Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 08 de xuño de 1995 Páx. 4.268

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 1995, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de ámbito provincial do sector de fabricantes de cadaleitos de Ourense para o ano 1995.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de fabricantes de cadaleitos (código número 3200045), de Ourense, para o ano 1995, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 10 de abril do ano que corre, subscrito pola Asociación Provincial de Empresarios de Ataúdes de Ourense e as centrais sindicais CC.OO, UGT e CIG, todas elas con lexitimidade suficiente para asina-lo, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscripción do convenio colectivo no libro rexistro desta delegación provincial, e a súa notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 12 de abril de 1995.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de fabricantes de cadaleitos 1995

Artigo 1º.-Ámbito territorial e funcional.

O presente convenio aplicaráselles a tódalas empresas que domiciliadas na provincia de Ourense se dediquen á fabricación de cadaleitos e a cantas poidan, establecerse durante a súa vixencia.

Artigo 2º.-Ambito persoal.

O convenio afectará a todo o persoal obreiro e subalterno, incluídos no ámbito territorial e funcional, tanto fixo como interino e eventual. Quedan excluídos os axentes comerciais libres.

Artigo 3º.-Entrada en vigor.

As estipulacións do presente convenio entrarán en vigor o día da súa sinatura. Non obstante os efectos económicos del retrotaeranse ó 1 de xaneiro, de 1995.

O convenio entenderase prorrogado tacitamente de ano en ano mentres non sexa denunciado por calquera das partes cunha antelación mínima de tres meses ó vencemento do prazo de duración pactado ou de calquera das súas prórrogas. A denuncia deberá facerse mediante comunicación escrita á outra parte na que se fará consta-la representación que ostenta e as materias obxecto da negociación.

Artigo 4º.-Duración.

O presente convenio finalizará para tódolos efectos o 31 de decembro de 1995, mantendo o articulado ata a sinatura dun novo convenio.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

As melloras resultantes do presente convenio serán compensadas e absorbidas ata onde alcance o cómputo anual con aqueloutras melloras que establecesen as empresas ou que se dispoñan por disposición legal, agás que expresamente se pacte o contrario.

Artigo 6º.-Vacacións.

O período de vacacións anuais será de 30 días naturais e desfrutaranse desde o día 1 de agosto ó 31 de agosto, gás acordo entre partes.

Durante o devandito período de vacacións, o salario estipulado no presente convenio que se percibirá será o fixado neste convenio máis o complemento de antigüidade cando procedese.

Artigo 7º.-Permisos e licencias.

A) Por morte de pais, fillos, netos e irmáns concederase un permiso de 3 días naturais.

B) Por morte de cónxuxe, 7 días naturais.

C) Por morte de pais políticos, 2 días naturais de permiso.

D) Por falecemento de avó, tío, tía, sobriños, irmáns políticos: 2 días naturais de permiso. En caso de tíos políticos, 1 día natural de permiso.

E) Por morte de avós políticos e primos, 1 día natural de permiso.

F) Por nacemento de fillos, 4 días naturais de permiso. Estes permisos establécense sen prexuízo do previsto no Estatuto dos traballadores, e serán retribuídos polo mesmo importe do salario base máis antigüidade.

G) Por traslado do domicilio habitual, 1 día natural.

H) Por matrimonio, 15 días naturais.

Artigo 8º.-Xornada laboral. A xornada de traballo para 1995 será de 1792 horas anuais.

Artigo 9º.-Calendario laboral.

As empresas confeccionarán o calendario laboral de acordo cos representantes dos traballadores, nos prazos e condicións establecidas na lexislación vixente.

Artigo 10º.-Situación de incapacidade laboral transitoria.

Será de aplicación neste aspecto o previsto na ordenanza laboral para as industrias da madeira en canto ó complemento de indemnización económica. O persoal que cause baixa por ILT con motivo de accidente laboral percibirá o 100 por cento do seu salario. O devandito complemento aplicarase nos casos de accidente laboral incluído o «in itinere» e para o caso de hospitalización e mentres dure o tempo efectivo de hospitalización.

Artigo 11º.-Retribucións.

Estipúlase un sistema de retribución consistente en: salario base e complementos salariais.

Artigo 12º.-Salario base.

Será o que figura na táboa anexa ó presente convenio.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias. Consistirá en tres pagas extraordinarias, unha en xullo, outra en decembro, consistentes en 30 días de salario base máis antigüidade, e a paga prevista no artigo 110 da ordenanza laboral da madeira.

A paga de decembro aboarase antes do día 20 do dito mes.

En canto á paga establecida no artigo 110 da ordenanza da madeira, será para este ano 1995 de 8 días, de 9 días para 1996 e de 10 días para 1997.

Artigo 14º.-Antigüidade.

