Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 26 de maio de 1995 Páx. 3.929

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 140/1995, do 10 de maio, polo que se acorda, a imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela sita no porto de Portonovo, termo municipal de Sanxenxo (Pontevedra).

A Consellería de Pesca, Marisqueo, e Acuicultura solicitou a adscrición dunha parcela no porto de Portonovo, termo municipal de Sanxenxo (Pontevedra), baseándose na súa necesidade co fin de construír unha nave para almacenar útiles incautados e medios técnicos de inspección e vixilancia.

A titularidade do porto de Portonovo correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de portos (BOE nº 285, do 27 de novembro de 1982). Mediante Decreto 167/1982, do 1 de decembro, (DOG nº 10, do 12 de febreiro de 1983), as competencias asumidas asignáronse á Conselleía de Ordenación do Territorio e Obras Públicas.

Na actualidade, despois dos distintos cambios na estructura orgánica da Xunta de Galicia, o porto de Portonovo atópase adscrito á Consellería de Polí

tica Territorial, Obras Públicas e Vivenda. A dita consellería, no trámite de audiencia establecido no artigo 31.2º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega (DOG nº 71, do 13 de abril), informou favorablemente a imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela da zona de servicio do porto de Portonovo, na medida que as instalacións proxectadas son beneficiosas para o desenvolvemento da actividade pesqueira.

Á vista do disposto nos artigos 12.4 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 31.1º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, as afectacións secundarias dos bens de dominio público requiren acordo do Consello da Xunta de Galicia baixo forma de decreto, logo da instrucción do correspondente expediente pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude e a proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acorda-la imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela de 500 m2 da zona de servicios do porto de Portonovo, termo municipal de Sanxenxo (Pontevedra), situada no lugar que se indica no plano incorporado ó correspondente expediente.

Artigo 2º

O fin da afectación secundaria é a construcción pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura dunha nave para almacenar útiles incautados e medios técnicos de inspección e vixilancia.

Artigo 3º

Correspóndelle á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura as facultades de xestión, administración e conservación do inmoble obxecto da afectación secundaria, sen prexuízo das facultades derivadas da adscrición orgánica que ostenta a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda como titular da afectación principal.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto no presente Decreto.

Santiago de Compostela, dez de maio de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda