Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 16 de maio de 1995 Páx. 3.631

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 15 de marzo de 1995 pola que se establecen axudas á contratación no ámbito do Plan de Emprego Xuvenil e axudas ás titorías de empresas de economía social para 1995 e cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma, en coherencia co artigo 149.1º 7 da C.E., competencia para a excecución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios que neste ámbito e no nivel de execución ostenta actualmente o Estado (artigo 29.1º).

A alta taxa de desemprego xuvenil, que representa o 50% dos parados desta Comunidade Autónoma e triplica as cifras europeas correspondentes ó mesmo segmento de poboación, fixeron necesario o establecemento dun Plan Galego de Emprego Xuvenil,

como medida de choque ó alto índice de desemprego entre os mozos menores de 30 anos.

Ante esta situación, o Consello Europeo solicitou da comisión un libro branco sobre a estratexia a medio prazo para o crecemento, a competitividade e o emprego, co fin de nutri-la reflexión e colaborar na toma daquelas decisións rexionais, nacionais ou comunitarias que permitan senta-las bases do desenvolvemento das economías europeas, facendo fronte á competencia internacional e creando ó mesmo tempo os postos de traballo necesarios.

Por todo isto, a política de emprego da Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, prevé, entre outras medidas, o cofinanciamento, xunto con diversos poderes públicos dos estados membros de programas tendentes á consecución do emprego coa finalidade de intentar palia-la elevada taxa de desemprego na comunidade.

Para a posta en marcha dos proxectos presentados ante o precitado fondo, e unha vez aprobado o texto definitivo do Plan de Emprego Xuvenil, por acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de abril de mil novecentos noventa e catro, é preciso dicta-las normas que regulen a concesión de axudas do citado plan, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1995 e cos fondos que se reflicten no Marco Comunitario de Apoio da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.

Os programas que se desenvolven na presente orde, axustaranse así mesmo ó disposto nos artigos 78, e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, pola Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1995, no Decreto 52/1994, do 4 de marzo, e pola presente orde de convocatoria.

Os devanditos programas financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.04.222A.475, 14.04.222A.479 e 14.04.222A.481, dos citados orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para 1995, e aqueloutras que se creen como consecuencia dos créditos correspondentes ó cofinanciamento do Fondo Social Europeo.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A presente orde ten por obxecto o establecemento dos seguintes programas do Plan Galego de Emprego Xuvenil, que desenvolverá a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, para o exercicio económico de 1995:

-Substitución voluntaria dun traballador por xubilación ordinaria.

-Reducción voluntaria de xornada, con contratación de mozo desempregado para cubri-lo tempo reducido.

-Axudas á titoría para empresas de economía social.

CAPÍTULO I

Programa de substitución voluntaria dun traballador por xubilación ordinaria

Artigo 2º.-Obxecto.

Este programa ten como obxecto o establecer axudas para fomenta-la contratación de mozos menores de 30 anos, para ocupar un posto de traballo vacante por xubilación ordinaria do seu titular, ou a vacante que se produza na empresa como consecuencia da reordenación do cadro de persoal con motivo da xubilación ordinaria dun traballador, coa finalidade de xerar emprego e evita-la amortización de postos de traballo, así como a acumulación do traballo inherente ó dito posto ó resto de traballadores.

Artigo 3º.-Requisitos.

1. Poderán acollerse ós beneficios previstos neste programa, aquelas empresas que efectúen as citadas contratacións durante o exercicio de 1995 e ata o prazo de remate de presentación de solicitudes, sempre e cando a contratación se efectúe a xornada completa e por tempo indefinido.

2. No suposto de cesamento do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura da vacante terase que realizar dentro dos 15 días seguintes ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa á delegación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude que concedese a axuda, dentro dos 10 días seguintes ó dito cesamento laboral.

Artigo 4º.-Axudas.

A axuda a que se refire este programa consiste nunha subvención de 700.000 ptas., ás empresas que substitúan a un traballador que cause baixa por xubilación ordinaria, cun mozo parado menor de 30 anos.

O tope máximo de subvención por empresa non excederá de cinco millóns de pesetas.

Artigo 5º.-Solicitudes.

As empresas que desexen acollerse ós beneficios do presente programa deberán presentar solicitude para o efecto, á que se xuntará por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

a) Copia auténtica do documento nacional de identidade da persoa que firma a solicitude e, se é o caso, poder bastante para actuar en nome da sociedade, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

b) Fotocopia do DNI do traballador que se pretende contratar.

c) Documento acreditativo do pase a xubilación ordinaria do traballador substituído.

d) Modelo TC1 e TC2 de cotización á Seguridade Social do último mes no que figure o traballador substituído.

e) Fotocopia da tarxeta de demanda de emprego e/ou declaración xurada do traballador, que se pretende contratar, da súa situación real de desemprego.

f) Declaración expresa de que non se percibe ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra Administración pública.

Artigo 6º.-Exclusións.

Quedarán excluídos dos beneficios deste programa:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, ou outras disposicións legais.

b) Os contratos celebrados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario individual ou dos que ocupen postos de alta dirección na empresa, cando esta adopte forma de sociedade, así como os celebrados cos socios.

c) As contratacións realizadas cos traballadores que nos vintecatro meses anteriores á data da contratación subvencionada prestaran servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Artigo 7º.-Pagamento.

A subvención concederase e farase efectiva en forma de pagamento único e unha vez xustificada debidamente, de acordo co establecido no artigo 24º a) da presente orde, así como mediante a presentación do contrato indefinido debidamente rexistrado no INEM e documento de alta na Seguridade Social do traballador contratado.

CAPÍTULO II

Programa de reducción voluntaria de xornada con contratación de mozo desempregado para cubri-lo tempo reducido

Artigo 8º.-Obxecto.

O obxecto deste programa é o de aboar unha axuda como complemento salarial, por unha soa vez, ós traballadores que, con contrato indefinido e a xornada completa, reduzan voluntariamente a súa xornada laboral nun 50%, cando lle falten entre un e tres anos para a xubilación ordinaria, sempre que a empresa o autorice e se comprometa a contratar a un mozo parado menor de 30 anos, co obxecto de compensa-la reducción de xornada, percibindo así mesmo a empresa, igualmente por unha única vez, unha subvención en concepto de axuda á contratación.

Artigo 9º.-Requisitos.

1. Poderanse acoller ás axudas previstas neste programa, aquelas empresas e os seus traballadores que efectúen simultaneamente a reducción de xornada e a contratación de forma indefinida e a tempo parcial, durante o presente exercicio de 1995 e ata o prazo de finalización de solicitudes.

2. No suposto de cesamento do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura da vacante terase que realizar dentro dos 15 días seguintes ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa á delegación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude que concedese a

axuda, dentro dos 10 días seguintes ó dito cesamento laboral.

Artigo 10º.-Axudas.

As axudas a que se refire o presente programa consistirán nunhas subvencións polos importes e nos casos seguintes:

a) 300.000 ptas., ó traballador que acepte a reducción da súa xornada habitual nun 50%, cando lle falten entre un e tres anos para a xubilación ordinaria.

b) 400.000 ptas., á empresa que contrate con carácter indefinido e a tempo parcial (50% da xornada completa) a un mozo menor de 30 anos.

O tope máximo de axuda por empresa non poderá exceder de tres millóns de pesetas.

Artigo 11º.-Solicitudes.

A solicitude para acollerse ás axudas previstas neste programa deberá ser presentada pola empresa, xuntándose a esta, por triplicado exemplar a documentación seguinte:

a) Copia auténtica do documento nacional de identidade da persoa que asina a solicitude e, se é o caso, poder bastante para actuar en nome da sociedade, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

b) Fotocopia do D.N.I. do traballador que reduce a súa xornada.

c) Fotocopia do D.N.I. do traballador que se pretende contratar para a substitución da reducción de xornada.

d) Fotocopia da tarxeta de demanda de emprego e/ou declaración xurada do traballador que se pretende contratar da súa situación real de desemprego.

e) Aceptación expresa da empresa de reducción de xornada e compromiso de contratación para completala.

f) Aceptación expresa do traballador que reduce a súa xornada.

g) Declaración expresa de que non se percibe ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra Administración pública.

h) Modelo TC-1 e TC-2 do ano 1995, ata o momento de presentación da solicitude, exceptuándose se é o caso, o mes inmediatamente anterior á solicitude.

Artigo 12º.-Exclusións

Exceptuaranse das axudas previstas no presente programa:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, ou outras disposicións legais.

b) Os contratos celebrados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao, inclusive, do empresario individual ou dos que ocupen postos de alta dirección na empresa, cando esta adopte forma de sociedade, así como os celebrados cos socios.

c) As contratacións realizadas cos traballadores que nos vintecatro meses anteriores á data da con

tratación subvencionada prestaran servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

d) As reduccións de xornada efectuadas ó amparo do disposto no artigo 37 da Lei 8/1980, de 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, ou outras disposicións legais.

Artigo 13º.-Pagamento

A subvención concederase e farase efectiva en forma de pagamento único e unha vez xustificado debidamente, de acordo co establecido no artigo 24º a) da presente orde, así como mediante a presentación de copia ou fotocopia compulsada do contrato indefinido a tempo parcial debidamente rexistrado no INEM e documento de alta na Seguridade Social do traballador contratado.

CAPÍTULO III

Axudas á titoría para empresas de economía social

Artigo 14º.-Obxecto

1. Este programa ten como finalidade establecer axudas para fomenta-los labores de titores, de empresas de economía social constituídas preferentemente por mozos menores de 30 anos, que se atopen empadroados no ámbito desta Comunidade Autónoma e que se establezan nela.

2. Estas axudas poderán comprende-las actividades seguintes:

a) Estudios de viabilidade ou de proxecto económico previo á iniciación da actividade obxecto do plan de investimento.

b) Realización dos trámites de constitución e xestións de alta na actividade, así como dos diferentes requisitos para obtención das distintas axudas públicas existentes.

c) Apoio á xestión e plan de seguemento durante o periodo máximo de un ano.

3. Para a realización das funcións de titoría seleccionaranse as persoas responsables diante da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, para a aplicación do proxecto, as cales se encargarán de levar a cabo algunha ou a totalidade das fases citadas no punto anterior, subministrando periodicamente os datos oportunos que lle sexan requiridos.

Artigo 15º.-Requisitos

1. Poderán acollerse ós beneficios previstos neste programa as persoas físicas ou xurídicas de recoñecida solvencia profesional en asesoramento e coñecemento de empresas de economía social, que asuman as funcións de titores das empresas de economía social constituídas preferentemente por menores de 30 anos, entendéndose por empresas de economía social, as cooperativas de traballo asociado, as sociedades anónimas laborais e os autónomos.

2. Así mesmo, poderán celebrarse convenios de cooperación e/ou colaboración, con entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro para a realización das actividades indicadas no artigo 14º.2.

3. Terán preferencia as accións de titoría de empresas de economía social que potencien a explotación de recursos endóxenos ou incidan na prestación de servicios de interese xeral e social.

Artigo 16º.-Axudas

1. As contías da axuda, para cada tipo de actividade, serán as seguintes:

a) Estudios de viabilidade, ata un máximo de 700.000 ptas., segundo o sector industrial no que se integre, área xeográfica de instalación e actividade a que se dedique.

b) Trámites de constitución, ata un máximo de 300.000 ptas.

c) Apoio á xestión e plan de seguimento, ata un máximo de 2.500.000 ptas.

2. As contías máximas indicadas anteriormente poderán verse minoradas en función do número de membros da empresa de economía social, así como pola viabilidade e zona de implantación do proxecto presentado.

Artigo 17º.-Solicitudes

A solicitude deberá acompañarse, por triplicado exemplar:

a) Copia auténtica do DNI da persoa que asina a solicitude e, se é o caso, poder bastante para actuar en nome da sociedade, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

b) Fotocopia do DNI da/as persoa/as responsable/es.

c) Memoria explicativa do proxecto que se vai realizar, incluíndo fotocopia do DNI dos membros da empresa de economía social que se vai constituír.

d) Documentos acreditativos de encontrarse ó día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, da entidade que asuma as funcións de titoría.

CAPÍTULO IV

Normas de procedemento comúns

Artigo 18º.-Incompatibilidades

As subvencións e axudas descritas na presente orde serán incompatibles con outras que polos mesmos conceptos poidan outorgar outras administracións públicas.

Artigo 19º.-Presentación de solicitudes

As solicitudes ós distintos programas recollidos na presente orde, presentaranse no rexistro xeral das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, ou na forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa documentación esixida en cada caso, así como coa documentación seguinte:

a) Ficha de transferencia bancaria, en modelo oficial, que será facilitada nas respectivas delegacións provinciais.

b) Fotocopia compulsada do NIF, no caso das empresas.

c) Certificado bancario de existencia de conta.

d) Declaración pola que se expresa a aceptación ás actuacións de comprobación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude previstas no artigo 14.2 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Para o programa establecido no capítulo segundo, deberase aportar igualmente a documentación indicada nos apartados a) e c) deste artigo, dos traballadores que reducen a súa xornada.

Artigo 20º.-Prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de outubro. Sen embargo, e por razóns de eficacia, no mes seguinte a cada trimestre, excepto no cuarto, que se resolverá en novembro, resolveranse as solicitudes presentadas no trimestre anterior.

2. No suposto de que as solicitudes non cumpran os requisitos sinalados para cada programa na presente orde ou a documentación aportada sexa insuficiente ou contivese erros, procederase da forma prevista no artigo 10.2º do decreto citado anteriormente.

Artigo 21º.-Valoración

1. Unha vez completados os expedientes, remitiranse á comisión de valoración, para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación perante o órgano competente para resolver.

2. Para os efectos do disposto no presente artigo, a comisión de valoración estará composta:

a) Nas delegacións provinciais, polo xefe do Servicio de Formación e Emprego, que a presidirá, e serán vocais un funcionario competente en materia de emprego que actuará como secretario e un funcionario destinado na respectiva delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, nomeado polo delegado.

b) Nos servicios centrais, polo director xeral de Formación e Emprego, que a presidirá, e serán vocais o subdirector de Emprego que actuará como secretario, o xefe do Servicio de Promoción de Emprego, e o xefe da Sección de F.S.E.

Artigo 22º.-Tramitación

Para a tramitación das axudas terase en conta:

a) Nas contratacións efectuadas ó abeiro do indicado nos programas dos capítulos primeiro e segundo, aquelas que se realicen nos sectores productivos con maior incidencia de desemprego e as pequenas e medianas empresas.

b) Para o programa do capítulo terceiro, aquelas empresas de economía social que coa súa constitución impidan a mobilidade xeográfica da zona e incidan naqueles sectores productivos menos desenvolvidos nela, tendo en conta igualmente o disposto no artigo 15.2º da presente orde.

Artigo 23º.-Resolución

1. A resolución das axudas e subvencións, unha vez informadas pola comisión de valoración e fiscalizadas as propostas polas respectivas interven

cións, corresponderalle á conselleira de Familia, Muller e Xuventude ou ós respectivos delegados provinciais, segundo se trate de accións que se desenvolvan ou non en máis de unha provincia, e deberán ser notificadas ós interesados.

2. Non obstante o sinalado no parágrafo anterior, a conselleira de Familia, Muller e Xuventude poderá resolver sobre a concesión de axudas e subvencións para accións que se desenvolvan no ámbito provincial naqueles sectores productivos que polas súas características así o aconsellen.

Artigo 24º.-Requisitos para o aboamento

Con independencia da súa contía e antes de proceder ó seu cobro, os beneficiarios das subvencións e axudas recollidas nos diferentes programas da presente orde, terán que acreditar:

a) Que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Para o programa desenvolvido no capítulo terceiro, documentación xustificativa de que os gastos para os cales se concedeu a subvención foron efectuados e os servicios prestados, respectivamente.

Artigo 25º.-Aboamento

O aboamento das axudas e subvencións faranse efectivos da forma seguinte:

a) Nos programas de axudas á titoría para empresas de economía social:

-Ata un 50% do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, no momento no que a delegación provincial da Consellería da Familia, Muller e Xuventude, ou a Dirección Xeral de Formación e Emprego reciba comunicación da entidade responsable de levar a cabo a realización das accións dos devanditos programas, na que se notifique o inicio das actividades, así como a documentación sinalada no apartado a) do artigo anterior.

-O resto, unha vez finalizado o programa e unha vez recibida a documentación indicada no artigo 24º b), tendo en conta que a xustificación deberá realizarse, en todo caso, antes do día 10 de novembro de 1995.

b) Nos programas de substitución voluntaria dun traballador por xubilación ordinaria e reducción voluntaria de xornada con contratación de mozo desempregado para cubri-lo tempo reducido:

-En forma de pagamento único, e logo de presentación do indicado nos artigos 7º e 13º, respectivamente; así como a documentación sinalada no apartado a) do artigo anterior.

Artigo 26º.-Publicidade

Nas accións que se leven a cabo nos programas citados no capítulo terceiro, deberá figurar no lugar onde se realicen as mesmas, de forma visible, cartel publicitario no que se indique que esa acción se encontra cofinanciada pola Xunta de Galicia, Consellería de Familia, Muller e Xuventude e o Fondo Social Europeo, ámbalas dúas denominacións cos seus respectivos anagramas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, o Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo social Europeo no Ministerio de Traballo e Seguridade Social, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea, constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto co interese de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992.

Terceira.-A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Cuarta.-A concesión das axudas reguladas na presente orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais para 1995, da Comunidade Autónoma para o fin que perseguen e os compromisos que se reflecten no Marco Comunitario de Apoio provenientes do Fondo Social Europeo.

Quinta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou o director xeral de Formación e Emprego, segundo proceda, e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio có substituído.

Sexta.-Coa finalidade de dar cumprimento ó establecido no texto definitivo do Plan de Emprego Xuvenil, aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 21 de abril de 1994, poderanse celebrar convenios de cooperación con entidades públicas, ou de colaboración con entidades privadas para a creacion dos viveiros de empresa, e «juniors empresas».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orden.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude