Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 14 de xuño de 1995 Páx. 4.430

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 163/1995, do 3 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 132 kV Mera-Cedeira, nos concellos de Ortigueira, Cerdido e Cedeira, da provincia da Coruña. (Expediente número 52750).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 132 kV, con orixe na subestación de Mera e remate na futura subestación de Cedeira, sobre apoios metálicos, en conductor LA-180, de 14.325 m de lonxitude, deles 771 en dobre circuíto e 13.554 en circuíto simple, afectando os termos municipais de Ortigueira, Cerdido e Cedeira, da provincia da Coruña. (Expediente número 52750).

A dita instalación autorizouse e declarouse de utilidade pública, por resolución da Dirección Xeral de Industria do 14-06-1994, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 12-8, no BOP da Coruña do 15-7 e no BOE do 13-7; así mesmo, a aprobación do proxecto tivo lugar o 11-05-1995 por resolución da mesma dirección xeral.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de conformidade co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico español.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 25-1-1995, no BOP da Coruña do 9-2-1995 e no xornal La Voz de Galicia do 13-2-1995, ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, durante o período en que se someteu a trámite de información pública formuláronse alegacións de disconformidade coa valoración dos bens a expropiar polos titulares dos predios números: 3 e 13 do concello de Ortigueira e 218, 220, 226, 237/239 de Cerdido, as cales non se teñen en conta ó corresponder a outra fase do procedemento; en canto ó desacordo coas superficies a expropiar correspondentes ós predios 239, 312, 343 e 345,

do concello de Cerdido, aquelas serán fixadas definitivamente no momento do levantamento de actas previas á ocupación; foi así mesmo corrixido o erro de titularidade nos predios números: 218, 220, 226, 237 e 239 de Cerdido e o erro material que existía na superficie fixada para o predio nº 70 de Cedeira.

Unha vez efectuada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio na Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 de Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 de Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Cóidase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña preténdese amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea entre Mera e Cedeira.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais de Ortigueira, Cerdido e Cedeira (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas. Por solicitude do beneficiario, ó chegar ó acordo mutuo entre as partes, exclúense desta disposición os predios nº 8 do concello de Ortigueira, os 344, 355 e 363 de Cerdido e o nº 70 de Cedeira.

Santiago de Compostela, tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio