Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 31 de maio de 1995 Páx. 4.009

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 8 de maio de 1995 pola que se establece a veda do polbo en determinadas zonas do litoral galego.

A recuperación dos recursos posqueiros é a base fundamental sobre a que se debe construír unha política pesqueira. Existen diversas formas de recupera-los recursos, pero no momento actual cómpre adoptar solucións que garantan o mantemento do emprego no mar e aseguren as vendas dos seus traballadores. Neste sentido, a realización de paros biolóxicos no seu momento permitiu unha recuperación dos recursos afectados, sen reduci-la capacidade das flotas implicadas e mantendo un nivel de renda dos mariñeiros.

Os estudios biolóxicos e a experiencia do sector confirman que cara ó final da primavera e o comezo do verán, abunda extraordinariamente o polbo de pequeno tamaño, o que leva a que este se pesque en grandes cantidades, co conseguinte prexuízo para os recursos.

Por esta razón parece aconsellable realizar en determinadas zonas unha veda enfocada a esta especie, co fin de acadar unha recuperación das súas poboacións que permita un aumento dos tamaños de captura, o que redundará nunha mellora dos prezos ó pescador.

Por todo o exposto, por petición do sector e consultada a Comisión Sectorial de Enmalle e Artes Varias do Consello Galego de Pesca, na súa sesión do día 20 de abril de 1995,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Prohíbense as capturas do polbo (Octopus valgaris) con calquera arte, así como o uso das artes de nasa do polbo, espello e raña nas zonas que se relacionan no anexo da presente orde, desde o 1 ó 30 de xuño (ambos inclusive) do presente ano.

Artigo 2º

Para as zonas que permanezan abertas establécese un tope de capturas de 50 kg/tripulante/día. Este tope será de aplicación para tódalas zonas a partir do 3 de xullo.

Disposición derradeira

Autorízase o director xeral de Marisqueo e Acuicultura a adoptar tódalas medidas necesarias para o desenvolvemento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO

ZONAS VEDADAS PARA A EXTRACCIÓN DO POLBO

-Desde o paralelo que pasa por Punta dos Picos (A Guarda) ata o paralelo que pasa por Punta Besugueiros (Sálvora).-Zona situada ó leste da liña imaxinaria que une Punta do Cabío e Punta Figueiriño na Illa de Sálvora.-Desde o paralelo que pasa por Punta Castro ata o paralelo que pasa por Cabo Touriñán.-Desde o paralelo que pasa por Prior ata o meridiano que pasa por Cabo Bares.