Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 1995 Páx. 3.905

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 23 de maio de 1995 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios prestados polo persoal médico do Complexo Hospitalario da Deputación Provincial de Pontevedra, desde o 26 de maio de 1995, con carácter indefinido, excluídos sábados, domingos e días festivos.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta ó persoal médico do Complexo Hospitalario da Deputación Provincial de Pontevedra, desde o 26 de maio de 1995, con carácter indefinido, excluídos sábados, domingos e días festivos, oído o comité de folga, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo lº

A folga convocada desde o 26 de maio de 1995 con carácter indefinido, excluídos sábados, domingos e días festivos, que afecta ó persoal médico do Complexo Hospitalario da Deputación Provincial de Pontevedra, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios do centro sanitario, para evitar que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

E por iso, mantéñense os servicios mínimos necesarios para garanti-la asistencia imprescindible ós pacientes hospitalizados, así como a atención urxente ós usuarios, que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

Entrando na análise pormenorizada dos servicios mínimos fixados, pódense sinala-los seguintes criterios rectores da determinación destes:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triple ámbito:

-Servicios de urxencias e gardas médicas.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que, ó ingresaren, requiran intervención cirúrxica inaplazable.

-Atención ós paritorios.

II. Cobertura da actividade cirúrxica dos pacientes hospitalizados, respecto ás patoloxías que poñan en perigo a vida destes ou agraven o seu estado de saúde.

III. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garanti-las visitas médicas, a atención indefectible dos pacientes hospitalizados e as altas clínicas.

IV. No ámbito de consulta atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, así como as interconsultas dos pacientes hospitalizados que o requiran, a criterio do facultativo. Así mesmo atenderanse as consultas dos pacientes desprazados.

V. Garantirase, así mesmo, a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran ós pacientes hospitalizados que, ó criterio do facultativo, sexan necesarias.

Con tales premisas determínase no anexo desta resolución, por servicios, o número de servicios mínimos do persoal afectado.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será determinada polo director-xerente do centro, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios dos centros de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais