Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 1995 Páx. 3.889

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 4 de abril de 1995 pola que se desenvolve o funcionamento do Rexistro de Bibliotecas de Galicia.

O Decreto 24/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regulan os centros bibliotecarios fixos e no que se crea o Rexistro de Bibliotecas de Galicia, supón un importante paso no desenvolvemento da Lei 14/1989, de bibliotecas, en canto regula o máis amplo e importante sector das bibliotecas galegas, e en canto pon as bases que permitirán defini-lo papel que terá cada un dos centros de lectura na rede de bibliotecas de Galicia.

Instrumento indispensable nesta organización é a creación e artellamento dun Rexistro de Bibliotecas, que permita en cada momento ter coñecemento exacto das características e situación dos diferentes centros e que sirva ademais de base para a elaboración dunha política bibliotecaria tanto dentro como fóra da rede de bibliotecas de Galicia. Coa creación deste rexistro créase, pois, un instrumento de información e control indispensable, a partir do cal poderán organizarse os diferentes plans, programas e servicios comúns para as bibliotecas galegas.

Creado este Rexistro de Bibliotecas de Galicia, cómpre a definición da normativa pola que deberá rexerse o funcionamento do citado rexistro, por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Corresponde á Dirección Xeral de Cultura a xestión do Rexistro de Bibliotecas de Galicia e a tramitación dos expedientes que se deriven de tódalas actuacións. Tódalas bibliotecas galegas poderán inscribirse nel, sempre que cumpran os requisitos sinalados na presente orde.

Artigo 2º

O expediente de inscrición iniciarase mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura (anexo I) polo alcalde presidente do concello no caso de

bibliotecas municipais, polo presidente da deputación provincial no caso de bibliotecas dependentes destas institucións, polos rectores das universidades no caso de bibliotecas universitarias, e polos titulares correspondentes no caso de bibliotecas privadas, que se presentará no rexistro xeral da Consellería de Cultura, nas súas delegacións provinciais, ou que se remitirá por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º

Á instancia xuntaranse os seguintes documentos:

a) Copia do convenio asinado coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, en caso de telo asinado.

b) Copia dos planos do local.

e) Impreso cuberto (anexo II) onde consten tódalas características do centro.

Artigo 4º

1. Recibida a solicitude de inscrición no rexistro e unha vez comprobada polos servicios competentes, o director xeral de Cultura elevará proposta ó conselleiro de Cultura que resolverá a inscrición no libro de rexistro correspondente.

2. As bibliotecas inscritas comunicarán ó Rexistro de Bibliotecas calquera modificación que se produza nos datos consignados na solicitude de inscrición.

Artigo 5º

O incumprimento do establecido pola Lei 14/1989, de bibliotecas, e por esta orde, así como o incumprimento do estipulado no convenio que a biblioteca ou institución da que dependa asine coa Consellería de Cultura ou a falsidade nos datos consignados na solicitude de inscrición, poderán dar lugar á cancelación temporal ou definitiva da inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia.

Artigo 6º

A inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia non supón nin obliga á integración na rede de bibliotecas de Galicia, pero é requisito indispensable para a pertenencia a ela.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura