Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 14 de xuño de 1995 Páx. 4.435

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 165/1995, do 3 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo concello de Narón (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización campo da festa na Gándara (rúas A-B-C-D-E).

O Concello de Narón (A Coruña), en sesión celebrada o día 29 de xullo de 1994, aprobou o proxecto de urbanización campo da festa na Gándara (rúas A-B-C-D-E) e na sesión do 27 de xaneiro de 1995 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 10 de maio de 1995 baixo o número 4234.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 31 de marzo de 1995 baixo o número 3021.

Considérase necesaria declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a execución das obras abranguidas no proxecto facilitará o desenvolvemento do núcleo na zona de actuación contemplada e pendente de consolidación pola edificación que permitirá que esa consolidación do núcleo urbano siga avanzando ó dota-la zona de servicios urbanísticos correspondentes.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Narón (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución

das obras do proxecto de urbanización campo da festa na Gándara (rúas A-B-C-D-E).

Santiago de Compostela, tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais