Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 29 de maio de 1995 Páx. 3.960

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 143/1995, do 10 de maio, polo que se declara de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Sabrexo (Vila de Cruces-Pontevedra).

A parroquia de Sabrexo, que pertence ó concello de Vila de Cruces, está situada ó nordeste de Pontevedra, resultando afectada pola concentración parcelaria aproximadamente 865 ha.

A dispersión parcelaria que presentan os terreos da dita parroquia, posta de manifesto polos agricultores desta mediante solicitude dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, motivou un estudio de viabilidade e de valoración das posibilidades que ofrece a zona para incrementa-lo rendemento dos recursos agropecuarios, deducíndose a conveniencia de levar a cabo a concentración parcelaria por razóns de utilidade pública de interese social.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, formulada conforme o establecido na Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declárase de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Sabrexo (Vila de Cruces-Pontevedra).

Artigo 2º

O perímetro da zona será, en principio, o correspondente á totalidade dos terreos da parroquia de Sabrexo (Vila de Cruces-Pontevedra). O referido perímetro quedará en definitiva modificado polas rectificacións, inclusións ou exclusións que se acorden ó amparo dos artigos 23 e seguintes da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.

Artigo 3º

A esta zona seranlle de aplicación os beneficios económicos programados ou asumidos pola Xunta

de Galicia para mellorar ou moderniza-las explotacións agrarias, en concreto, as que sinala o artigo 6 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.

Artigo 4º

Os traballos de execución desta concentración parcelaria iniciaranse nun prazo non superior a 6 meses a partir da publicación do presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para dicta-las disposicións complementarias que require a execución do presente decreto.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de maio de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes