Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 26 de maio de 1995 Páx. 3.928

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 25 de maio de 1995 pola que se regula o exercicio dos dereitos electorais, do persoal ó servicio da Comunidade Autónoma de Galicia, nas eleccións locais do día 28 de maio de 1995.

Convocadas eleccións locais polo Real decreto 489/1995, do 3 de abril, da Presidencia do Goberno, que terán lugar o vindeiro día 28 de maio do presente ano, é preciso adopta-las medidas oportunas para facilita-lo exercicio e cumprimento dos dereitos e deberes do persoal ó servicio desta Administración autonómica.

En consecuencia, en virtude do previsto nos artigos 28, 76 e 78 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral e disposicións concordantes, esta consellería, de conformidade coas facultades que lle confire o artigo 13 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia,

DISPÓN:

Primeiro.

O persoal ó servicio da Administración pública de Galicia que o día das eleccións non desfrute do seu descanso semanal terá dereito a un permiso retribuído de catro horas libres para exerce-lo seu dereito ó voto.

Segundo.

1. O persoal nomeado presidente ou vocal de mesas electorais, e os que acrediten a súa condición de interventores, teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa se non desfrutan en tal data de descanso semanal, e a unha reducción da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.

2. Os que acrediten a súa condición de apoderados teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan nese día de descanso semanal.

Terceiro.

Os directores ou xefes de persoal das dependencias onde presta os seus servicios o persoal afectado por esta orde esixiranlle ó mencionado persoal os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que foi exercido o seu dereito ó voto.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública