Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 14 de xuño de 1995 Páx. 4.424

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE de 1 de xuño de 1995 pola que se regula a concesión de axudas a organizacións non gobernamentais de cooperación ó desenvolvemento.

No orzamento desta Comunidade Autónoma para o exercicio de 1995 establécese unha partida específica destinada a facer fronte ás axudas económicas que lles puideren interesar a organizacións non gobernamentais de cooperación ó desenvolvemento (ONGD,s). Para a súa concesión faise necesario racionaliza-los procesos económico-administrativos que, para a súa adxudicación e control, se requiran, simplificándoos e normalizándoos, e para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º-Obxectivo desta orde.

A presente orde ten por obxecto regula-las axudas económicas que, con cargo ó orzamento de 1995, outorgue a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución de actuacións de cooperación ó desenvolvemento promovidas por organizacións non gobernamentais de desenvolvemento establecidas en Galicia, sempre que a súa sede sexa o centro efectivo das decisións relativas ás accións cofinanciadas pola Xunta de Galicia.

Quedarán excluídas das axudas previstas no parágrafo anterior as actuacións que se leven a cabo por asociacións ou fundacións non inscritas no Rexistro Galego de Organizacións non Gobernamentais de Cooperación ó Desenvolvemento, creado por orde desta consellería do 4 de abril de 1994, e as inscritas con posterioridade ó 31 de decembro de 1994.

Artigo 2º.-Obxectivos das axudas ós programas de desenvolvemento.

Serán susceptibles de axuda aquelas actuacións que, non estando incursas en causa de exclusión, teñan como obxectivo concreto:

a) Incentiva-la realización de programas para a explotación rendible por parte das poboacións dos países en vías de desenvolvemento dos seus propios recursos naturais, técnicos e humanos.

b) Fomenta-lo desenvolvemento integral das poboacións da zona na que se materialice a axuda.

c) Contribuír ó autoabastecemento das necesidades básicas de desenvolvemento económico e social das poboacións máis desfavorecidas naquelas zonas máis necesitadas dos países menos desenvolvidos.

d) Potencia-la realización de proxectos de mellora da producción, con especial atención ó desenvolvemento de cooperativas de producción e de servicios, tanto no ámbito agropecuario como pesqueiro ou urbano.

e) Evita-la invasión cultural e respecta-la idiosincrasia das comunidades beneficiarias e o medio ambiente.

f) Incrementa-la capacidade de desenvolvemento endóxeno dos beneficiarios.

g) Facer partícipes os beneficiarios, en calidade de socios, en tódalas súas fases: concepción, realización, xestión e funcionamento posterior ó esgotamento do cofinanciamento outorgado.

h) Busca-los mecanismos de viabilidade necesarios, de forma que o seu impacto continúe cando cese a axuda exterior.

i) Identificar contrapartes e beneficiarios locais precisos sobre os que reverta a responsabilidade da xestión dos recursos e as realizacións programadas con eles.

Artigo 3º.-Requisitos para acceder ás axudas.

A eventual concesión das axudas regulamentadas na presente orde, para cofinancia-las actuacións proxectadas, quedaría suxeita ó cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ser cofinanciadas, polo menos nun 10%, por recursos alleos á axuda prestada pola Xunta de Galicia, procurando que, na medida do posible, sexan de orixe privada.

b) Consistir en accións cunha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas dos sectores de poboación das zonas máis desfavorecidas de países en vías de desenvolvemento.

c) Que sexan actuacións que se inicien dentro dos seis meses seguintes ó da concesión da axuda, para incentiva-la realización de novas actuacións e non para o cofinanciamento retroactivo de proxectos que na data de solicitude do financiamento estean xa rematados.

d) Que o prazo de execución material da actuación proxectada non sexa superior a tres exercicios económicos orzamentais, aínda que poderían ser propostas á Xunta de Galicia eventuais novas fases de actuación, unha vez coñecidos os logros positivos das accións cofinanciadas con anterioridade e que xustifiquen a súa oportunidade.

e) Que non sexan accións que teñan como único obxectivo o financiamento de servicios públicos de saúde, a educación regulada, a investigación oficial, os seminarios e as viaxes de estudio, salvo se responden a unha necesidade imperativa.

Artigo 4º.-Accións prioritarias.

Prestaráselles especial atención ás accións que se encontren dentro dos seguintes supostos:

a) Que reforcen estructuras de desenvolvemento dos países en vías de desenvolvemento e, en particular, as organizacións locais de base, así como a súa capacidade de autoxestión.

b) Que estean enfocadas ó desenvolvemento humano (educación, organización, producción e atención

primaria) que teña como obxecto os sectores máis vulnerables da poboación.

c) Que sexan emprendidas por ONGD,s asociadas en consorcios, compartindo responsabilidades e medios para conseguir unha maior eficacia e sinerxia do movemento non gobernamental de Galicia.

Neste caso deberá aportarse, ademais da memoria das actuacións nas que colaboraron conxuntamente, a explicitación do grao de participación de cada ONG que forma parte do grupo, relativa ó financiamento do proxecto, actividades desenvolvidas nel e distribución de subvención prevista.

d) Que promovan a igualdade entre o home e a muller.

e) Consideraranse especialmente prioritarias, atendendo ós especiais vínculos históricos e culturais, aquelas que se desenvolvan en países de América Latina.

Artigo 5º.-Contribucións financeiras.

A contía máxima das axudas a que se refire o artigo 1º desta orde non superará, en ningún caso, o límite do 90% do custo da actuación proxectada pola organización solicitante. Un obxectivo da ONGD ten de se-la captación progresiva de contribucións de orixe privada ás súas accións, para o fortalecemento da súa propia autonomía e da solidariedade do pobo galego cos países en vías de desenvolvemento.

Para os efectos de determinación do límite establecido no parágrafo anterior soamente se terán en conta os custos tanto directos como indirectos consignados no orzamento económico da actuación.

Ningún proxecto será susceptible de recibir máis dun 35 por cento da contía global asignada a estas axudas na presente orde.

Artigo 6º.-Custos directos admisibles.

Entenderase por custos directos, para os efectos do artigo anterior, os créditos que, figurando no orzamento económico da actuación, estean destinados a lles facer fronte ós seguintes gastos:

a) Os de análise e desenvolvemento técnico do proxecto, considerándose como tales os custos dos estudios realizados por profesionais externos ou membros da organización para a identificación e elaboración do anteproxecto técnico-económico da acción, durante os 12 meses anteriores á data de solicitude de cofinanciamento á Xunta de Galicia. O importe máximo aceptable por este concepto será do 5% do total do proxecto.

b) Os correspondentes á adquisición de materiais e subministracións para a construcción, así como os demais custos directos asociados á construcción de edificios que poderán ser considerados como integrantes do proxecto presentado.

c) Os de compra e transporte de equipos, materiais e subministracións, así como o custo dos técnicos que a empresa provedora necesite desprazar para

o adestramento, posta en marcha e funcionamento da maquinaria.

d) Os de persoal, nos que se incluirán os dos beneficiarios que participen directamente e os daqueles técnicos, a que se refire o parágrafo precedente.

e) Os de funcionamento da acción a nivel local, cando sexan xustificados, quedando excluídos os correspondentes á propia organización local asociada que non sexan imputables á execución do proxecto cofinanciado.

Artigo 7º.-Custos indirectos.

Para os efectos do disposto no artigo 5º consideraranse custos indirectos os créditos que figuren no orzamento económico da actuación destinados a satisface-los gastos asociados á administración da organización solicitante, xestión, supervisión, difusión e sensibilización social da acción, que non excedan do 10% do total dos custos directos orzados conforme o artigo 6º.

Artigo 8º.-Valoración de aportes en especie ós custos directos.

Unha parte por determinar dos custos directos poderá ser efectuada en especie, relativa a infraestructuras locais, equipos, materiais, subministracións e persoal. Nese caso, estableceranse os documentos xustificativos e identificativos (certificados, proformas, escrituras, etcétera).

Artigo 9º.-Presentación formal, prazos e formalización das solicitudes.

Poderán solicita-las axudas reguladas nesta orde as organizacións non gobernamentais galegas de cooperación ó desenvolvemento por medio de escrito formalizado no modelo establecido no anexo desta orde.

As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Relacións Institucionais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, presentaranse nos puntos que a Xunta de Galicia ten habilitados como rexistro. Tamén se poderán remitir en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo, no prazo de 30 días naturais contados desde o seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Toda solicitude deberá ir acompañada:

1. Do orzamento económico.

2. Dunha memoria das actividades levadas a cabo na Comunidade Autónoma galega, na que conste o balance de operacións, as fontes de financiamento e o número de socios da ONG na actualidade.

3. Da memoria ou proxecto de execución da actuación para a que se solicita axuda, na que deberá facerse constar, polo menos:

a) Obxectivos claros e realistas da acción, así como as actividades e estratexias concretas para conseguilos.

b) Medios persoais e materiais que se utilizarán para a execución da actuación proxectada.

c) Data prevista do comezo da actuación.

d) Calendario de actuacións.

e) Data prevista de remate da actuación.

f) Identificación precisa dos beneficiarios e da contraparte local, así como da zona e localidades da intervención.

g) Compromiso de cesión dos bens mobles e inmobles que resulten da execución do proxecto ós beneficiados ou ó socio local cando remate a acción, con especificación do mesmo.

h) Presentación de información adecuada e actualizada socio-económica sobre a situación existente no contexto local no que se prevé actuar.

i) Orzamento xeral de gastos, clasificado segundo partidas do artigo 6º.

j) Orzamento xeral de cofinanciamento, por fontes e partidas, identificando estas.

k) Identificar algúns mecanismos de viabilidade da acción despois do cofinanciamento.

l) Anexar documentación de soporte técnico como mapas, planos, proformas, certificados, convenios, escrituras, estudios, cálculos de rendibilidade, regulamentos, etcétera, segundo o demande a natureza do proxecto.

m) Anexar solicitude de cofinanciamento dirixida á Xunta de Galicia en relación co proxecto proposto, segundo os termos do artigo 10º.

n) Declaración de estar ó corrente, no caso de ter recibido axudas con anterioridade, no cumprimento dos requisitos establecidos na convocatoria na que foi concedida a subvención, sempre que vencesen os prazos sinalados nela.

Debido á súa aplicación cada vez máis xeneralizada, a Xunta de Galicia recomenda que as ONGD,s na medida das súas posibilidades, utilicen o método do «marco lóxico por obxectivos» nos seus expedientes.

Artigo 10º.- Resolución das solicitudes.

Logo de solicitude dos informes que se coide pertinente solicitar da Comisión Técnica de Actividades de Desenvolvemento, a resolución de solicitudes correspóndelle á Comisión de Avaliación de Actividades de Desenvolvemento, constituída polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública, o director xeral de Relacións Institucionais, o secretario xeral da Presidencia, e un funcionario da Consellería da Presidencia e Administración Pública, que actuará de secretario, e un técnico asesor designados polo conselleiro.

A resolución das subvencións seralles notificada ós solicitantes nun período de tres meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2º c) «a contrario sensu»,

da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º

A Comisión Técnica de Actividades de Desenvolvemento, para os efectos de emisión dos informes ó que se refire o artigo anterior, estará constituída polo director xeral de Relacións Institucionais, cinco vocais, nomeados pola Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais de Cooperación ó Desenvolvemento, e dous pola Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Os informes emitidos pola Comisión Técnica non terán carácter vinculante.

Artigo 12º.-Aboamento das subvencións.

No caso de non lle ser concedida a totalidade da axuda solicitada, a ONG deberá presentar, antes do seu aboamento, unha declaración na que conste o compromiso de aportar, directamente ou por financiamento de terceiros, a diferencia entre o custo total do proxecto e a subvención obtida.

Artigo 13º.-Información das ONGD,s sobre os proxectos cofinanciados.

As organizacións beneficiarias de axudas reguladas na presente orde deberán poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Relacións Institucionais, por escrito:

a) Data do comezo efectivo da actuación.

b) Toda circunstancia que poida afectar substancialmente a execución do proxecto, para efectos de preve-los eventuais reembolsos de recursos non gastados.

c) En particular, toda circunstancia que implique atrasos no pagamento de gastos de execución ou variación no custo total do proxecto, para efectos da súa eventual reprogramación.

Artigo 14º.-Fiscalización das axudas e obrigas das ONGD,s.

As organizacións beneficiarias de axuda deberanlle remitir á Dirección Xeral de Relacións Institucionais:

a) Memoria das actividades desenvolvidas con indicación das metas conseguidas e o grao de consecución dos obxectivos planificados.

b) Copia de comprobante de ingresos obtidos para a execución da actuación das diferentes fontes de cofinanciamento.

c) Relación de gastos efectuados para a execución da actuación á que se prestou axuda económica.

d) Copia dos documentos de transferencia dos recursos pola ONGD ó seu socio local.

e) Copia dos recibos desas transferencias por parte dos socios locais.

f) Un informe final no caso de accións de duración inferior a dous anos. No caso de actuacións que se vaian executar nun prazo superior procederase á remisión dun informe cara á metade do prazo de execución e un segundo ó rematar este.

A ONGD queda obrigada a dispoñer na súa sede das facturas correspondentes ó período xustificado, por se a Xunta de Galicia tivese que verificalas.

Artigo 15º

A realización e xestión dunha actuación cofinanciada, así como o sistema de funcionamento da ONGD, poderán ser examinados en calquera momento por responsables designados pola Dirección Xeral de Relacións Institucionais, ou polos órganos de control económico específicos da Administración autonómica, tanto a nivel da sede da ONGD en Galicia, como na sede do socio local e os beneficiarios.

A ONGD queda obrigada a levar ó día a contabilidade xeral e, dentro desta, a contabilidade específica de cada proxecto cofinanciado, conforme a lexislación correspondente en vigor.

Artigo 16º

As organizacións non gobernamentais beneficiarias de axudas comprométense ó reintegro das cantidades recibidas nos seguintes casos:

a) Por incumprimento da obriga de xustificación.

b) Por obteren a subvención sen reuniren as condicións requiridas para iso.

c) Por incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Por modificación substancial dos proxectos subvencionados sen autorización expresa da Dirección Xeral de Relacións Institucionais.

e) Por non levarse a cabo os gastos, por calquera causa.

Artigo 17º

A contía global asignada ás axudas regulamentadas por esta orde fíxase na cantidade de vinteoito millóns de pesetas, con cargo á partida orzamentaria 04-13-121.A-490.00.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública