitantes que resulten adxudicatarios.

Artigo 8º

En virtude do artigo 43.2º c) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, quedarán desestimadas tódalas peticións que non puidesen ser resoltas expresamente no prazo legal, con independencia da obriga da Administración de dicta-la oportuna resolución.

Artigo 9º.-Obrigas dos bolseiros.

a) O beneficiario deberá incorporarse ó centro indicado na convocatoria, no prazo sinalado na comunicación de adxudicación.

b) Realiza-las tarefas encomendadas polo titor asignado no ámbito da mellora xenética (polinizacións, recontos, etc.).

c) Presentar ó final do período de desfrute da bolsa o correspondente informe sobre o labor realizado ou sobre o interese que os traballos de iniciación e investigación lle merecen desde o punto de vista da súa futura orientación profesional.

Artigo 10º

Ó termo do período da bolsa, o Centro de Investigacións Agrarias emitirá unha certificación a favor do bolseiro co fin de que poida incorpora-la ó seu currículum vitae.

Artigo 11º.-Esta convocatoria financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.432B.480.00 da Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995 por un importe máximo de 870.000 ptas. deste global destinaranse 70.000 ptas. a contratar unha póliza de seguro de accidentes que cubrirá os riscos para 10 bolseiros.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural a dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes