Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 24 de maio de 1995 Páx. 3.864

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 1995, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, pola que se dictan instruccións en relación coa adscrición do profesorado do ciclo superior de EXB, afectado pola implantación do sexto curso da educación primaria.

A implantación do 6º de educación primaria no curso 1995-1996 e a pervivencia de 7º e 8º de EXB no devandito curso, obrigan a adoptar medidas en relación coa adscrición do profesorado afectado.

En consecuencia, esta dirección xeral,

RESOLVEU:

Primeiro.-Tódalas adscricións que se efectúen do profesorado afectado pola implantación do 6º curso de educación primaria terán carácter de adscrición funcional e efectos desde o 1 de setembro de 1995 ata que se leve a cabo o proceso de adscrición a educación primaria e educación secundaria obrigatoria.

Segundo.-Terán a consideración de profesores afectados, para os efectos da presente resolución, aqueles que estando adscritos a postos de traballo de calquera das especialidades impartidas no ciclo superior vexan reducido o número de horas a impartir a 6 horas ou menos, por mor da implantación do 6º curso de educación primaria.

Terceiro.-Os novos postos de traballo de ciclo inicial e medio derivados da implantación citada, deberán ser cubertos co profesorado ó que fai referencia o apartado anterior.

Cuarto.-En tódolos centros de menos de 4 unidades de ciclo superior adscribirase funcionalmente a ciclo inicial e medio ó especialista que dispoña dun menor número de horas da súa especialidade. O devandito profesor actuará como titor dun curso do 2º ou 3º ciclo de educación primaria e impartirá as clases correspondentes á súa especialidade en 7º e 8º de EXB.

Quinto.-En tódolos centros a partir de 4 unidades de ciclo superior adscribirase funcionalmente a ciclo inicial e medio ó/s especialista/s que non se necesiten para cubri-lo horario de docencia da área á que estean definitivamente adscritos en 7º e 8º de EXB.

Igualmente actuarán, de ser necesario, como titores dun curso do 2º ou 3º ciclo de educación primaria os profesores que unicamente deban impartir un máximo de 6 horas da súa especialidade, por mor da implantación do 6º curso da educación primaria.

Sexto.-No suposto de que sexan varios os profesores afectados e fose necesario optar en consecuencia, darase prioridade de elección ós que teñan maior antigüidade en propiedade definitiva no centro. En caso de igualdade decidirá o maior número de anos de servicio como funcionario de carreira no corpo de mestres e, en último termo, a promoción de ingreso máis antiga e, dentro desta, o número máis baixo, obtido nela.

De non existir voluntarios, serán adscritos en función da menor antigüidade en propiedade definitiva no centro ou, en caso de empate, do menor número de anos de servicio como funcionario de carreira, no corpo de mestres e, por último, da promoción de ingreso máis moderna e, dentro desta, do número máis alto obtido nela.

Sétimo.-A dirección do centro, oído o claustro de profesores, realizará a adscrición funcional do profesorado afectado antes do 10 de xuño do presente ano, debendo remitir ó Servicio de Inspección, con carácter inmediato, copia da acta da sesión de claustro na que se leve a cabo a adscrición, para a súa aprobación.

Oitavo.-Sen prexuízo do establecido nas instruccións cuarta e quinta da presente resolución, a adscrición a ciclo e curso farase de acordo coas prioridades establecidas no apartado 3.4º 2 do anexo á Orde do 15 de xullo de 1991 e respectando en todo caso que cada profesor debe encargarse da educación dun grupo de alumnos ó longo de todo o ciclo.

Noveno.-A presente resolución entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 1995.

Gerardo Muñoz Sánchez-Brunete

Director xeral de Ordenación Educativa e Centros