O complemento de antigüidade, calcularase sobre o salario base. Terase en conta para o cómputo de antigüidade o de permanencia no sector, é dicir, que se terán en conta para o cálculo de antigüidade os anos de servicio noutras empresas de fabricación de cadaleitos.

O dito cómputo de permanencia no sector terase unicamente en conta para os traballadores contratados a partir de xaneiro de 1996, sen que se poida ter en conta en modo ningún para os xa contratados á data da sinatura do presente convenio.

O criterio de permanencia no sector terase en conta, unicamente para os efectos do pagamento do complemento de antigüidade e nunca para o cálculo de posibles indemnizacións que puidesen corresponder en caso de despido ou extinción dos seus contratos, rexendo nestes casos soamente o criterio de antigüidade desde a entrada na última empresa.

En calquera caso non se contará o tempo de duración do contrato de aprendizaxe.

Mantense o sistema de quinquenios na contía do 5 por cento en cada un deles. Este complemento terase en conta para o aboamento das retribucións de vacacións e gratificacións extraordinarias.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

As empresas entregaranlle ó persoal masculino fundas e ó persoal feminino dúas batas, con duración de ano en ámbolos casos.

Así mesmo, dotaraos de luvas e máscaras segundo determina a ordenanza de seguridade e hixiene no traballo.

A data de entrega da roupa será o mes de xullo.

O uso da roupa de traballo asignada será de obrigado cumprimento para o traballador.

Artigo 16º.-Desgaste de ferramentas.

O importe deste complemento cando proceda será de 373 pts. á semana para os profesionais especialistas e de 181 pts. para os aprendices. Á empresa corresponderalle optar entre pagar este complemento ou facilita-las ferramentas.

Artigo 17º.-Comisión mixta paritaria.

Créase unha comisión mixta paritaria composta polas empresas que constitúen a comisión negociadora do convenio e as súas funcións serán as seguintes:

A) Interpretación das cláusulas do presente convenio.

B) Arbitraxe das cuestións que se deriven da aplicación do presente convenio.

C) Vixilancia e cumprimento do pactado.

D) Cantas outras actividades tendan a unha mellor efectividade práctica do pactado, para o que se acorda que a dita comisión se reúna con carácter ordinario mensualmente, co obxecto de estudia-las cuestións que lle serán sometidas por calquera dos afectados no ámbito de aplicación do presente convenio.

Serán integrantes da comisión paritaria os membros da parte social e empresarial que forman parte da comisión negociadora do presente convenio.

Esta comisión poderá ser asistida dos asesores que considere convenientes calquera das partes representadas nela.

Artigo 18º.-Absentismo.

As partes asinantes do convenio recoñecen o grave problema que supón o absentismo laboral e entenden que a súa reducción implica tanto un aumento da presencia do traballador no posto de traballo como a correcta organización de medicina de empresa e da Seguridade Social xunto coas condicións de seguridade e hixiene e ambiente de traballo conforme a unha efectiva protección da saúde física e mental dos traballadores, polo que se comprometen as partes asinantes do convenio, a través da comisión mixta paritaria, a busca-las causas que favorecen o absentismo e tratar de reducilas mediante as medidas e estudios pertinentes.

Artigo 19º.-Garantías sindicais.

Haberá que aterse ás garantías sindicais dos representantes dos traballadores da empresa así como á lexislación laboral vixente nesta materia.

Artigo 20º.-Xubilación.

Os traballadores que reúnan as condicións precisas poderán pactar coas empresas a xubilación anticipada ós 64 anos, de conformidade co establecido no acordo nacional de emprego, Real decreto 2075/81, do 19 de outubro, e demais lexislación complementaria que o desenvolve. Establécese un premio de xubilación anticipada en función da idade

na que a solicite o traballador, consistente nas indemnizacións seguintes:

Ós 60 anos: 5 mensualidades.

Ós 61 anos: 4 mensualidades.

Ós 63 anos: 2 mensualidades.

Ós 64 anos: 1 mensualidade.

Este premio de xubilación é incompatible coa xubilación anticipada a que se refire o primeiro parágrafo deste artigo.

Artigo 21º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes deste convenio coidan que a reducción das horas extraordinarias é unha vía axeitada para a creación de emprego e coincidiron na conveniencia de reducilas.

Poderanse realizar horas extraordinarias motivadas por causa de forza maior e estructurais, entendendo estas últimas como as necesarias en períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de carácter estructural derivados da natureza do traballo de que se trate ou do seu mantemento.

Todo isto, sempre que non poidan ser substituídas por contratación temporal ou a tempo previstas na lei. A realización das ditas horas notificaránselle á autoridade laboral conxuntamente pola empresa ou os delegados de persoal, se é o caso.

Tamén, en relación ó obxectivo, estimula-la creación de emprego a través da reducción de horas extraordinarias, as partes coincidiron na importancia do estricto cumprimento do artigo 35 do Estatuto dos traballadores: o incumprimento deste artigo será considerado falta grave para os efectos do disposto no artigo 57 do Estatuto dos traballadores.

O prezo da hora extraordinaria será de 1.200 pts. para. tódalas categorías.

Artigo 22º.-Horario.

O horario para tódalas empresas do sector salvo acordo expreso entre partes será das 9 horas ás 13 horas pola mañá e de 14.30 a 18.30 horas pola tarde.

Artigo 23º.-Póliza de seguros.

As empresas deberán concerta con primas íntegras ó seu cargo unha póliza de seguros que cubra as seguintes continxencias:

-Accidente laboral ou común con resultado de morte: dous millóns de pesetas.

-Accidente laboral ou común con resultado de invalidez permanente total absoluta ou gran invalidez.: tres millóns cincocentas mil pesetas.

Para o persoal de nova incorporación a póliza de seguros deberá concertarse no prazo de un mes a partir do da contratación do traballador.

Artigo 24º.-Revisión médica.

Para ter dereito á retribución por asistencia médica será necesario presentar cuberto polo médico o parte que para tal efecto confeccionará a empresa.

O presente artigo será obxecto de revisión para o convenio de 1996.

As empresas afectadas polo presente convenio deberán contrata-los servicios adecuados para realizar unha revisión médica ó ano para os seus traballadores. Así mesmo, os traballadores terán dereito a permiso retribuído para acompaña-lo seu cónxuxe e fillo en caso de enfermidade grave deles, logo de xustificante da Seguridade Social. O presente artigo terá vixencia exclusiva de un ano e poderá moficarse, revisarse ou retirarse do convenio en función de que se produzan abusos como consecuencia da súa aplicación durante 1995 e unha vez, que se constaten as ditas circunstancias na negociación do vindeiro ano.

Artigo 25º.-Contrato de aprendizaxe.

Este contrato só poderá celebrarse con demandantes de primeiro emprego entre 16 e 20 anos que non teñan a titulación abonda para a realización doutro tipo de contratos.

A duración del non poderá ser inferior a un ano nin exceder de dous e sempre se celebrará a tempo completo.

O tempo dedicado á formación teórica, que deberá ser presencial, non será inferior ó 25% nin superior ó 50% da xornada máxima prevista no presente convenio.

A remuneración dos aprendices será a fixada nas táboas salariais do presente convenio de acordo coa categoría profesional que corresponda.

No contrato deberá especificarse o centro en que se impartirá a formación profesional e o horario e entregaráselles copia del ós representantes sindicais.

Á finalización do contrato, se se acordase continuación da prestación laboral, a empresa comprométese a vincula-lo traballador a un contrato indefinido para desempeña-los labores para os que foi formado e coa categoría correspondente, quedando prohibido o se encadeamento con contratos eventuais.

Disposicións adicionais

Primeira.-As partes asinantes do presente convenio supón un incremento sobre as táboas salariais de 1994 actualizadas dun 4,25%.

Segunda.-Os atrasos do presente convenio serán aboados nun prazo non superior a dous meses desde a súa publicación no BOP.

Disposicións transitorias

Primeira.

Para todo o non previsto no presente convenio, haberá que aterse, como norma supletoria, á ordenanza laboral da madeira, orde ministerial do 2 de xullo de 1969, agás que ámbalas partes acorden a súa substitución por convenio, no caso de que esta fose derrogada. Lei 8/1980 do 10 de marzo, ou normativa que a substitúa, derrogue ou modifique e Lei 11/1985, do 2 de agosto.

Segunda.-Cláusula de revisión.

Establécese unha cláusula de revisión salarial para o caso de que o IPC o 31 de decembro de 1995 supere o 3,75% no conxunto dos 12 meses , actualizándose os salarios para 1996 na diferencia existente entre o 3,75% e o IPC real que se produza unha vez que por parte do INE se faga público o IPC do ano.

Faise constar expresamente que no caso de se producir diferencia entre o 3,75% e o IPC real, non se aboarán atrasos nin diferencias salariais, e unicamente esa diferencia servirá de base para a actualizacion das táboas para 1996.

Disposicións derradeiras

Primeira-Cláusula de submisión ó AGA.

Perante a importancia que poida ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de conflictos de traballo, asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as centrais sindicais, UXT, CC.OO e CIG, as partes asinantes deste convenio durante a vixencia del acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos no que están formulados.

Segunda.

Faise constar expresamente que en relación ó artigo seis sobre vacacións, estas desfrutaranse no período do 1 ó 30 de agosto, ambos inclusive.

Igualmente, faise constar que en aplicación do calendario laboral e como queira que no convenio se fixan 1792 horas, os traballadores terán dereito a desfrutar un día que será fixado de mutuo acordo entre a empresa e os traballadores.