Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 18 de maio de 1995 Páx. 3.677

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 1994, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 310 que afecta o monte Peón de Boiro, do lugar da Feosa, parroquia de Boiro, concello de Boiro.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de confomidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 14 de decembro de 1994, adoptou o seguinte acordo:

Reunido na data 14 de decembro de 1994 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, con asistencia do vicepresidente José Luis Núñez Vide, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña; os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F. Ramón Olano Calleja, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolvelo,

Expediente nº 310

Monte: Peón de Boiro

Lugares: Lugar da Feosa.

Parroquia: Boiro.

Concello: Boiro.

Resultando que diversos veciños do lugar da Feosa, parroquia de Boiro, concello de Boiro, solicitaron deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado, iniciándose na data 26-4-1982 o correspondente expediente, co nº 219. A súa tramitación quedou paralizada ante as alegacións dos veciños de lugares de Comoxo e Bermo.

Con data 7-7-1993, diversos veciños do lugar da Feosa solicitan de novo a declaración como veciñal do monte, o cal ten as seguintes características:

Superficie: 11,89 ha.

Lindeiros:

Norte: piquetes nº 538 ó 562 do deslinde do monte Peón de Boiro, nº 159 do CUP, estremando con piñeiral de herdeiros de José Romero e outros.

Leste: piquete nº 562 ata o 563 e deste ó I.3 do encravado I do deslinde, seguindo a estrada de Noia a Boiro; desde o piquete I.3 ata o I.A, estremando co dito enclavado polo oeste; desde o I.A seguindo a estrada de Noia a Boiro ata unha caseta distante 25 m. do piquete I.1; desde a caseta e cruzando a estrada, ata un punto situado na liña dos

piquetes J.11 a J.10 do enclavado J do deslinde e aproximadamente equidistante deles, estremando con monte da comunidade de Comoxo; deste punto ata o J.10, e deste ata o J.7 estremando co enclavado J polo sur; do piquete J.7 ata o nº 458, con monte da comunidade de Bermo, e finalmente ata o nº 459, estremando con propiedade particular de Francisco Piñeiro.

Sur: piquete nº 459 ata o 500, cruzando a estrada de Noia a Boiro e estremando con propiedades particulares de Francisco Piñeiro e outros.

Oeste: piquete nº 500 ó 538, estremando con piñeiral de Dolores García e outros.

Resultando que, á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 26-4-1994, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeándose como instructor del a Ramón Olano Calleja, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Noia, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos a tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Boiro, ó xcfe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 133 do 12-7-1994), no taboleiro de anuncios do concello, cámara local agraria, e nos lugares de costume.

Resultando que nas datas 21 e 2 de abril de 1994 as comunidades veciñais dos lugares de Comoxo e da Feosa chegaron a un acordo para establece-los lindeiros comúns que puideran ter nos montes para os que tramitan a declaración perante este xurado, quedando o dito acordo detallado nun plano do deslinde do monte e arquivado nos expedientes como proba do compromiso que subscriben coas súas sinaturas os futuros comuneiros.

Tal acordo é, conforme se describe no 1º resultando desta resolución.

Resultando que os veciños da Feosa fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento desde tempos inmemoriais de madeiras, esquilmos, leñas, na práctica de cultivos na forma e modo que por costume o fan os labregos e nos aproveitamentos de pastos en réxime estensivo, presentándose copia da escritura de redención dos foros do dito lugar.

Resultando que na tramitación das presentes actuacións se cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación.

Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos Arts. 9 e 10 da Lei da

Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Considerando que, de conformidade co contido do Art. 11 da citada Lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da Feosa, parroquia de Boiro, concello de Boiro, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

Considerando que o acordo de establecemento dos lindeiros entre os montes das comunidades dos lugares da Feosa e Comoxo é conforme se describe nos resultandos 1º e 3º desta resolución, avalado polo compromiso subscrito polos compoñentes de ámbalas comunidades, futuros comuneiros delas e reflectida no plano que se arquiva no Rexistro Provincial de Montes Veciñais en Man Común, creado pola Lei 13/1989, do 10 de outubro.

Considerando que o monte debe reuni-las seguintes características: 1) pertenza a agrupacións de veciños na súa cualidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) que os veciños comuneiros residan habitualmente con «casa aberta» dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (Arts. 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

Considerando que das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no 4º resultando, se deduce de forma indiscutible que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal do lugar da Feosa, parroquia de Boiro, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data, acorda cualificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal da Feonsa, parroquia de Boiro, concello de Boiro, o denominado «Peón de Boiro», cos lindeiros, superficie e características que figuran no primeiro, resultando. Así mesmo acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do Catálogo dos de Utilidade Pública, se neles estiver inscrito, incluídoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 14 de decembro de 1994.

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais

en Man Común da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario do xurado