Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 16 de maio de 1995 Páx. 3.639

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 1995 pola que se convocan unhas xornadas de estudio sobre o dereito civil de Galicia.

Dentro das actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1995, figura a realización dunhas xornadas de estudio sobre o dereito civil de Galicia, en colaboración co Parlamento de Galicia.

1. Obxecto.

Os días 8 e 9 de xuño de 1995 terán lugar na aula de cultura de Caixa Ourense, unhas xornadas de estudio sobre o dereito civil de Galicia.

O obxectivo destas xornadas é darlle a coñecer á sociedade galega a nova lei de dereito civil de Galicia, os seus precedentes históricos e contido, evidenciando o seu carácter de norma esencial para a regulación das relacións xurídico-privadas dos cidadáns desta comunidade e o marco que lle corresponde no ordenamento xurídico galego.

2. Destinatarios.

Xuristas da comunidade que exerzan a súa actividade no ámbito da universidade, corpos de funcionarios ou ben como profesionais do dereito, así como interesados en xeral.

3. Desenvolvemento e duración.

As xornadas abriranse o xoves, día 8 de xuño, ás 10 horas, e rematará ás 13 horas da mañá do venres, día 9 de xuño.

4. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 5 de xuño de 1995.

-Lugar de presentación: no rexistro xeral da EGAP (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 -15703, Santiago de Compostela). Tfno. 57 08 00. Telefax nº 57 15 40.

-Forma: as solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que figura ó final destas bases. Serán rexeitadas todas aquelas peticións que non reúnan o dito requisito.

As peticións de admisión poderanse enviar por correo ordinario ou por telefax ó número consignado.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán de quedaren prazas baldeiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

A partir do 6 de xuño, os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono en días laborables, de 11.30 a 14.45 horas, ó seguinte número: (981) 57 08 00 (Ext. 229), ou ben consultando a lista de admitidos que se expoñerá no taboleiro de anuncios da EGAP 24 horas despois do remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. Certificado de asistencia.

Entregaráselles ó remate destas xornadas a aqueles asistentes que concorresen asiduamente a elas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 1995.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración Pública