Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 31 de maio de 1995 Páx. 4.004

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 4 de maio de 1995 de subvencións para actividades e proxectos declarados de interese para a promoción do Camiño de Santiago.

A Consellería de Cultura regulou, polo Decreto 245/1994, do 23 de xuño, o procedemento para que terminadas actividades e proxectos obteñan a declaración de interese para a promoción do Camiño de Santiago.

O artigo 5 do dito decreto establece que anualmente se convocarán subvencións para as ditas actividades e proxectos. Con tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto promocionar e incentivar, mediante subvencións a fondo perdido, aquelas actividades e proxectos declarados de interese para a promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 2º.-Partida orzamentaria.

O libramento da contía da subvención farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.121A.471.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións os titulares das actividades e proxectos declarados de interese para a promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 4º.-Beneficios.

As actividades e proxectos declarados de interese podarán ser subvencionados ata o esgotamento do crédito orzamentario previsto ó efecto.

A subvención farase efectiva unha vez realizada a actividade ou o proxecto previstos.

Artigo 5º.-Solicitude de beneficios.

As solicitudes das subvencións obxecto da presente disposición presentaranse no rexistro da Consellería de Cultura, mediante instancia dirixida á Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago.

A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Número de inscrición no Rexistro de Actividades e Proxectos de Interese para a Promoción do Camiño de Santiago.

b) Orzamento das actividades.

c) Certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

d) Certificado de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de trinta días desde a publicación desta orde no DOG.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

A comisión de valoración será a establecida na Orde do 7 de marzo de 1995, pola que se nomea a comisión de valoración das actividades e proxectos que obteñan a declaración de interese para a promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 8º.-Aprobación.

A comisión valorará as solicitudes presentadas e elevará, no prazo de trinta días, a súa proposta motivada ó conselleiro, que resolverá a convocatoria.

Artigo 9º.-Resolución.

No prazo de quince días desde a data de elevación da proposta, o conselleiro de Cultura resolverá a convocatoria. A resolución notificaráselles ós interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Denegación da subvención.

A denegación da subvención será expresa e motivada e o interesado poderá interpoñer contra esa resolución o pertinente recurso.

Artigo 11º.-Recoñecemento e pagamento das subvencións.

As propostas de pagamento formularanse segundo a normativa vixente de aplicación, especialmente a Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Artigo 12º.-Realización das actividades.

As actividades e proxectos subvencionados levaranse a cabo de conformidade co proxecto presentado e na súa realización deberá deixarse constancia de que se trata de actividades ou proxectos de interese para a promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 13º.-Seguimento e modificacións.

A Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago velará por que as actividades e proxectos obxecto da subvención se realicen de conformidade co disposto no artigo anterior, e poderá toma-las medidas que considere oportunas ó respecto.

As modificacións deberán ser autorizadas polo conselleiro de Cultura, unha vez que a comisión encar

gada da valoración das solicitudes emita informe favorable sobre as ditas modificacións.

Artigo 14º.-Sanción.

A non realización ou a realización parcial das actividades subvencionadas poderá comporta-la anulación total ou parcial da axuda outorgada, e a abriga de reintegra-las cantidades percibidas en concepto de subvención e os correspondentes xuros legais, sen proxuízo das demais responsabilidades nas que se incorra.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura