Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 29 de maio de 1995 Páx. 3.957

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de marzo de 1995 pola que se regula a concesión de axudas económicas para o curso 1995-1996 a unidades que escolaricen alumnos de 4 ou 5 anos en centros docentes privados.

É vontade do Goberno da Comunidade Autónoma facilita-la escolarización da etapa de educación infantil nos centros que elixan os seus pais ou titores, sen que condicionamentos de tipo económico impidan a efectiva liberdade de elección de centro recollida na Constitución española de 1978. Foi por iso polo que se estableceron axudas económicas ós centros docentes privados que escolarizan alumnos da dita etapa a partires do curso 1991-1992.

A fin de proseguir nesta liña, xa consolidada ó abeiro do establecido nas leis 14/1970, do 4 de agosto, orgánica 8/1985, do 3 de xullo, e orgánica 1/1990, do 3 de outubro, esta consellería, oído o Consello Escolar de Galicia, na súa sesíón do día 13 de xullo de 1994,

DISPÓN:

Primeiro.-No curso escolar 1995-1996, a concesión de axudas económicas ós centros docentes privados na etapa de educación infantil que escolaricen nenos deste nivel rexerase polo disposto na presente orde.

Segundo.-Poderanse solicitar axudas para subvenciona-las unidades que se indican:

a) Unidades que escolaricen unicamente alumnos de 4 anos de idade (nados no ano 1991).

b) Unidades que escolaricen unicamente alumnos de 5 anos de idade (nados no ano 1990).

c) Unidades que escolaricen conxuntamente alumnos de 4 e 5 anos, só cando o centro conte cunha única unidade de educación infantil.

Terceiro.-As axudas consistirán en subvenciona-los centros seleccionados na cantidade correspondente ós salarios de persoal docente das unidades de educación infantil que se determine na resolución da presente convocatoria, incluídas cargas sociais, e unha cantidade para gastos de funcionamento equivalente na súa contía á establecida para tal fin, por unidade e ano, para as unidades de primaria/EXB con concerto xeral.

Cuarto.-Os centros que perciban as axudas sinaladas no punto anterior non lle poderán cobrar ó alumnado das unidades subvencionadas ningunha cantidade, agás as autorizadas expresamente para actividades ou servicios complementarios pola administración educativa, que en todo caso terán carácter voluntario para o alumnado.

Quinto.-O titular do centro queda obrigado a ter en funcionamento o número total de unidades que son obxecto de subvención. Os centros subvencionados deberán ter unha relación media alumno/aula, por unidade de educación infantil subvencionada, en tódolos casos, non inferior a 20, nin superior a 25.

O titular do centro queda obrigado, necesariamente, a cubri-las prazas escolares de conformidade cos criterios do Decreto 77/1986, do 20 de marzo, e da Orde do 1 de abril de 1986.

Sexto.-A concesión de axudas farase de acordo coas dispoñibilidades presupostarias e tendo en conta as seguintes prioridades:

-En primeiro lugar subvencionaranse unidades de educación infantil que escolaricen alumnos de 4 ou 5 anos (nados no ano 1991 ou 1990) ou ben conxuntamente no suposto previsto no apartado c) do punto segundo naqueles centros que contan con dita subvención no curso 1994-1995.

-En segundo lugar subvencionaranse unidades de educación infantil que escolaricen conxuntamente alumnos de 4 e 5 anos cando o centro conte cunha única unidade de educación infantil, dándolles prioridade ós centros con concerto sobre os que non teñan concerto no nivel de primaria/EXB.

-En terceiro lugar subvencionaranse unidades de educación infantil que escolaricen unicamente alumnos de 5 anos (nados no ano 1990), dándolles prioridade ós centros con concerto sobre os que non teñan concerto no nivel de primaria/EXB.

-En cuarto lugar subvencionaranse unidades de educación infantil que escolaricen unicamente alumnos de 4 anos (nados no ano 1991), dándolles prioridade ós centros con concerto sobre os que non teñan concerto no nivel de primaria/EXB.

-En quinto lugar, centros exclusivos de educación infantil, sempre que no concello non existan outras unidades dese nivel.

-Poderanse subvencionar, finalmente, outras unidades de centros de educación infantil, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Sétimo.-Sen prexuízo das prioridades establecidas no punto anterior, teranse en conta, para os efectos da concesión de axudas, os seguintes criterios por orde de preferencia:

1. Que as unidades de educación infantil estivesen autorizadas e en funcionamento con anterioridade ó curso 1994-1995.

2. Centros que satisfagan necesidades reais de escolarización.

3. Centros que atendan a poboacións escolares de condicións socio-económicas desfavorables.

4. Centros que escolaricen, maioritariamente, alumnos da súa zona de influencia.

5. Unidades que escolaricen alumnos discapacitados.

6. Centros que, amáis de cumpriren algunha das condicións anteriores, desenvolvan experiencias de interese pedagóxico para o sistema educativo.

En todo caso, e sempre que se dea igualdade de condicións, terán preferencia aqueles centros, que

en réxime de cooperativa, cumpran coas finalidades anteriormente relacionadas.

Oitavo.-Os centros docentes que desexen acollerse ó sistema de axudas económicas a unidades de educación infantil, establecido na presente orde, solicitarano á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo de vinte (20) días naturais contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse nas respectivas delegacións provinciais da consellería do ámbito territorial no que estean situados os centros, especificando se a axuda é para unidade de catro anos (nados no 1991) ou de cinco anos (nados no 1990) ou mixta (4 e 5 anos) unicamente no suposto sinalado no apartado c) do punto segundo, e deberán subscribilas os titulares dos centros que, no suposto de que se trate de persoas xurídicas, serán os que exerzan a súa representación.

Noveno.-As solicitudes, que se farán no modelo que se xunta, irán acompañadas de memoria explicativa na que se faga constar explicitamente:

-Número de alumnos de 5 anos, nados en 1990.

-Número de alumnos de 4 anos, nados en 1991.

-Media alumno/aula no nivel de primaria/EXB.

Décimo.-As solicitudes presentadas serán avaliadas por comisións provinciais, presididas polo delegado provincial de Educación e Ordenación Universitaria, que terán a composición sinalada no punto 1.6.1. da Orde do 18 de xaneiro de 1993 (DOG do 26) para as comisións de concertos educativos.

Décimo primeiro.-As comisións provinciais avaliarán as solicitudes e mailas documentacións presentadas, de acordo cos criterios establecidos nos puntos sexto e sétimo desta orde, e elaborarán unha proposta motivada de resolución.

Estas propostas serán enviadas polas delegacións provinciais á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros no prazo máximo de quince (15) días naturais a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Décimo segundo.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros formularalle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria proposta de resolución provisional, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias existentes. A devandita resolución provisional publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Décimo terceiro.-Os centros ós que se lle conceda axuda económica para algunha unidade deberán abrir un novo prazo de admisión de alumnos para o nivel subvencionado, sempre que existan prazas libres, a partir do terceiro día da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e por un período mínimo de dez días. A dita admisión deberá axustarse ós criterios establecidos no anexo do Decreto 77/1986, do 20 de marzo, e da Orde do 1 de abril de 1986.

Décimo cuarto.-Os titulares dos centros que figuran na resolución provisional como beneficiarios de axuda remitirán ó Servicio de Inspección, entre o

15 e o 30 de setembro de 1995, certificación do número de alumnos definitivamente matriculados en cada unha das unidades subvencionadas. O Servicio de Inspección, feitas as oportunas comprobacións, remitirá, antes do 10 de outubro de 1995 e xunto co seu informe, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros a devandita certificación.

Décimo quinto.-Á vista das certificacións e dos informes sinalados no punto anterior, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros formularalle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria proposta de resolución definitiva.

A resolución definitiva de concesión de axudas económicas publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Décimo sexto.-Correspóndelle ó consello escolar do centro a aprobación, por proposta do titular, do orzamento do centro no que se refire tanto ós fondos provenientes da Administración como ás cantidades autorizadas, así como á rendición anual de contas. O titular do centro deberá remitirlle á correspondente delegación provincial a certificación do acordo do consello escolar que aproba as contas.

Os centros exclusivos de educación infantil que obteñan axuda económica deberán remitirlle á correspondente delegación provincial a xustificación documental do destino das cantidades percibidas.

Os centros subvencionados quedarán suxeitos ó control de carácter financeiro establecido nas disposicións vixentes.

Décimo setimo.-En todo aquilo que non se determina especificamente nesta orde, aplicarase a normativa relativa ós concertos educativos de educación primaria/EXB.

Décimo oitavo.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Décimo noveno.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros para dicta-los actos e disposicións complementarios que se consideren necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Vixésimo.-As axudas pagaranse con cargo ó crédito orzamentario consignado no programa 07.02.322A.480. O dito crédito non poderá ser superado en ningún caso.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria