Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 31 de maio de 1995 Páx. 4.006

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 11 de maio de 1995 pola que se convocan axudas para a asistencia a actividades de formación de profesionais do sector saúde.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde co obxecto de que a nosa comunidade poida contar con profesionais cualificados nas distintas áreas que configuran o sector, convoca axudas económicas individuais para formación de profesionais sanitarios.

Mediante a concesión das presentes axudas trátase de promover e impulsa-la formación continuada dos ditos profesionais e coadxuvar a unha mellora substancial no nivel da saúde da nosa Comunidade Autónoma a través da mellor competencia profesional nos distintos campos da asistencia sanitaria -atención primaria e especializada-, saúde pública, e administración e xestión de servicios da saúde.

Posto que a formación debe ser interactiva coas necesidades sanitarias, promoveranse especialmente as actividades que se consideran máis axeitadas en cada momento, e que neste caso se delimitan na propia orde.

Por todo isto, conforme o establecido no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse axudas económicas para a asistencia a actividades de formación de profesionais do sector saúde que se desenvolvan ó longo de 1995 na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do Estado español ou ben no estranxeiro.

Artigo 2º

1. Concederase prioridade ás actividades formativas, sempre que participen os profesionais que traballen nos servicios ou áreas ás que se refire a aprendizaxe e teñan por obxecto:

* Administración e xestión sanitaria.

* Aprendizaxe ou perfeccionamento de técnicas de cirurxía de ciclo rápido, cirurxía sen ingreso e/ou cirurxía laparoscópica.

* Formación en técnicas de extracción e transplante de órganos e tecidos, dentro das previsión da Oficina de Coordinación de Transplantes.

* Técnicas de xestión de servicios sociosanitarios.

* Programas de calidade dos servicios de saúde.

* Actividades de saúde pública.

* Técnicas de xenética molecular.

* Técnicas de xestión de procesos de producción nos centros sanitarios (atención primaria e especializada).

2. Quedan excluídos os proxectos de investigación, estudios de carácter regrado que leven á obtención dunha titulación recoñecida polo Ministerio de Educación e Ciencia -como licenciaturas, diplomaturas ou formación profesional-, traballos de campo, estudios relacionados coa realización de teses de doutoramento ou licenciatura e asistencias a congresos.

Artigo 3º

Poderán solicitar estas axudas o persoal sanitario e outro persoal vinculado ó sector saúde que presta os seus servicios na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, Servicio Galego de Saúde e establecementos sanitarios públicos ou privados de asistencia concertada co Sergas.

Artigo 4º

1. As axudas concederanse para a realización de actividades cunha duración máxima de 1 ano, particular que deberá ser especificado polo candidato na solicitude. Se a duración da actividade se estendera ó ano 1996, unicamente podará ser subvencionada no caso de que no ano 1995 se xerasen gastos para o solicitante por importe non inferior ó da contía da axuda, circunstancia que tamén deberá ser acreditada por este.

2. No caso de tratarse de actividades formativas -especialidades ou outras- de varios cursos ou períodos anuais a axuda solicitarase para o curso ou período actual, respectando as datas anteriormente indicadas.

3. As axudas só se concederán para unha actividade de formación determinada, non podendo obterse máis de unha axuda na mesma convocatoria.

Artigo 5º

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ó director xeral de Organización Sanitaria da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, conforme o modelo normalizado recollido no anexo e presentaranse no rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, ou nos rexistros das delegacións desta e direccións provinciais do Sergas ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será ata o 30 de xuño do presente ano.

2. Á solicitude engadiráselle a seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada do documento nacional de identidade e fotocopia cotexada do NIF.

b) Memoria explicativa da actividade formativa que se propón realizar, figurando de forma explícita a data de comezo así como a súa duración.

c) Certificación do director do centro de traballo onde se xustifique que o solicitante exerce actualmente nel.

d) Autorización do director do centro para a realización da actividade no caso de que esta sexa incompatible coa asistencia ó traballo.

e) Documento acreditativo da admisión para o desenvolvemento da actividade para a que se solicita axuda.

f) Orzamento xeral desagregado, con especial mención do importe dos gastos de matrícula e desprazamento da actividade para a que solicita axuda.

g) Certificado bancario acreditativo de que o solicitante é o titular da conta a través da que se desexa percibi-la subvención.

Artigo 6º

1. Correspóndelle ó presidente do Sergas a concesión das axudas por proposta dunha comisión nomeada para tal fin polo titular desta departamento.

2. Os criterios para a concesión das axudas serán establecidos pola comisión de selección, tendo en conta o incluído no artigo 2º punto 1, que valorará, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Experiencia do centro onde teñan lugar as actividades que se van realizar, así como o seu contido.

b) Interese dos estudios de formación que se pretenden realizar para o sistema sanitario galego e a súa adecuación ás necesidades de formación existentes na materia solicitada.

c) A adecuación entre o posto desempeñado e/ou nivel de formación ou especialización do solicitante en relación coa actividade que vai realizar.

Artigo 7º

1. As solicitudes serán resoltas no prazo de 60 días naturais contados desde o vencemento do prazo de presentación das instancias, publicándose no taboleiro de anuncios da propia consellería, nos das súas delegacións provinciais e nos das direccións provinciais do Sergas. Se as solicitudes non se resolveran no prazo establecido entenderanse desestimadas.

2. As decisións terán carácter definitivo, sen que caiba contra elas recurso ningún na vía administrativa.

3. Os beneficiarios destas axudas deberán realizar un acto expreso de aceptación da axuda e as súas condicións, no prazo máximo de 15 días naturais a partir do momento no que se publica a súa resolución, que será remitido por escrito á Dirección Xeral de Organización Sanitaria da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Transcorrido ese prazo entenderase que renuncian á axuda.

Artigo 8º

1. O importe global máximo das axudas que se concedan ó amparo da presente orde será de doce millóns de pesetas, (12.000.000 de ptas.) con cargo a aplicación orzamentaria 50.01.2591.480.20 dos

orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995, sen que o importe de cada axuda individual poida supera-la contía de un millón de pesetas.

Artigo 9º

O pagamento das axudas realizarase da forma seguinte:

-O oitenta por cento (80%) no momento da concesión da axuda.

-O vinte por cento (20%) restante do seguinte xeito:

-No caso de actividades que finalicen no ano 1995, unha vez rematadas estas.

-No caso de actividades que finalicen no ano 1996, no mes de decembro de 1995 sempre que se acredite a realización de gastos en contía non inferior á da subvención.

Co obxecto de xustifica-lo destino total da axuda e como requisito para poder aboa-la última porcentaxe aludida (20%), o beneficiario da axuda deberá remitirlle ó director xeral de Organización Sanitaria da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a documentación que se sinala:

a) Documento que xustifique o pagamento da matrícula ou inscrición na actividade e o importe do gasto realizado.

b) Fotocopia cotexada da certificación, expedida pola entidade organizadora, de asistencia ata o fin da actividade -de rematar esta no ano 1995- ou ata decembro de 1995 -se rematase no ano 1996-.

Artigo 10º

Os solicitantes que non resulten beneficiarios da axuda poderán solicitar dentro dun prazo de tres meses a partir da publicación da resolución, a devolución da documentación presentada, mediante escrito dirixido ó director xeral de Organización Sanitaria. No caso de non solicitaren a dita devolución no prazo indicado, procederase á súa destrucción.

Artigo 11º

O incumprimento da finalidade da axuda ou das condicións ou abrigas que se estipulan nesta orde, dará lugar á perda dela e á devolución do percibido cos seus xuros de demora.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais