Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 26 de maio de 1995 Páx. 3.928

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 139/1995, do 10 de maio, polo que se acepta a doazón dos terreos sitos na parroquia de Baio, termo municipal de Zas (A Coruña), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a instalación dun instituto de ensino secundario.

Con data 6 de agosto de 1991, Maximino Romero Lema, Genoveva, Obdulia e Herminia Suárez Romero e María Mercedes e Beatriz Romero Blanco outorgaron ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, con residencia en Vimianzo, Luis Rajoy Brey, escritura pública de doazón, dos terreos sitos en Baio para á construcción do edificio destinado ó instituto de ensino secundario. Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles exceda o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame, ou afección

os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que Maximino Romero Lema, Genoveva, Obdulia e Herminia Suárez Romero e María Mercedes e Beatriz Romero Blanco, outorgaron a doazón, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.

Acepta-la doazón feita por Maximino Romero Lema, Genoveva, Obdulia e Herminia Suárez Romero e María Mercedes e Beatriz Romero Blanco, dos terreos sitos na parroquia de Baio, termo municipal de Zas (A Coruña) que a continuación se describen:

A) Predio denominado Prado da Torre, dedicado a labradío e herbal, de oitenta e oito áreas e vinte centiáreas, que linda ó norte, con Herminia, Genoveva e Obdulia Suárez Romero; ó sur, con María Mercedes e Beatriz Romero Blanco; ó leste, en liña de cincuenta e sete metros -medida tomada perpendicularmente ós seus lindeiros norte e sur-, co río Grande e ó oeste, en liña, co camiño de nova construcción que conduce ó campo de futbol.

B) Predio denominado Prado da Torre, dedicado a herbal, de vintedúas áreas e cinco centiáreas, que

linda ó norte, con Ramón Francisco Romero Lema, ó sur, Maximino Romero Lema; ó leste, co río Grande e ó oeste, co resto do predio matriz.

C) Predio denominado Prado da Torre, dedicado a herbal, de dezanove áreas e corenta e catro centiáreas, que linda ó norte con Maximino Romero Lema; ó sur, co muro que cerra e separa dos herdeiros de Manuel Caamaño Pazos; ó leste, co río Grande; e ó oeste, co resto do predio matriz.

Artigo segundo.

Os inmobles doados, con todo o que lles é anexo e inherente e libres de toda clase de cargas e gravames, destinaranse á construcción dun edificio onde se instalará un instituto de ensino secundario.

Artigo terceiro.

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira.

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, dez de maio de mil novecentos noventa e cinco.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

Manuel Fraga Iribarne

Presidente