Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 14 de xuño de 1995 Páx. 4.430

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 162/1995, do 3 de xuño, polo que se crean os institutos de educación secundaria en Ribeira e Porto do Son, na provincia da Coruña e Mos e Poio na provincia de Pontevedra.

O Estatuto de autonomía para Galicia establece, no seu artigo 31, que é de competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e prazos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

Con base no exposto anteriormente, resulta conveniente atende-la demanda de postos escolares, tendo en conta para tal fin as necesidades existentes, a máis racional distribución de ensinanzas e as características das zonas con carencias no ensino, así como, se e o caso, proporcionar mellores instalacións que substitúan a centros existentes.

O obxecto deste decreto é crear nas localidades que no mesmo se sinalan institutos de educación secundaria.

Por todo iso, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, en uso das competencias atribuídas, pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créanse os institutos de educación secundaria nos seguintes concellos:

Ribeira (A Coruña): 24 unidades.

Porto do Son (A Coruña): 22 unidades.

Mos (Pontevedra): 24 unidades.

Poio (Pontevedra): 24 unidades.

Artigo 2º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas necesarias para o mellor cumprimento do anteriormente sinalado e determinará os cadros de persoal docente, administrativo e subalterno necesario para o máis eficaz desenvolvemento das actividades docentes.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria