Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 29 de maio de 1995 Páx. 3.960

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 142/1995, do 10 de maio, polo que se declara de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Santa Uxía de Lobás (O Carballiño-Ourense).

A parroquia de Santa Uxía de Lobás, que pertence ó concello do Carballiño, está situada ó noroeste de Ourense, resultando afectada pola concentración parcelaria aproximadamente 360 ha.

A dispersión parcelaria que presentan os terreos da dita parroquia, posta de manifesto polos agricultores desta mediante solicitude dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, motivou un estudio de viabilidade e de valoración das posibilidades que ofrece a zona para incrementa-lo rendemento dos recursos agropecuarios, deducíndose a conveniencia de levar a cabo a concentración parcelaria por razóns de utilidade pública de interese social.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, formulada conforme o establecido na Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declárase de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Santa Uxía de Lobás (O Carballiño-Ourense).

Artigo 2º

O perímetro da zona será, en principio, o formado polos terreos correspondentes ós lugares de Costoia, Valfrío, Bertamil, Larouce, Trigas, Xuio, Dornela, Boedes e Paradela, todos eles pertencentes á parroquia de Santa Uxía de Lobás (O Carballiño-Ourense). O referido perímetro quedará en definitiva modificado polas rectificacións, inclusións ou exclusións que se acorden ó amparo dos artigos 23 e seguintes da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.

Artigo 3º

A esta zona seranlle de aplicación os beneficios económicos programados ou asumidos pola Xunta de Galicia para mellorar ou moderniza-las explotacións agrarias, en concreto, as que sinala o artigo 6 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.

Artigo 4º

Os traballos de execución desta concentración parcelaria iniciaranse nun prazo non superior a 6 meses a partir da publicación do presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para dicta-las disposicións complementarias que require a execución do presente decreto.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de maio de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes