Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 24 de maio de 1995 Páx. 3.864

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 23 de maio de 1995 pola que se dictan normas para garanti-lo mantemento dos servicios esenciais de defensa contra incendios forestais da Delegación Provincial de Ourense da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, durante a folga convocada para o día 25 de maio de 1995.

O exercicio do dereito de folga na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais, de acordo co Decreto 155/1988, do 9 de xuño, o que significa, tal como ten declarado o Tribunal Constitucional, que o dereito da comunidade a estas prestacións vitais é prioritario respecto do dereito á folga, se ben esta prioridade necesita ser contrastada en cada situación de folga e sometida ó principio de proporcionalidade dos sacrificios impostos ós folguistas e ós beneficiados polo servicio, no que atinxe os dereitos fundamentais, as liberdades públicas e os bens constitucionalmente protexidos.

A central sindical Confederación Intersindical Galega, mediante escrito do 11 de maio de 1995, dirixido á Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes de Ourense, comunica a convocatoria de folga nos servicios de defensa contra incendios forestais precisando que afectará

a todo o persoal laboral contratado dos ditos servicios e que se levará a cabo entre as 00.00 horas e as 24.00 horas do día 25 de maio de 1995.

O mencionado Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se dictan normas para garanti-la prestación dos servicios esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma, por unha parte establece que terán a consideración de servicios esenciais, entre outros, os de vixilancia e extinción de incendios (artigo 2); e, por outra, faculta o conselleiro competente por razón de ditos servicios esenciais afectados para que, mediante orde, determine, oído o comité de folga, o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para a fixación do persoal preciso para súa prestación (artigo 3).

A motivación da concreta determinación do mínimo de actividade e da fixación do persoal preciso para asegura-lo mantemento dos servicios esenciais de defensa contra incendios forestais prestados por esta consellería afectados pola presente convocatoria de folga, e que se conteñen nesta orde, é a imprevisibilidade do feito causante da prestación do servicio e a indeterminabilidade das súas consecuencias en canto a vidas e facendas, ante o que sería de aplicación plenamente e sen posibilidade de restricción ningunha o principio de «salus populi maxima lex esto» se acontecera que fora preciso, obviamente a xuízo dos responsables do mesmo, a utilización do total dos efectivos de que se dispón.

Por todo o anteriormente exposto, de conformidade e en uso das atribucións que me confire o Decreto 155/1988, do 9 de xuño, e oído o comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-O mínimo de actividade e de persoal preciso para asegura-lo mantemento dos servicios esenciais de defensa contra incendios forestais prestados por esta consellería afectados pola folga convocada para o día 25 de maio de 1995, é o seguinte:

Persoal laboral contratado para a execución do Plan de Defensa contra Incendios Forestais (INFOGA):

-Unha brigada de helicópteros.

-Dúas brigadas por comarca.

-Un vixilante por comarca.

-Un emisorista por comarca.

-Un conductor por comarca.

-Tres emisoristas na provincia.

No caso de que durante o día de folga se producisen incendios que, a xuízo dos responsables do servicio, obrigasen a adoptar medidas complementarias ás adoptadas co persoal previsto como mínimo, este poderá elevarse ata o cento por cento do persoal contratado.

Artigo 2º.-A designación nominal do persoal que deberá cubri-los servicios mínimos será feita polo delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes de Ourense e publicada nos taboleiros de anuncios de cada centro de traballo.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes