Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 1995 Páx. 3.888

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 137/1995, do 10 de maio, polo que se establece a composición da Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Cicetga).

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia crea, no artigo 11.1º a Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia, como órgano encargado da planificación, elaboración, coordinación e seguimento do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

O apartado 2º do artigo 11 establece que a Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia estará composta por un presidente, un vicepresidente e un número de vocais que se determinará regulamentariamente.

Procede por iso dar cumprimento ó mandato legal e determina-la composición da Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia para, posteriormente, face-lo nomeamento dos membros da citada comisión e pasar a elabora-lo Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Por todo iso e por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de maio de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.

A Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia estará composta por un total de 14 membros:

1. Presidente: o presidente da Xunta de Galicia.

2. Vicepresidente: o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Vocais: un representante de cada unha das consellerías da Xunta de Galicia nomeados por decreto do Consello da Xunta por proposta do conselleiro correspondente. O representante, con categoría de director xeral, será o responsable nesa consellería da área funcional que estea relacionada cos fins da Lei 12/1993 ou cos obxectivos ós que debe orientarse o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico especificados nos artigos 2 e 3.2º da citada lei.

4. Como secretario da comisión actuará o do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias de desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de maio de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria