Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 1995 Páx. 3.897

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 23 de maio de 1995 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios prestados polo persoal funcionario e laboral do complexo hospitalario da Deputación de Pontevedra, con motivo da folga convocada desde as 22 horas do día 24 de maio ata as 22 horas do día 25 de maio de 1995.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida, e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño de 1988), entre os que se atopa a sanidade. O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta o persoal funcionario e laboral do complexo hospitalario da Deputación de Pontevedra, con motivo da folga convocada dende as 22 horas do día 24 de maio ata as 22 horas do día 25 de maio de 1995, oído o comité de folga, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

A convocatoria de folga, desde as 22 horas do día 24 de maio ata as 22 horas do día 25 de maio de 1995, que afecta o persoal funcionario e laboral do complexo hospitalario da Deputación Provincial de Pontevedra, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios do complexo hospitalario, en evitación de que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios do complexo hospitalario, que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

E por iso, mantense a procentaxe de servicios mínimos, arredor do 40% do cadro de persoal do complexo, coa finalidade de garanti-la asistencia imprescindible ós pacientes hospitalizados, así como a atención urxente ós usuarios, que non pode aprazarse sen consecuencias negativas ou incluso con desenlace fatal para a saúde.

Entrando na análise pormenorizada dos servicios mínimos fixados, pódense sinala-los seguintes criterios rectores da determinación deles:

* Persoal facultativo:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triple ámbito:

-Servicios de urxencias e gardas médicas.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que, ó ingresar, requiran intervención cirúrxica inaprazable.

-Atención ós paritorios.

II. Cobertura da actividade cirúrxica dos pacientes hospitalizados, respecto ás patoloxías que poñan en perigo a vida deles ou agraven o seu estado de saúde.

III. Na área de hospitalización, establecerase o número necesario para garanti-las visitas médicas, a atención indefectible dos pacientes hospitalizados e as altas clínicas.

IV. No ámbito de consulta atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, así como as interconsultas dos pacientes hospitalizados que o requiran, a criterio do facultativo. Así mesmo atenderanse as consultas dos pacientes desprazados.

V. Garantirase, así mesmo, a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran ós pacientes hospitalizados que, ó criterio do facultativo, sexan necesarias.

* Persoal sanitario non facultativo:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triple ámbito:

-Servicios de urxencias.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que, ó ingresar, requiran intervención cirúrxica inaplazable.

-Atención ós paritorios.

II. Na área de hospitalización, establecerase o número necesario para garanti-los coidados dos pacientes hospitalizados, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

III. No ámbito de consultas, estableceranse mínimos nun dobre ámbito:

-Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

-Apoio á atención das consultas ambulatorias nun 25% do cadro de persoal habitual.

IV. No ámbito dos servicios centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran ós pacientes hospitalizados que, ó criterio do facultativo, sexan necesarias.

V. Unidades especiais:

Coidados críticos: o mesmo que para un domingo ou festivo.

Diálise: o número necesario para garanti-lo coidado dos pacientes afectados.

* Persoal non sanitario:

I. Áreas de hospitalización:

Un número de efectivos equivalente ó dos domingos ou festivos.

II. Servicio de admisión:

Un número equivalente ó dos domingos ou festivos.

III. Atención ó doente:

Un número de efectivos que garantan a atención ó paciente que o requira, cun mínimo do un por centro e ata un máximo do 50% do cadro de persoal.

IV. Servicios de mantemento:

Un número equivalente ó dos domingos ou festivos.

V. Servicios de lavandería:

Ata o 50% do cadro de persoal.

VI. Hostelería:

Un número mínimo en equivalencia ó dos domingos ou festivos, ou ben un 60% do cadro de persoal, segundo as necesidades de cada centro.

Coa finalidade de garanti-lo adecuado mantemento do servicio, servirase con carácter xeral, un único menú ós doentes que non requiran dieta médica especial.

VII. Telefonía, portería e ordenanzas:

O mesmo número do cadro de persoal de domingos ou festivos, cun mínimo, en todo caso, de un efectivo.

VIII. Servicios administrativos:

* De persoal: ata o 40%.

* De aprovisionamento: ata o 25%.

IX. Outras áreas de traballo ou servicios:

Establecerase, con carácter xeral, un número equivalente ó dos domingos ou festivos.

Con tales premisas determínase no anexo desta resolución, por hospital e áreas de traballo o número de servicios mínimos do persoal afectado.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será feita pola dirección do complexo hospitalario, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios dos centros de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais ós efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo de 1977).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 1995.

José Manuel Romay Becaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais